Entrevista |
«Moita xente vai a Chat GPT en lugar do psicólogo»
Director da Unidade de Conductas Adictivas (UAD) de Cangas e escritor, presenta esta tarde en Moaña (20.00 horas, salón de plenos), os seus libros «Cuco, o amigo invisible?», ilustrado pola súa filla Sofía, e os relatos de ciencia ficción «Memorias de Ceres».

Maximino Portela, cos seus libros e a bata de traballo. | G.N.
Hai algún vínculo entre o seu labor profesional e literario?
Estudie Psicoloxía para intentar entender mellor a natureza humana, e sempre escribes do que coñeces, o que ten que ver coa túa realidade. E nas consultas escoitas moitas cousas...
Dous libros á vez. De que tratan?
Coincidiu a súa publicación. O libro infantil, Cuco o amigo invisíbel, é un contiño de poucas páxinas, pero moi especial. A protagonista é a miña filla Sofía, e súas son as ilustracións. A historia é bastante real. Cuco, aínda que invisíbel, foi real. Xa dixo un principiño que o esencial é invisíbel aos ollos. É o meu quinto libro de literatura infantil, pero é o máis querido polo marabilloso de compartir creación cunha filla. Aparte de normalizar aos amigos invisíbeis na infancia, trata de como poden servir de axuda, e o conto explica tamén para que serven as emocións.
O outro, Memorias de Ceres, non é tan real.
Son 25 relatos de ciencia ficción que escribín na pandemia, agrupados en cinco temáticas: alieníxenas, mente, espíritos, Sistema Solar e Vía Láctea. Comeza cunha invasión extraterrestre e acaba cos terrestres invadindo outro planeta.
Teñen algún fío común?
Os relatos da Vía Láctea conforman un mundo propio. En xeral, falan sobre o futuro da existencia humana. Os protagonistas, en primeira persoa, falan sobre enigmas da consciencia, a vida trala morte, o deterioro ou destrución do planeta, a intelixencia artificial, os robots, as viaxes dentro do sistema solar ou a outras estrelas. Pretende que pensemos noutros mundos para traernos de volta as preguntas importantes deste. Quen somos? Só unha casual chispa efémera de consciencia ou algo máis? A onde imos? Extinguirémonos sen máis?
Entón, ciencia ficción e realidade non están tan distantes...
Seguro. Un dos contos fala dunha persoa con ansiedade á que o médico lle manda un «psicobot» para que fale con el e se desafogue. Escribino na pandemia, pero agora xa é unha realidade máis habitual botar man da intelixencia artificial para consultarlle este tipo de asuntos. Hai moita xente que lle pregunta a ChatGPT por solucións aos seus problemas.

Maximino Portela, na UAD de Cangas cos dous libros que presenta hoxe en Moaña. / G.N.
"As adiccións son un problema de saúde mental"
Desde 2001 dirixe a Unidade de Drogodependencias de Cangas, que estaba sen psiquiatra.
Si, estivemos dous anos sen psiquiatra, pero resolveuse o problema cunha psiquiatra a tempo completo e con contrato do Concello de Cangas.
Pero a Unidade segue dependendo do Concello. Non se ía integrar no Sergas?
Temos o compromiso da subdirectora de Saúde Mental, Almudena Díaz, de que o 1 de xaneiro de 2026 a Unidade será transferida ao Sergas. Agardamos que se complete a integración, porque as adiccións son un problema de saúde mental, unha enfermidade que debe ser atendida no Sergas, ao igual que de debe reforzar a atención sanitaria, que está saturada.
Nestes anos cambiou o perfil da poboación que atende?
Levo desde 1985 traballando con persoas con problemas de adicción. Nos 80 e 90 as drogas eran das primeiras preocupacións da sociedade. Agora a percepción cambiou, ocupa o lugar trinta e tantos, como tamén mudou o perfil. Daquela, heroinómanos, e agora atendemos problemas de cocaína e alcohol, e algo menos cannabis, e adiccións comportamentais.
- Comienza la tala para la construcción del supermercado Familia en Cangas
- Chicote rueda su 'batalla' de restaurantes en Cangas
- Cangas sanciona al Arzobispado con 1.800 euros por el tañido de las campanas
- Dos vecinos de Bueu se enfrentan a 4,5 años de prisión y a una multa de 7.000 euros por vender droga
- ¿La gaviota del cuchillo ha llegado a Moaña?
- Alertan de que el herbicida usado en la autovía tiene alta toxicidad
- Con prisa por la PO-551 para llegar a Lidl.
- Cangas plantea reservar en playas el aparcamiento solo a residentes