«Enredos de verán» para divertirse, formarse e conciliar

O Concello de Cangas abre o prazo para anotarse no programa a nenos de 4 a 12 anos

Políticas y técnicas del Concello, ayer con el cartel. |  S.Á.

Políticas y técnicas del Concello, ayer con el cartel. | S.Á.

G.M.P.

Cangas

As vacacións de Nadal e de estío son datas para os «Enredos» de Cangas, un programa do Concello que ofrece aos nenos e nenas (de 4 a 12 anos de idade, e desde 3 se están escolarizados) alternativas para formarse e divertirse, e aos seus pais, nais ou titores, máis posibilidades para conciliar a vida familiar e laboral nos meses estivais. Este ano, os «Enredos de verán» celebraránse durante as nove semanas que van do 23 de xuño ao 29 de agosto, pero as inscricións comezan xa, o vindeiro luns 28, e rematarán o 16 de maio, véspera das Letras Galegas.

Os campamentos de día celebraránse nos colexios Nazaret, Espiñeira e San Roque ao longo de nove semanas, que poden ser completas ou alternas en horario de 09:00 a 14:00 horas, con posibilidade de amplialo desde as 8:30 ata as 14:30 horas para facilitar a conciliación en familias que o precisen e demanden. Os menos madrugadores poden aprazar a hora de entrada ás 10 da mañán. Os prezos mantéñense, 6 euros ao día (30 euros por semana), coa posibilidade de acollerse a axudas para reducir o impacto económico. As familias interesadas deberán solicitar as bonificacións en Servizos Sociais, despois de inscribirse.

O cartel de «Enredos de verán» tamén inclúe dous campamentos náuticos, en Aldán (que se celebrará do 7 ao 18 de xullo, cun prezo de 70 euros) e Cangas, no que se contemplan varias opcións: completo ou só vela, windsurf ou piragua, con prezos distintos segundo a elección, datas e horarios (entre 35 e 105 euros), segundo explicaron Mar Núñez e Mercedes Lorenzo, técnicas do Concello.

Na presentación das actividades, celebrada onte, tamén interviron a alcaldesa de Cangas, Araceli Gestido, e as concelleiras de Facenda e Persoal, Xiana Abal (BNG), e Obras e Servizos, Sagrario Martínez (PSOE). Abondaron na axuda deste programa na conciliación familiar e nas posibilidades de aprendizaxe, formación, diversión e socialización que se lle ofrecen aos participantes.

Tracking Pixel Contents