Unha acción de guerrilla para unha Casa da Mocidade en Bueu

O IES Illa de Ons pon escena unha acción reivindicativa dentro dun proxecto europeo da Rede Compás

Bueu

Un grupo de estudantes do IES Illa de Ons sorprenderon onte ao mediodía cunha orixinal representación e acción reivindicativa á xente que paseaba pola céntrica rúa peonil Eduardo Vincenti. Unha «performance», ou máis ben unha «acción de guerrilla», como eles mesmo a definiron, para reclamar unha Casa da Mocidade na vila. Foi unha posta en escena sorprendente e orixinal, que forma parte do proxecto no que están traballando con outros institutos de Galicia dentro da Rede Compás e coa Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso).

Nesta iniciativa participa alumnado de 2º e 3º de ESO, que levan traballando dende finais do primeiro trimestre en base aos Obxectivos Europeos da Xuventude (European Youth Goals na súa denominación en inglés). O reto que se marcou o alumnado do IES Illa de Ons é a consecución dunha Casa da Mocidade, un espazo que acolla actividades creativas, culturais e cunha programación que xurda da propia xuventude.

A escenificación que representaron onte comezou cunha primeira parte na que interpretaban con moita tristura unha canción, unha maneira de denunciar o silenciamento da mocidade. Despois esa canción, a partir dunha xota con pandeireta, tranformouse nun tema claramente reivindicativo. E para rematar representaron algunhas das moitas actividades e usos que podería acoller esa Casa da Mocidade.

Esta acción de onte chega despois da xuntanza que os institutos que participan neste proxecto celebraron en Allariz no mes de abril. Naquela posta en común acordouse que cada un deles organizaría unha representación reivindicativa na súa vila ao redor do obxectivo que tivesen escollido.

Entre o público que acudiu a esta «acción de guerrilla» había varios concelleiros do goberno local, que a bo seguro tomaron nota da reivindicación. De feito o estudantado do IES Illa de Ons está participando de maneira moi activa no proceso aberto polo Concello de Bueu para reconvertir a antiga cámara agraria na Casa da Mocidade.

A seguinte parada será no mes de setembro no Parlamento Europeo en Bruxelas, a onde acudirá unha representación dos institutos participantes neste proxecto da Rede Compás. Por parte do IES Illa de Ons irán Daniela Otero e Sara Rivadulla.

Tracking Pixel Contents