As Fragas do Rei na antiga Xurisdición de Cangas a finais do século XVIII (II)
Neste capítulo abordamos outros aspectos destas fragas de carballos baixo o control da Mariña española, as normas sobre o seu mantemento, as cortas e as obrigas dos veciños no seu aproveitamento e o coidado dos alcoubos. Tamén lle botamos unha ollada ao proceso xurídico e fiscalizador que se realizaba cada catro anos polas autoridades pertinentes da Armada e unha descrición dalgúns dos plantíos existentes no Morrazo.

Construción dun barco. / Arquivo do autor

O control das fragas
Como dixemos, as fragas estaban baixo a xurisdición militar da Mariña que aplicaba as ordenanzas reais e as normas particulares de cada “ministro” para a zona que lle correspondía e que no caso da Xurisdición de Cangas conta con 16 apartados sobre mantemento das dehesas, cortas e sancións por incumprimento das mesmas que xeraron varios e longos pleitos. Un destes iníciase en 1783 con Thomas Cicerón y Zenteno, rexidor perpetuo de Tui que posuía na Retirosa unha casa-granxa e un piñeiral que adquerira cando se allearon os bens da Compañía de Jesús (xesuitas), e agora deulle por cortar os piñeiros porque lle daban sombra ao predio. Resulta que, ademáis desta corta ilegal, agora pretende que a señora Mª Josefa Benavides Ponce de León, do pazo de Entrambosríos (Sistro), faga o mesmo coas suas árbores do Campo do Freixo (piñeiros grandes e pequenos, castiñeiros e carballos), lindantes con el, para o que recorre á xustiza de Santiago.

Veciños facendo un demoucado e derramado. | / Arquivo do autor
Neste asunto, o subdelegado de Mariña de Cangas, señor Gimilo, vai pronunciarse contra a intervención dun (compinchado) xuiz de Santiago nun asunto que non lle compete á xustiza ordinaria e menos á daquela cidade. Curiosamente, a raíz desta investigación, o señor Cicerón tamén vai ter que incluir no control da Mariña un piñeiral que posuía en Rodeira. A parte deste, son varios os pleitos que se van seguir por diversas causas e o seu procesamento vai durar bastantes anos a pesar de que a resolución dos conflitos, por non plantar ou cortar sen permiso, viña facéndose, como era costume, cunha convocatoria do xuiz e tamén rexidor de Cangas Manuel Antonio Gayoso Bermúdez que adoitaba reunir na Portela aos xuices pedáneos mordomos da cada freguesía do distrito xudicial.

Cedula real de 1788.| / Arquivo do autor
Como se deduce, a responsabilidade do mantemento e cumprimento da normativa sobre as plantacións, cortas, alcoubos... recaía basicamente nos citados mordomos xuices pedáneos de cada freguesía e de non habelo, os veciños tiñan que nomear un celador que percíbía un tanto polo labor. Para implicar aos veciños, estas dehesas adoitaban engadir ademáis do apelativo de reais o de veciñais pois eran estes os encargados “reais” do seu mantemento: Que en los Plantíos Reales y Comunes de los vecinos se verifique, trabajando abondo, poniendo en surcos la tierra y se haga en ella a la mano la siembra de bellota Albar en la creciente del mes de Enero y subscesivamente en la de todos los años”. Das operacións de plantado estaban exentos os nobres, os matriculados do mar e os milicianos ainda que nestas datas de finais do século XVIII, coa última reforma legal, tamén se inclúen estes últimos. A Ordenanza de Montes no artigo 59 recollía que os plantíos de árbores nos montes das Comunidades ou particulares deberían ter os mesmos coidados, obrigando a plantar máis árbores nos espazos baleiros que posúan. Os pedáneos e celadores tiñan a obriga de levar un libro de control e de contas chamado Libro de Arbolado que polos datos que temos, non todos os pedáneos tiñan ao día, o que era obxecto de sanción. Ainda que, a maioría das sancións fan referencia a non cumprir con replantar anualmente en Decembro, Xaneiro e Febreiro de cada ano tres carballos de cada árbore cortada (multa de 6 reais de vellón por cada árbore non replantada), por falta de coidado (non facer demoucados, derramadas e rareos) ou por non podar os carballos cara arriba coas correspondentes forca, guía e pendón. Outras das moitas sancións contempladas reférense a non manter a distancia entre arbores 10/12 varas (3 reais vellón), por non sementaren landras tipo Albar, por non sacaren os tocóns, por non teren árbores no alcoubo (2 reais por veciño) e estar este mal pechado, por estar a devesa a toxo, sen rozar e con maleza, ou por non porlle silveiras aos carballos novos para protexelos do pasto (2 reais de multa).

Pezas enteiras para fragata a finais s.XVIII.| / Arquivo do autor
As cortas
O que corte ou tronce árbores de calquera tipo abonará 50 ducados de multa e de non facelo será perseguido como delincuente, non permitindo sequera a corta das árbores secas ou podres o que supuña unha sanción de 1 ducado.
Como se ve, as obrigas dos veciños eran moitas pero o aproveitamento das fragas, a parte do esquilmo permitido, facía complicada a obtención de madeira, sobre todo para os carpinteiros de ribeira que ainda que precisaban de pezas pequenas, tiñan que sofrer a longa burocracia que supuña o pedir licenza de corta de árbores mediante un Memorial enviado aos xefes de Mariña, atendendo ao prescrito nos artigos 30, 31 e 32 da Ordenanza de Montes. Contodo, cabe que para evitaren estes trámites burocráticos que, como dixemos, incluían plantar tres árbores por cada un cortado, moitos agardaban ao demoucado (poda) das árbores de onde sacaban as táboas e pequenas pezas, recorrendo algúns ás cortas furtivas. As chamadas árbores rabisecas, descartadas marcábanse con catro machadazos quedando para proveito dos veciños ou para a elaboración de carbón ou da brea para o calafateo. Porén, a Armada podía dispor das árbores cando necesitase, talando preferentemente os carballos de máis de oitenta anos e ata os cento dez, que se marcaban cun C (cortar), por seren considerados os máis axeitados para sacar as pezas macizas dos navíos.

Pezas dunha árbore. / Arquivo do autor
As Visitas
Ainda que non temos referencias sobre a periodicidade destas Visitas ás Dehesas reales, coidamos que debían facerse cada catro anos pois a anterior aos plantíos de todo o Morrazo foi no ano 1785, ministrada polo subxefe de Mariña do distrito de Redondela Phelipe Mariano Mateos de Rouco acompañado do escribán desa vila coa intención de censar as árbores existentes, aumentalas con novos plantíos e restablecer os montes. O protocolo das visitas deste ano 1789 xa estaba dirixido agora polo subdelegado de Mariña do distrito xudicial de Cangas, o xa citado Gimilio, o que nos indica o recén nomeamento deste cargo e un ámbito de control forestal que se reduce agora só ao partido xudicial. O núcleo fixo dos compoñentes desta Visita estaba constituido polo “ministro” de Mariña citado, o escribán de Cangas Josef Benito Bermúdez de Castro e os “facultativos” ou expertos en madeira, denominados carpinteros deligneadores o de construcción (de barcos), que agora se reducen a un só, representado polo carpinteiro de ribeira Andrés Bravo. A estes súmanse en cada parroquia os correspondentes xuices pedáneos ou celadores e un mínimo de dous peritos de cada parroquia, previamente nomeados, tamén os veciños que queiran asistir e ás veces un alguacil cando hai sospeitas de conflitividade.
Como se pode deducir, as actas das visitas constitúen un groso volume, pois ademáis da contabilización dos carballos do plantío e dos alcoubos (viveros), inclúense anotacións sobre o seu estado, selección de exemplares, clasificados en maiores, medianos, menos que medianos e novos, incluindo as árbores rabisecas descartadas e marcadas para proveito veciñal. Ademáis de sinalar as carencias e melloras das fragas, os informes inclúen os preceptivos camiños de traslado dos troncos e os puntos de embarque dos mesmos, completándose con datos referentes ao cómputo dos veciños, dos nobres, mareantes e militares (exencións) e tense baixo vixilancia aos taladores, cortadores e incendiadores habituais que están xa baixo o control do subxefe de Mariña do distrito de Cangas e da xustiza. Nestas datas de finais do século XVIII temos coñecemento de que o comerciante Mateo Linares e o fomentador Pedro Tournelle, ambos de Vigo e metidos a armadores, cargaban a madeira para o arsenal do Ferrol na suas fragatas de 100 e 50 Tm. que pasaban polos puntos de embarque xa fixados, cargando as pezas seleccionadas.

Codastes, Xugos, Varengas, Xenois, Baos, Forquiñas, Reveses... seleccionados na visita de 1789. / Arquivo do autor
As fragas (dehesas) do distrito
Facemos anotación das fragas (dehesas) censadas nesta data cunha aproximación ao número de carballos existentes en cada unha, pois os cómputos son variables debido aos descartes e cortas. As denominacións tamén abren a porta a unha reinterpretación da toponimia, a veces tan confusa no Morrazo polo uso do seseo, a gheada e a ignorancia dos escribáns foráneos sobre a lingua galega.
Domaio
Devesa da Fonte: situada no Monte da Fonte Salgueiro, anótanse 1.675 carballos útiles despois de arrincar aqueles en mal estado. Conta con vía e carrís de traslado en servizo ata o embarcadoiro na Ribeira. Hai ademáis a Devesa do Brazal con 677 carballos.
San Martiño de Moaña
No monte do mesmo nome sitúase a Devesa da Galda (Ghalda) con arredor de 1.600 carballos (antes tiña 2.046 carballos) e contaba cun vial aberto ata o embarcadoiro do Con. Lindaba cos montes baldíos chamados Reimúndez, Cova de Novás, Agudelo..., e unha tomada de carballos tronzados e outra a xestal, nun monte pelado e rochoso. Galda aparece nos primeiros documentos pero tamén alterna con Jalda (con gheada), segundo o escribán que fixese as anotacións. Se non é apelido ou alcume, apuntamos galda como significado de cálida pois temos o referente do topónimo Paragalda= pedra quente, cálida. Nesta parroquia tamén está a Devesa da Sobreira con 367 carballos e conta con viveiro cercado pero moi abandonado e está pouco protexida dos gandos. Conta con vial de traslado e o embarcadoiro máis próximo é o porto das Martingas. O perito informa que hai un carballo útil para un navío de cen canóns.
San Xoan de Tirán
Nesta parroquia ubicábase a Devesa da Abelenda (non Abelendo que era de San Martiño) e en documentos posteriores, menciónase un longo pleito pola falta na mesma de 354 carballos dos 452 que debía haber. Despois disto perdeu importancia ao se contabilizaren só 98 carballos pequenos. Contodo, había reporse en anos posteriores.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría