AV ve contraditorio a privatización do socorrismo polo tripartito de esquerdas

Victoria Portas, exalcaldesa de Cangas e actual concelleira de Alternativa dos Veciños (AV)

Victoria Portas, exalcaldesa de Cangas e actual concelleira de Alternativa dos Veciños (AV) / G.N.

G.M.P.

Cangas

«Resulta profundamente contraditorio que un Goberno que se autodefine como nacionalista galego e de esquerdas, que en campaña proclama a defensa do público, acabe privatizando un servizo tan sensible como o socorrismo», sinalan desde Alternativa dos Veciños (AV), e critican que se reduza o número de profesionais, o calendario de vixilancia e se precaricen as condicións laborais.

«Denunciamos este cambio de criterio, esta falta de respecto institucional e esta incoherencia política», inciden desde o grupo político que lidera a exalcaldesa Victoria Portas, que defende a xestión «pública, directa e transparente dos servizos esenciais», así como a obrigatoriedade de cumprir cos acordos adoptados polo Pleno. «A cidadanía merece seguridade, mobilidade e accesibilidade en todos os ámbitos», así como o cumprimentos dos compromisos.

A renuncia a levar de forma directa todos os servizos da época estival supón «unha deixadez de funcións» en materia de seguridade e mobilidade da veciñanza «nunha época na que se debe estar moito máis alerta» porque aumenta a poboación, as actividades e os riscos. Lembran desde AV que xa votaran unha moción contra a privatización do servizo de socorrismo nas praias, e tamén unha enmenda aos orzamentos que condicionaba a súa aprobación á inclusión dunha partida concreta para a contratación directa do persoal de socorrismo. «Sen embargo, o Goberno local optou agora por externalizar este servizo esencial a unha empresa privada, modificando o destino dos fondos sen consultar ao Pleno, desviando recursos públicos do capítulo 1 ao capítulo 2 e vulnerando o espírito —e posiblemente a legalidade— do acordo orzamentario aprobado», arremeten desde esta formación, na oposición municipal.

Tracking Pixel Contents