CRÍTICA

As raíñas de Cádiz

Mesturan elementos da traxedia co humor para facer unha sátira da política actual

Un momento da representación de  «La reina brava» no auditorio de Cangas.

Un momento da representación de «La reina brava» no auditorio de Cangas. / Mostra de Teatro

Ana Abad de Larriva

Las Niñas de Cádiz volveron á Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas catro anos despois de gañar o Premio do Público con El viento es salvaje para abrir a programación da 42ª edición do festival coa súa última obra, La reina brava. A peza, con texto e dirección de Ana López Segovia, quen tamén actúa nela, canda Rocío Segovia e Alicia Rodríguez, preséntanos a historia do asasinato dunha raíña odiada pero mantida no poder.

A montaxe abordárana preguntándose como farían Las Niñas de Cádiz un Shakespeare e o resultado é un espectáculo que mestura elementos tráxicos co humor para tratar as grandes paixóns e defectos humanos universais, inspirado e con alusións e chistes vinculados á máis fervente actualidade política. Así, compoñentes do teatro isabelino e referencias ás traxedias do gran bardo inglés dan a man a elementos do romanceiro e do carnaval de Cádiz para aludir de xeito continuo ás miserias e delitos do poder e da Administración na España contemporánea, nunha combinación explosiva e contundente.

Sexa nos versos rimados no texto falado ou nas coplas declamadas ou cantadas, as palabras en Las Niñas de Cádiz son proxectís que elas cargan e cos que apuntan e disparan, cunha habelencia que fai que a espectadora se manteña en vilo en cada frase, agardando a rima, o chiste, ás veces anticipándoo, e logo celebrando o acerto. A linguaxe e as formas que remiten a un teatro clásico combinadas con expresións coloquiais e vulgares e referentes próximos provocan unha hilaridade continua, que se nutre da construción das personaxes, con toques esperpénticos e grotescos.

Hai na peza unha forte sátira da corrupción, da prevaricación, dos abusos de poder e dos delirios de grandeza; da “caspa” da política. As personaxes principais non son heroínas pero conectamos con elas polo ben construídas que están, porque a pesar das miserias que as moven din cousas simpáticas e ás veces mesmo cheas de verdade. Nun espazo minimalista, son as actrices as que co seu corpo, a súa voz e cambios áxiles de vestiario e attrezzo conseguen xerar todo o imaxinario, dando vida ás diferentes personaxes dun xeito dinámico, con contrastes entre elas e momentos de gran forza. Destaca especialmente a súa presenza, así como a súa conexión co público, os elementos musicais que introducen e o manexo do ritmo e a graza nos cambios; todo para contarnos unha historia da que xa sabemos o final, pois nos é presentado ao comezo, pero que redescubrimos, deleitándonos co xeito en que nos é desenvolvida para levarnos de novo ao seu remate, e que nos toca, ao facernos reflexionar sobre a ruindade e sobre as arestas do esquecemento. Foron continuas as risas durante a función en Cangas, que pechou cun longuísimo aplauso do público, dirixido ás tres raíñas bravas, afoutas, que nos gobernaron dende a escena.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents