Aunios e a historia sen fin de Ons
A revista Aunios chega ao seu 30 aniversario. A publicación que impulsa a Asociación Cultural PineirÓns ten a illa de Ons como principal obxecto de estudo e análises, sempre desde unha perspectiva variada. Neste novo número, que se presenta o venres no Grove, fai un repaso sobre os traballos para electrificar a illa ou unha homenaxe ao investigador danés Gustav Henningsen.

A bendición do grupo electróxeno para a illa de Ons, na Noiteboa de 1958 en Pontevedra. / Servizo de Patrimonio Gráfico e Documental da Deputación de Pontevedra
A revista «Aunios» xa vai por 30 números. Son xa tres décadas de traballos de investigación ao redor da illa de Ons e da súa contorna, como Bueu, O Grove e demais lugares da ría de Pontevedra. O novo número desta publicación impulsada pola Asociación Cultural PineirÓns preséntase este venres na Sala das Cunchas do Concello do Grove, a partir das 20.30 horas.
A relación da illa coa Escola Naval Militar de Marín; as escavacións arqueolóxicas nas factorías romanas de salga situadas na praia de Canexol; unha nova achega sobre a cultura popular; as costumes e os ritos vencellados ao San Xoán contados a través da memoria de señor Francisco o Fillo do Fento, unha memoria rescatada a través das recollidas feitas polo investigador José Manuel Dopazo; a chegada da enerxía eléctrica ou a presenza en Ons do folclorista, antropólogo e investigador danés Gustav Henningsen a mediados da década de 1960. Son só algúns dos artigos que gardan relación directa co arquipelago bueués, aos que tamén habería que engadir «Ons daquela: homes de ferro, mulleres de aceiro temperado» do que fora mestre na illa, Julio Santos Pena, ou a segunda parte ao redor do transporte á illa, que aporta Arturo Sánchez Cidrás.
Tampouco faltan debuxos de José María Barreiro sobre Ons nin textos vencellados a outras illas, como Sálvora ou A Toxa.

A presentación do grupo electróxeno para a electricidade na illa de Ons, na Noiteboa de 1958, coas autoridades civís e políticas. / Servizo de Patrimonio Gráfico e Documental da Deputación de Pontevedra
Neste novo número de Aunios resultan curiosos algúns dos artigos, como o titulado «A electrificación da Illa de Ons», de Mateo Fontán Couto. Un texto que trata sobre o proxecto para levar a electricidade a Ons e que comeza coa bendición, o día de Noiteboa de 1958 en Pontevedra, das instalacións produtoras de enerxía que se habían de levar para a illa. Era un grupo electróxeno composto por un motor de gasóleo de 40 cabalos, un alternador de 20 KVA e un transformador de 30 cabalos. O proxecto fora feito en 1957 e contaba cun orzameto de 500.000 pesetas da época e as primeiras zonas que abarcaría eran Pereiró, Canexol, Chan da Pólvora, Curro, Caño, Laverco, Cucorno e O Centulo, amais da escola, a igrexa e o faro. Ao longo do periodo ata 1967 figura no arquivo do Concello de Bueu e da Deputación de Pontevedra abundante documentación sobre o proxecto, expedientes, xustificantes de pago, minutas e documentación técnica.

Unha matanza do porco en Ons con Benito Patiño e Jesús Acuña, entre outros. / Fondo Fotográfico Rey-Henningsen
Entre a documentación recopilada polo autor figura unha carta manuscrita pola entonces mestra da illa, Carmen Tomé Loureiro, datada en decembro de 1958. Na misiva a docente mostraba o seu malestar porque a escola quedara fóra dos inmobles que recibirían luz eléctrica, unha queixa que surtiu efecto e logo se solucionaría ese desliz.

A carta manuscrita enviada pola mestra Carmen Tomé Loureiro por deixar fóra do proxecto eléctrico da illa de Ons á escola. / Servizo de Patrimonio Gráfico e Documental da Deputación de Pontevedra
Desde aquela bendición de Noiteboa ata a actualidade pasaron preto de 70 anos e a illa aínda segue a esperar unha solución definitiva para o seu suministro eléctrico, tal como lembra o autor. Hai que lembrar que na actualidade a electricidade segue chegando a través de xeneradores e de xeito gratuíto durante 10 horas ao día. Para o resto da xornada os veciños deben contar cos seus propios grupos electróxenos. Esa solución definitiva para unha enerxía limpa e continua ten que vir da man das renovables, pero ese proxecto aínda non acaba de concretarse.

Señor «Dominkos» (Cachote) e a súa dona Rosa arranxando unha dorna na illa de Ons. / Fondo Fotográfico Rey-Henningsen
Neste número de Aunios tamén destaca o texto de homenaxe ao antrópologo e investigador danés Gustav Henningsen (1934-2023), escrito por David Conde Lourido. A súa estadía en Ons debeu ser entre 1965 e 1966, probablemente por mediación de Staffan Mörling. Daquel paso polo illa quedan un total de 105 negativos fotográficos, que forman parte do Fondo Fotográfico Rey-Henningsen e que está depositado no Arquivo Gráfico do Museo do Pobo Galego.

Un grupo de mariñeiros preparan o palangre sobre o peirao da illa de Ons antes de saír a pescar. / Fondo Fotográfico Rey-Henningsen
Un conxunto de imaxes que recollen a paisaxe de Ons (15), as crenzas populares e cristiás (12), o traballo doméstico, como a matanza do porco (16) e a importancia do mar e da pesca para Ons, que con 61 negativos e o bloque temático máis extenso.
Un fondo fotográfico que se enriqueceu grazas ás aportacións de colaboradores de Aunios como José Manuel Dopazo ou Celestino Pardellas de Blas, que permitiron identificar lugares e poñer nome a moitas das persoas que aparecen nesas imaxes.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría