O Cancioneiro Popular da Memoria preséntase esta tarde en Cangas

O acto, en homenaxe ás transmisoras, será ás 17.30 horas no salón de plenos

G.M.P.

Cangas

O salón de plenos do Concello de Cangas acolle esta tarde (17.30 horas) a presentación oficial do «Cancioneiro Popular da Memoria», ideado por David Alján Lusquiños e Pablo Barciela Gómez, dous estudantes de xornalismo da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para o seu traballo de fin de grao. Con motivo de que este ano se festexa, no Día das Letras Galegas, a tradición popular galega e as cantareiras, elaboraron este traballo para renderlle homenaxe ás avoas e bisavoas que coa súa pandeireta custodiaron a nosa lingua durante décadas; ás fillas da sociedade labrega que transmitiron cantigas de xeración en xeración; ás mulleres que hoxe forman parte da terceira idade e que padecen enfermidades cognitivas como o alzhéimer ou sofren algún grao de dependencia que as obriga a frecuentar un centro de día ou vivir nunha residencia, explican os promotores.

No «Cancioneiro Popular da Memoria» cóntase a historia daquelas mulleres ás que a mente non lle permite lembrar o máis recente pero reteñen as letras de pandeiradas e muiñeiras; relátanse as vivencias da cantareira que, aínda que hoxe precisa axuda, non hai moito estaba animando no torreiro da festa. Preténdese lembrar ás que xa non lembran e homenaxear as mulleres que enriqueceron o noso patrimonio inmaterial ao longo de toda a súa vida, destacan desde o Concello de Cangas, e séntese «agradecido e honrado» por ser o escollido para a presentación deste proxecto.

Tracking Pixel Contents