Tribuna Libre
Contra vento e maré: teatro
Antón Lamapereira | Director teatral
Este curso 2024-2025 era a quenda do IES María Soliño para que organizase a XXVI Mostra de Teatro no Ensino Secundario do Morrazo ( MOTESMO) mais o forte vento e a chuvia intensa da borrasca, nomeada Martinho, fixo voar polo aire os tellados do Instituto e que se asolagasen importantes aulas do edificio.
O seu Salón de Actos, ese pequeno teatro escolar conseguido con tanto esforzo e insistencia ao longo dos cursos, cerna da Motesmo, quedou inhabilitado.
Un escenario que tamén é Aula de Teatro pois no María Soliño, a parte da coexistencia de dous grupos de teatro, impartese o Bacharelato Artístico.
Como a desmemoria non é boa conselleira, compriría lembrar que tanto a existencia dos grupos de teatro, como que a “dramatización” entre como materia opcional no curriculum escolar e mesmo a propia especialidade do Bacharelato Artístico son os froitos dunha árbore plantada en 1983: O Grupo de Teatro Estable dirixido por Celso Parada e Carlos del Valle, ámbolos dous profesores no centro.
Tamén é referencia obrigada lembrar que durante o curso 1986-1987 solicitouse- e foi concedido pola Consellería de Educación- a posibilidade de impartir a EATP : “Creación e escenificación literarias”. Os profesores responsables fomos Pedro Pablo Riobó e máis eu.
En fin, que este escenario tan cargado de sentido, non poido utilizarse e contra vento e maré, a dirección do IES María Soliño, co apoio dos outros centros, xestionou o magnífico escenario e demais dependencias do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela. Outro escenario con historia..
No Auditorio, do 23 ao 25 de abril, máis de sesenta mozas e mozos do IES de Rodeira, María Soliño, Colexio Pondal, do IES Johan Carballeira de Bueu, Aula de teatro SEI San Narciso de Marín e o IES As Barxas de Moaña, representarán as súas personaxes sobre as táboas ou serán técnicas e técnicos de luces e son.
Escoitaremos historias -imaxinarias unhas, reais outras- sobre os medos e incertezas da adolescencia; historias de intriga, de comedia, de terror e solidariedade...
O esforzo entusiasta da Dirección do IES María Soliño e o acordo cos outros centros, fixo posible superar o atranco da borrasca Martinho... mais quedan outros fortes ventos e marés que afrontar: manter a ilusión e loitar contra o vento e maré da Administración educativa que semella máis preocupada pola burocracia e o fomento “das novas tecnoloxías” que pola creatividade e o fomento do teatro e das artes en xeral entre o alumnado. Un alumnado que necesita aprender a emocionarse, a escoitar ao outro, fomentar o espíritu crítico, a comprender que o que dicimos ou facemos ten consecuencias... estes son algúns dos beneficios que pode aportar o teatro tanto a nivel individual como social.
Mais o certo é que estes valores son esquecidos ou confinados en reservas cada vez máis pequenas. Son excepción cando deberían ser a regla do proceso educativo.
E hai que reaccionar, enfrontarse e desafiar con intelixencia estes tóxicos e coercitivos ventos administrativos.
Como? Seguindo a facer teatro, en primeiro lugar.
E procurando a unión de todas as persoas que alentan en Galicia os grupos de teatro escolar e que realizan Mostras semellantes. Velaquí algúns exemplos: 32 Certame Municipal de Teatro para Centros de Ensino do Concello de Monforte; Maio Cultural. Concello de Brión; 34 Mostra de Teatro Escolar. Concello de A Coruña...
E establecendo redes con autoras e autores que escriben teatro para xoves, que son docentes, e por riba dirixen grupos de teatro escolar como Raquel Castro do Grupo Atasempre de Alxen de Salvaterra do Miño, Marina Gómez Pose e Fernando Castro Paredes de Truéjele Teatro de Cee...
Hai outras mostras de teatro escolar, hai outras persoas que fan teatro, compre xa que logo, establecer o diálogo. Ingrediente imprescindible, polo demais, do feito teatral
Así pois é urxente a elaboración dunha cartografía do teatro escolar en Galicia. Para coñecerse primeiro e ir tecendo logo esa rede de comunicación.
Comunicación: para comentar experiencias, dificultades, descubrir recursos e tamén para, xuntos, resistir e ir abrindo camiño, desde o teatro e outras artes, para un ensino máis creativo e crítico.
É pedir a lúa? Si. É posible alcanzala? Si, se imos xuntas.
«A que sabe a lúa?» de Michael Grejniec e «Nadarin» de Leo Lionni.
Velaquí dous manuais de supervencia, de estratexia creativa contra vento e maré.
Suscríbete para seguir leyendo
- Chicote rueda su 'batalla' de restaurantes en Cangas
- Movilizado un operativo de búsqueda en la ría de Vigo por una bengala en el mar
- Menduiña frena la instalación de una caseta en las dunas de la playa
- Alertan de que el herbicida usado en la autovía tiene alta toxicidad
- Dos vecinos de Bueu se enfrentan a 4,5 años de prisión y a una multa de 7.000 euros por vender droga
- La concentración motera de Bueu, a superar los 6.000 participantes
- Rescatan a dos jóvenes en una moto náutica a la deriva en la ría de Aldán
- Cangas plantea reservar en playas el aparcamiento solo a residentes