As Fragas do Rei na antiga Xurisdición de Cangas a finais do século XVIII (III)
Continuamos neste capítulo coa enumeración das Fragas do Rei, incluindo algúns datos sobre o estado dos seus plantíos e algunhas notas referentes aos seus nomes e evolución das especies ata a sua desaparición a partir de mediados do século XIX, debido ás mudanzas administrativas e sobre todo por deixar de ser a madeira o elemento fundamental na construción dos grandes barcos que agora xa se fan de ferro.

Unha ilustracion cos traballos de derramar e aserrar carballos. / A.A.
Xerardo Dasairas*
Couto de Sta. Olalla de Meira
Conta con duas fragas no Monte do Magosto con 3.114 carballos que despois dos descartes quedan en 2.905. Logo menciónase como de Magusto e fálase de que conta cun alcoubo chamado Viveiro Vello que foi trasladado a un tiro de fusil para un novo sitio chamado do Regueiriño. Conta con viais de traslado en uso e o embarcadoiro en Samertolameu. En 2007 cando se facía a Vía Rápida, rexurdiu o topónimo de Devesa do Rei, onde se localizou un petróglifo na área chamada das Cidades (Castro) que foron arrasados polas obras.
San Salvador de Coiro
Ubícase aquí a Devesa do Rio da Laxe que linda co Fentosal e conta cuns 1.600 carballos despois da rarea ou entresaca. Tén viveiro pero sen plantas pois gastáranse na repoboacion anterior pero o perito carpinteiro selecciona once carballos útiles para a contrución de barcos. Conta con viais de traslado ata o embarcadoiro da Vila de Cangas.

Exemplos de carballeiras / A.A.
Darbo (Anexo da Vila de Cangas)
Sitúase aquí a chamada Devesa de Bagüín na visita de 1785 con 564 carballos medianos, necesitados de poda polos veciños, segundo as directrices dos carpinteiros de construción. Anótase que, contiguo a esta, hai un piñeiral cercado con muro de pedra, de 177 árbores das que despois da entresaca quedan en 122 piñeiros útiles. Este número de árbores aproveitables leva a que se propoña por primeira vez a mudanza á plantación de piñeiros nas fragas de Bagüin e San Roque. O topónimo Bagüin (Baghuín) vai converterse en Bajín e Baxín na documentación do escribán que o transcribiu ao escoitar Baghuín e tén referentes similares ao acontecido co nome do monte Gagán, convertido en Xaxán, e que en documentos antigos que consultamos tamén se denomina Ghallán. Bagüín é un topónimo xermánico, presente ainda nun lugar de Marín, xa con referencias nun poema medieval e que non tén outra orixe que o nome dun posesor xermánico chamado Walduin (Balduino). Actualmente desígnase como Baguín pertencente ao lugar de Ourelo.
Outra devesa situada en Darbo era a de San Roque con 325 carballos dos que 232 son útiles despois das cortas dos secos. Na visita atoparon unha apropiación de terras por parte duns veciños que plantaran piñeiros, comunicándolle a estes (herdeiros de Joseph de la Cruz) o delito, cuxa sanción foi a incautación dos piñeiros, que quedaron para a Real Dehesa. Este feito deu pé a que as autoridades fixesen un apercibimento aos veciños para que non realizasen estas accións polas consecuencias xudiciais pertinentes. Ao norte desta fraga tamén visitaron o chamado Pinar Novo de San Roque, sito na aldea chamada da Serra do Norte, que pertencía aos herdeiros de Benito Soliño. Como embarcadoiro máis próximo a esta devesa de San Roque sinálase o de Cangas, engadíndose que aquí, cos carballos vellos e desmochados, os veciños adoitan facer os parrais das suas viñas. Tamén se tenta aclarar unha denuncia pola corta de 14 carballos feita sen permiso polos veciños, que se xustifican alegando que a sua finalidade era vendelos para destinar os cartos á fábrica da capela, o seu mantemento e as obras realizadas na mesma. Nestas duas fragas, segundo o procurador síndico de Cangas, Manuel Antonio Ramírez, os carballos non prevalecen e están dando maior rendemento os piñeiros que aqueles, pouco útiles para a Armada Real porque se dan moi mal e pide que se sustitúan por esta especie como así se fixo.

Devesas dentro da xurisdición de Cangas en 1849. / A.A.
O Hío
Nesta freguesía sitúanse dúas fragas, unha a chamada Dehesa do Monte do Rodal ou do Viveiro Vello que conta con 128 carballos dos que quedarán só 57 despois das cortas necesarias. A outra é a Devesa de Lavapés cuns 1.300 carballos, despois de arrincar 245 e contan co embarcadoiro do Areal (?).
Aldán
No monte Casás está a Devesa da Costa con 407 carballos utiles despois das cortas. Outra devesa nesta parroquia, que lindaba coa devesa de Beluso, era a de Castiñeira que contabilizaba 960 carballos despois da depuración. Tiña asignado o embarcadoiro na praia de Figueirón.
Couto de Bon e Vilar
Pertencía á condesa de Aldán pero estaba inserto na freguesía de Beluso coa que compartía a Devesa da Castiñeira. Esta situación administrativa acarrexaría problemas, tendo que intervir o xuiz do couto Antonio de la Rua Villarprego, certificando que o couto tiña 56 veciños baixo a xurisdición da condesa e 26 pertencente á de Cangas (Beluso), pero que non levaban Libro de Árboles nin documentos de control da devesa pola sua parte.
Beluso
Contaba coa Devesa da Castiñeira que lindaba coa anterior e tiña uns 2.000 carballos e un alcoubo coidado, tendo tamén como embarcadoiro sinalado o chamado do Figueirón.

Datos das Fragas do Rei no ano 1835. / A.A.
San Martiño de Bueu
Contaba con tres fragas e a principal era a da Castiñeira cuns 1.500 carballos útiles despois das cortas preceptivas útiles e contaba cun viveiro con carballos para trasplantar e semente de landra albar.
Outra devesa situábase no anexo de Santiago de Hermelo cuns 300 carballos pero estaba chea de toxos por falta de rozas e o viveiro abandonado. Os encargados serían sancionados por carecer do Libro de Árboles e Contas e permitir que tres veciños plantasen nela carballos de mala calidade. O porto de embarque asignado era o de Bueu.
A terceira era a Devesa da Portela, ubicada no monte do mesmo nome e contaba cuns 1.800 carballos e outros 94 novos pertencentes a dous particulares. Lindando con esta devesa estaba o Esteiro de Perdigón onde o conde de San Román, J. A. Soto y Quroga, tiña 50 carballos e un piñeiral con 500 exemplares.
Santa María de Cela
Contaba coa Devesa Real das Chans con arredor de 1.000 carballos dos que hai algúns útiles para a construción (de barcos), desglosando e anotando o carpinteiro as pezas que podían sacarse para cada tipo de fragata. Contodo, os responsables serían sancionados pois no viveiro só había arbores inútiles para seren trasplantadas. Outra devesa era a do monte Cotoleiro con case 1.000 carballos e viveiro en bo estado, lindante co monte Pedrouzo e situada por frente da Praia do Loureiro, sinalada como lugar de embarque.
No monte común da Ermida de San Lourenzo tamén hai unha devesa particular con 38 carballos, dos que marcaron nove como pezas útiles para a construción. Outra particular con corenta carballos e varios castiñeiros, marcados como útiles, situábase na Fonte Alta de Saborigo. Como embarcadoiro máis próximo a estas sinálase o de Portomaior.

A propiedade forestal colectiva na actualidade. / A.A.
San Tomé do Piñeiro e Santa María do Campo
Nestas freguesías sitúase a Devesa da Portela que conta co 2.525 carballos e 63 no anexo viveiro vello que está moi abandonado. Das árbores da devesa, 1.843 carballos foron plantados por dous veciños para obter a porcentaxe de aproveitamento que lles corresponde. Porén, o viveiro novo que se ubica na Troncosa está ben surtido de carballos novos e incluso hai unha quincena de ameneiros. Os carballos sinalados aquí son de máis de oitenta anos e deles poden obterse xugos, varengas, xenois, reveses e baos para as fragatas e navíos. Tamén hai na zona bastantes particulares que manteñen carballeiras, piñeirais e un souto. O embarcadoiro sinalado é o de San Tomé.
Santa María de Ardán
Conta coa Devesa da Gaiba (Ghaiba) entre o monte Sobroso e o rio da Golvada (augalevada) cuns 1.200 carballos. Aquí proxéctase un novo plantío de carballos en terreo de baldío ao norte da capela de San Lourenzo e mírase tamén outro en Pedrafoxos. O embarcadoiro máis próximo é o da capela de San Clemente.
Que foi destas fragas de carballos?
O primeiro paso para o seu alleamento produciríase baixo o novo réxime e un Real Decreto de 1833 vai quitarlle á Armada a xestión secular destas fragas e plantíos veciñais que agora, xunto coa xestión dos montes pasan a depender do Ministerio de Fomento. A creación dos novos concellos vai mudar tamén a xeografía e competencias administrativas e estes van pór os ollos nos réditos dos montes, incluso nos veciñais.
Contodo, non se podía deixar a Armada sen a base principal para a anovación da maltreita flota e esta seguiu sacando proveito das fragas, agora moi descoidadas e en merma continua, ao estaren os veciños exentos do seu coidado. En 1835, o agora Fiscal celador de Montes y Plantíos declara que a maior parte deles están abandonados e inútiles. Na altura de 1849, das vinte fragas do distrito de Cangas, a Armada ainda controla deceseis: No Concello de Meira figuran a Devesa de Meira (Magusto) con 429 carballos, algúns aproveitables de oitenta e noventa anos; a de Abelenda en Tirán censa 257; a de San Martiño de Moaña, que denominan Jalba, 452 carballos, indicando que todas estaban demarcadas con moxóns coa letra R de Real.
No Concello de Bueu posúe a chamada Devesa cuns 469 carballos útiles e 49 de cría nova; a chamada Devesa de Beluso con 497 e 82 de cría e a Devesa Nova en Cela con 416 carballos e 160 de cría, habendo outra contigua, pechada con muro de pedra, que tén 232 carballos e máis dunha vintena inútiles. En Aldán figura a Devesa de Castiñeiras con 692 carballos e 77 de cria e no Hio anotan a Devesa de Canles de Abaixo con 837 carballos de regular medida e altura e 120 de cría nova.
O novo Concello de Marín conta coa Carballeira Vella con 118 carballos e 30 de cria e a Carballeira Nova con 664 carballos e 122 de cria; en Ardán, segue a Devesa de Ghaiba con 1.237 carballos (aberta, sen muro nin moxóns) e en San Tomé do Piñeiro, a Devesa da Portela con 1.578 árbores.
O Concello de Cangas só tén duas parroquias nesta data, a de Cangas co anexo de Darbo e a de Coiro e nesta menciónase a Devesa da Fraga con 868 carballos, un cento deles inútiles ou secos e 194 de cria nova. No anexo de Darbo xa fora alleado o piñeiral de San Roque (supomos que polo Concello) e continúa o piñeiral, chamado agora de Lajín, pechado, e que conta con 670 piñeiros, a maioría de setenta anos, o que nos indica cando se comezou a producir a mudanza de plantación. Podemos deducir que esta mudanza veu apurada polo novo uso da casca do piñeiro para o “encascado” das redes de algodón.

Mapa coa repoboación de piñeiro impulsada pola Deputación de Pontevedra. / D.P.
O Diccionario de Pascual Madoz
Entre 1845 e 1850, Pascual Madoz recolle no seu coñecido Diccionario que Cangas participa de de monte e chairas, é bastante fértil, achándose algún arboredo de varias clases nas paraxes da Magdalena, Fraga de Coiro, Castelo e Baralonga. Este importante personaxe, como ministro de Facenda, comezaría en 1855 a terceira Desamortización que acabou definitivamente coa maioría das fragas de carballos (Devesas reales) sendo adqueridas por mans particulares, mercadas sobre todo por industriais do coiro (pola codia) e por empresarios implicados na construción do ferrocarril para faceren as travesas das vías. Xa comentamos noutras ocasións que un dos maiores beneficiarios no Morrazo deste proceso desamortizador foi o avogado Eduardo Matos que era membro da Xunta de Venda de Bens Nacionais e accionista do ferrocarril e que adquere trece propiedades forestais por 45.970 reais. En 1881 os informes ainda recollen que o Morrazo tén montes pouco poboados e de escasa vexetación dos que unha parte son dos municipios e outra de particulares...
Habería que agardar ata finais de 1926 cando a Deputación comezase co seu programa de repoboación dos montes provinciais a base de piñeiros, que agora si que chegarían xa aos curutos dos montes, mudando a fisionomía da nosa paisaxe cara a unha maior superficie arborada pois o piñeiro medra ata entre as pedras. Porén, as carballeiras, despois de séculos de acolleren antergos rituais, festas e romarías, feiras e outras celebracións, recollidas en numerosas cantigas e orixinando topónimos como Carballo, Carballiño... ou apelidos como Carballeira, Carballo, Reboredo... comezarían un lento desaparecemento, como lle aconteceu á de Darbo, a de Ximeu e a tantas outras ao longo do país.
*Mestre e investigador
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares

