a celebración do día das letras galegas | Pandeireteiras e cantareiras en Ons

Orgullo de ser un país (e unha illa) de pandeireta

A poesía popular oral, transmitida principalmente polas cantareiras e pandeireteiras, é a protagonista do Día das Letras Galegas 2025. Unha homenaxe colectiva para recoñecer unha forma da cultura popular moi presente e arraigada, que ten na illa de Ons unha das súas manifestacións máis singulares gracias a mulleres como María López, máis coñecida como María do Caño.

María López, coñecida como María do Caño e natural de Ons, onte na casa da súa filla Olga en Málaga, onde vive agora.

FDV

Bueu

A conmemoración do Día das Letras Galegas 2025 é unha boa oportunidade de desterrar as connotacións negativas que soe implicar a frase «ser un país de pandeireta». Galicia presume da súa tradición de pandeireteiras e cantareiras, unhas mulleres fundamentais na conservación e divulgación da poesía popular oral en forma de cantigas e coplas. Composicións que falan do traballo, do mar, do amor...e en moitas ocasións cun punto retranqueiro. Un dos exemplos máis singulares desta tradición son as varias xeracións de pandeireteiras e cantareiras da illa de Ons, en Bueu. Mulleres como María López Otero, Gloria Sampedro Reiriz, Claudina Méndez Reiriz, Carmen Patiño Domínguez, Gloria Patiño Otero, Josefa Patiño Domínguez, Carmen Comesaña Reboiras ou Áurea «Aurita» Reiriz Otero.

Desde o Concello de Bueu aproveitouse a festa de San Xaquín do ano 2021 para brindar unha homenaxe ao conxunto das pandeireteiras e cantareiras da illa. A celebración das Letras Galegas deste ano volve a ofrecer unha oportunidade para reivindicar esta poesía popular oral. O Grupo Etnográfico A Buxaina celebrou en abril unha homenaxe no Teatro Afundación de Vigo na que incluíu as pandeireteiras da illa de Ons. Neste caso foi través da figura de María López Otero, máis coñecida como María do Caño, en alusión a zona da illa na que naceu hai xa 80 anos, e de Carmen Comesaña Reboiras. «Aprendíamos nós, por nós mesmas porque non viña ninguén a ensinarnos. Pero había que facer festa e íamos a bailar», contaban as dúas illáns.

María do Caño é unha das persoas máis buscadas polos compiladores da tradición musical galega. É unha fonte inesgotable de cantigas, xa sexan de autoría popular ou compostas por ela mesma. Por motivos de saúde desde hai un par de anos vive en Málaga coa súa filla Olga, pero non deixa de acudir regularmente a Bueu e a Galicia. Estivo na homenaxe celebrada en abril no Teatro Afundación de Vigo –coa presenza do alcalde vigués Abel Caballero e da concelleira de Cultura de Bueu, Carmen García– e máis recentemente noutro recoñecemento no Museo do Pobo Galego en Santiago xunto a Lucinda Barcia (Toutón, Mondariz) e Pilar Turnes (Trasmonte, Ares).

María do Caño, sentada no centro, na recente homenaxe no Museo do Pobo de Galicia, en Santiago.

María do Caño, sentada no centro, na recente homenaxe no Museo do Pobo de Galicia, en Santiago. / Arredor da Tradición

Ao longo desta conversa con FARO non deixa de intercalar algunhas das coplas que lle van lembrando. «Saín da illa con calma/ no medio do mar parei/ dime ti miña rapaza cantas horas che botei». «Saín da illa con norte e ventiño cascarrón/ parei no medio da ría/ e jodinlle a silla ao patrón». «San Xoaquinciño da illa fixo unha casa na Onza/ para mirar aos de Cíes como se deitan na brosa».

E iso que asegura que agora non ten boa voz: «Hai pouco tiven a gripe A e estiven unha semana ingresada. Aínda teño pendente unha videochamada cos meniños da gardería de Bueu, que lle puxeron o meu nome a unha das clases e queren que lles cante», conta María con ilusión.

Ela, como moitas outras mulleres da illa, lembra que empezou a cantar e a tocar a pandeireta cando era unha moza de 13 ou 14 anos co obxectivo de facer festa. «Íamos collendo o relevo das que casaban, que xa tiñan outras responsabilidades», explica. Unha aprendizaxe autodidacta e de oído. «Alí non tiñamos quen nos ensinara. O que facíamos era fixarnos nos grupos que viñan a tocar á festa de San Xaquín e aprendíamos as melodías e logo escribíamos historias sobre cousas que pasaban na illa», explica. Unhas letras do máis variado. «De Pereiró ao Centulo van poñer un camión/ para que veñan as mozas/ ao baile de invitación». Ou esta outra: «A carretera do faro non a facían chavales/ facíana mariñeiros, pilotes e capitanes». Ou algunhas cun contido máis picante: «Túa a nai anda a dicir/ que eu non sei pescar o cronque [congro]/ heiche botar a liña/ toque ou non toque no fondo». Tamén había outras que contaban sucesos reais, como o afundimento do «Cíclope» na canle entre Ons e Onza, en 1952. «O Cíclope viña de fóra/ cun barco coma unha eira/ e a onde foi a encallar/ a debaixo da figueira./ Cíclope se chamaba o barco/ o Comandante Don Juan/ o Segundo Don Modesto/ e o terceiro o Capitán».

María do Caño en Bueu no ano 2021 xunto a Raül Refree (con mascariña), produtor do primeiro disco de Rosalía.

María do Caño en Bueu no ano 2021 xunto a Raül Refree (con mascariña), produtor do primeiro disco de Rosalía. / Gonzalo Núñez 

María, como outras mulleres da illa, deixou de cantar e tocar cando aos 20 anos casou e logo trasladouse a Bueu. Pero esa paixón e saber nunca desapareceron. Cando hai 20 anos quedou viúva decidiu coller de novo a pandeireta. «Esta ese dito que agora de vello gaiteiro. Pois eu tamén!», conta entre risos. Amais de cantar e recordar aquelas cantigas e coplas antigas que cantaban na illa ten unha importante faceta de compositora, con máis de 40 cancións escritas e que forman parte dun traballo que agarda que poda ser publicado polo Concello de Bueu.

A María do Caño a celebración das Letras Galegas collea lonxe da terra, pero recibe con orgullo que este ano a Real Academia Galega (RAG) decidise homenaxear as cantareiras e pandeireteiras. «Paréceme moi ben, o único que me da pena é non poder estar aí para poder celebralo», confesa. E aos seus 80 anos afirma estar orgullosa de fenómenos musicais como as Tanxugueiras. «Gústanme moito. A tradición pode renovarse con cousas modernas como fan elas», defende María do Caño.

María López e Carmen Comesaña na homenaxe do mes de abril no Teatro Afundación de Vigo xunto a Abel Caballero.

María López e Carmen Comesaña na homenaxe do mes de abril no Teatro Afundación de Vigo xunto a Abel Caballero. / Fdv

No ano 2021 o recoñecido músico e produtor Raül Refree estivo varios días en Galicia dentro dun proxecto para coñecer a tradición musical galega. O artista catalán chegaba á terra de Rosalía de Castro despois de ser o produtor do primeiro disco doutra Rosalía, un álbum titulado «Los Ángeles» e que abriu o camiño a «El mal querer» ou a «Motomami». Aquela visita a terras galegas incluíu unha parada en Bueu, da man da etnomusicóloga Xulia Feixoo e do gaiteiro e compilador Guillerme Ignacio, integrantes do grupo de traballo Arredor da Tradición. Esa parada en Bueu tiña como obxectivo reunirse con María do Caño e coñecer a tradición da illa de Ons.

Outro momento da homenaxe celebrada hai unhas semanas no Museo do Pobo Galego, en Santiago, a pandeireteiras e cantareiras, entre elas María do Caño.

Outro momento da homenaxe celebrada hai unhas semanas no Museo do Pobo Galego, en Santiago, a pandeireteiras e cantareiras, entre elas María do Caño. / Arredor da Tradición

Un encontro que resultou moi fructífero a pesar dalgunha que outra discrepancia futbolística. «El é do Barcelona e eu do Real Madrid. Canteille unha canción que escribín sobre Zidane e cando acabei dicía que non se podía crer que lle gustara unha canción que falaba do equipo do que estaba en contra», conta entre risos María do Caño. Aquela foi unha anécdota dentro dunha sesión na que sairon outros temas máis tradicionais e cun contido máis retranqueiro. «Xa me dixo o teu pai que te chame a bailar/ que no medio do baile te deixe quedar./ O que fixo teu pai coa vara dos bois/ deuselle a túa nai nove meses despois./ Nove meses despois, si si, ai ai!/». Unha cantiga que arrancou uns bos risos e que logo Raül Refree citaba nun programa de televisión

María non toca moito a pandeireta cando está en Andalucía, pero non deixa darlle ao maxín e de compoñer. Composicións nas que ás veces se reflicte o seu actual estado de emigrante, aínda que sexa dentro do mesmo país. “Yo andaluza no soy, aunque de allí ahora vengo/ Voy a pasar los inviernos/ que hace mucho mejor tiempo. /En verano no me gusta/ porque hace mucho calor. /Los veranos en Galicia se pasan mucho mejor. /Hay playas con arena muy brillante y aguas cristalinas/ donde es un placer bañarse». Unha cantiga escrita nunha viaxe en tren entre Málaga e Galicia e que a bo seguro moitos asinarían, xa sexan de Galicia ou Andalucía.

Un fermoso exemplo de «canción protesta» con Ons no corazón

Na conversa con FARO María do Caño animouse a cantar por teléfono unha letra sobre a «súa» illa de Ons. Un bo exemplo do que dunha canción protesta. Dí así:

«Non podo olvidarte, nosa illa/ non podo, non podo./

Porque eres miña,/ sinto no peito moita peniña/ por culpa de Parques estás soliña./

Non nos poden prohibir/ ir sempre a nosa casiña/ porque nacemos nela/ e iso ten moita valía./ Poñáse quen se poña, /sempre serás nosa illa./

Eu nacín na nosa illa/ e eramos sete irmáns/ e eramos trece na casa./ Nunca nos faltou pan./ Criámonos cos abuelos/ E tamén cos nosos pais./

Sempre tiñamos de todo/ e nunca nos faltou nada./ Tiñamos carne e peixe/ e tamén moi boa empanada./ Tiñamos millo e centeo/ Verduras máis patacas./

Escoitaballe ao meu pai/ cando eramos pequenos, / que tiñan que xuntar 100 duros/ para pagar o arriendo/ porque no mes de setiembre/ hai que entregar o diñeiro./

Ai nosa illa, ai nosa illa/ por culpa de Parques/ estás soliña».

Tracking Pixel Contents