O mar de Bueu no Día das Artes Galegas de 2026
A Real Academia Galega de Belas Artes acaba de decidir o homenaxeado do vindeiro ano co gallo do Día das Artes Galegas, a celebrar o 1 de abril. Trátase do fotógrafo José Suárez (Allariz, 1902), autor da senlleira serie fotográfica «Mariñeiros», realizada entre Bueu, Aldán e Rianxo.

A icónica imaxe do neno coa réplica da dorna «Javiota», que se pensa que está feita en Bueu. / José Suárez. Cesión da familia e Museo Centro Gaiás
José Suárez (Allariz, 1902-A Guarda, 1974) está considerado como o fotógrafo galego máis internacional, un dos méritos que lle recoñece a Real Academia Galega das Artes para dedicarlle en 2026 o Día Galego das Artes. Un dos traballos máis importantes do fotógrafo ourensán está intimamente vencellado ao mar e ao Morrazo, especialmente a Bueu e a parroquia canguesa de Aldán. Estas localizacións, xunto a Rianxo, son os escenarios principais da serie «Mariñeiros», un conxunto de imaxes que constitúen un poderoso poema fotográfico ao redor do mar e das súas xentes. Se hai unha imaxe que se pode considerar como icónica é a dun rapaz, probablemente fillo dun mariñeiro, que sostén nos seus brazos unha réplica dunha dorna chamada «Javiota» mentras a súa mirada parece dirixirse a un horizonte infinito. Unha fotografía que case todo mundo entende que foi realizada en Bueu, pero non existe unha confirmación plena ao respecto.
Así que Bueu e Cangas forman parte imprescindible da xeografía e do traballo de José Suárez, que chega ao Morrazo ao longo de 1935. Estamos falando dun tempo no que especialmente en Bueu e na Praia de Beluso paraban importantes persoeiros da vida política e cultural: Castelao, Maruja Mallo, Alexandre Bóveda e o escritor e posteriormente presidente de Venezuela Rómulo Gallegos. Todo iso sen olvidar a un mozo Gonzalo Torrente Ballester, que se mudara coa súa familia a Bueu e que en 1932 casou cunha veciña bueuesa, Josefina Malvido. Unha na que unha das testemuñas foi José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira.
José Suárez chega ao Morrazo durante o ano 1935 despois de deixar o seu traballo como oficial administrativo no concello de Salamanca. O fotógrafo estudiara Dereito na cidade salmantina, unha época na que trabou amizade co entonces reitor da universidade: o escritor Miguel de Unamuno, a que tamen fotografiou noutra serie de imaxes históricas en La Flecha (un lugar preto de Salamanca).

Unha fotografía de José Suárez xunto ao seu can Mambrino. / Cesión da familia e Museo Centro Gaiás
A súa presenza na comarca e nas Rías Baixas pode explicarse por dúas razóns. Un dos seus irmáns maiores vivía en Coruxo (Vigo), o que lle permitía coñecer ben todo este entorno. E logo está o encargo que lle fixo a Compañía Industrial del Film Español (Cifesa), que lle solicitou a Suárez catro documentais sobre a artesanía e cultura galega, que estarían centrados nos oleiros, feirantes, a malla e os mariñeiros.
O único deses catro encargos nos que chega a empezar é o dos mariñeiros. O que se conserva son un conxunto de 130 imaxes nas que José Suárez tenta plasmar o traballo e a forma de vida da xente do mar. A día de hoxe podemos saber que esas fotografías son o que se chama unha prefilmación, o traballo previo ao que sería a rodaxe do documental. «Polo que se pode ver, polo que sabemos da forma de traballar do meu tío e polo que nos contaron algunhas das persoas que aparecían na serie... Son as mesmas personaxes e as mesmas localizacións», explicaba un dos seus sobriños, Xosé Luis Suárez Canal, profesor xubilado da Facultade de Ciencias da Información da Universidade de Santiago (USC), a este xornalista para un artigo anterior no ano 2016.
O xeito de traballar de José Suárez, os encadres e a composición das súas fotos naquel tempo ben se poden considerar como vangardistas: personaxes que evitan mirar directamente a cámara, picados e contrapicados... Recursos cos que o fotógrafo pretendía «magnificar a estas persoas que viven nunhas condicións penosas», explicaban o propio Suárez Canal e Manuel Sendón no catálogo da gran exposición restrospectiva dedicada ao fotógrafo entre finais de 2015 e principios de 2016 no museo da Cidade da Cultura do Gaiás, en Santiago. Así, destacan unha especie de «procesión» de mariñeiros coas redes; as mulleres traballando na reparacións dos aparellos; unha curiosa foto na praia de Banda do Río coas botas dun home en primeiro plano xunto a outro mariñeiro, do que só se ven as súas pernas, os pés descalzos e as mans con artiluxios de pesca e un monllo de peixes; ou un impermeable colgado, tamén na Banda do Río, que parece representar unha crucifixión.
Unha primeira exposición en París, en 1935
Unha primeira parte desas imaxes chegaron a expoñerse en 1935 en París, aínda que a maioría das fotografías son posteriores. O golpe militar de 1936 e a posterior Guerra Civil abocaron a Galicia e a España a unha «longa noite de pedra», como aludía o poemario de Celso Emilio Ferreiro.José Suárez sae de Galicia e diríxese a Lisboa, onde embarca xunto ao pintor Manuel Colmeiro con rumbo a Bos Aires para o exilio. Unha das historias non confirmadas é que o bando sublevado ofreceulle a posibilidade de sobrevoar as posicións republicanas para fotografar as súas posicións e baterías. Algo ao que Suárez se negaría e optou polo exilio.

José Suárez coi recoñecido cineasta xaponés Akira Kurosawa en 1960. / Cesión da familia e Museo Centro Gaiás
Parece que foi en Bos Aires onde se revelan os negativos da serie «Mariñeiros» e onde se acaba de filmar o documental. Hai constancia de que a cinta chegouse a estrar en xullo de 1938 no Cine Avenida da capital arxentina, ao igual que noutras cidades do país e incluso en Montevideo (Uruguai). Desgrazadamente non se conserva ningunha copia daquel documental. E se existe está agochada ou esquencida nalgún baúl á espera de que alguén a atope.
Un exilio de máis de 20 anos
José Suárez permanece no exilio máis de 20 anos, un tempo no que se consagra como un dos grandes fotógrafos internacionais e traballa con artistas da talla do director de cine xaponés Akira Kurosawa. Voltou a Galicia en 1959 e aínda houbo que agardar ata 1967 e 1971 para que se puidese ver a serie de fotografías de «Mariñeiros» en sendas exposicións en Vigo e Ourense.
Esa serie «Mariñeiros» nunca se chegou a expoñer en Bueu nin no Morrazo. Por iso, a celebración do Día das Artes Galegas de 2026 ao redor de José Suárez e a inminente inauguración da ampliación e reforma do Museo Massó poden supoñer unha feliz coincidencia para que por fin estas imaxes se podan ver no lugar onde foron tomadas hai case un século.
Suscríbete para seguir leyendo
- PP y AV denuncian el muro de ensanche de Longán por incumplir la normativa y culpan al Concello
- El urbanismo de Moaña marca un nuevo hito al convertir un local en cuatro pisos
- Ons y los guardianes de la tradición.
- Moaña lanza una OPE con 28 puestos y amplía plantilla por primera vez desde 2012
- Cuatro noches de música en unas Festas do Carme con los fuegos aún en el aire
- El Sergas alega que el PAC moañés es más eficaz en Cangas y reconoce que su cierre no fue provisional
- Una gaviota narcisista en la isla de Ons
- Moaña aumentará la vigilancia policial en el parking del Lidl