O pintor das matrículas dos barcos |
O folio do mar: un logotipo morracense nas amuras
Ala polos comezos de maio de 2008 cando os carros de varada estaban na rampla a carón da Lonxa de Cangas e perto da estrada, observamos como con certa maña pictórica, un home botaba o seu tempo en pintar a man o folio dun barco nas amuras. Deseguida nos decatamos de que ao levaren sempre o mesmo tipo de letra era el o autor desta especie de logotipo que durante bastantes anos identificaría os barcos do Morrazo.

Xosé Tomé pintando un folio en Meira 2008. | Arquivo do autor
Xerardo Dasairas
Cara o final dos anos cincuenta e comezos dos sesenta do século pasado era moi frecuente ver no porto de Cangas barcos vascos (moitos de Bermeo), asturianos e cántabros que se distinguían dos nosos por teren os cascos pintados de verde ou vermello maioritariamente. Incluso un destes, pintado de negro, foi quen de chamar a atención da xente ata o punto de acabar alcumado como “O negro zumbón”. Esta frotiña de barcos (25 ou 30) abarloaban en grupos de catro ou cinco, aportándolle ao porto de Cangas unha nota de cor que contrastaba coa albura da obra morta dos nosos barcos (incluídos todos os das Rías Baixas) pintados todos en branco. Con tripulacións canguesas na maioría deles, estes barcos euskaldúns e cántabros adicáronse á captura da sardiña, do bonito e da palometa, ampliando máis tarde o seu oficio á pesca da merluza.

Matrículas. | / Arquivo do autor
Se as xentes mariñeiras de Cangas xa viñan reparando na cor e forma dos cascos dos barcos foráneos que arribaban ao seu porto para identificar a súa orixe, non foron quen de decatarse, por usual, que a maioría dos barcos do Morrazo lucían nas súas amuras un tipo de letra especial que identificaba o seu folio ou matrícula do mar como pertencentes ás nosas zonas marítimas. Así o constatamos hai xa anos en lugares tan lonxanos como as Canarias pois ao preguntarmos pola procedencia de calquera barco que lucía tales caracteis sempre nos dicían que era dun porto galego e adoitaban ser concretamente dalgún porto do Morrazo.
Pasado o tempo, e vendo que moitos barcos de Cangas, de Moaña, de Bueu e mesmo de Marín e Vilaboa, exibían o mesmo tipo de letra, decidimos indagar sobre esta cuestión, chegando a dar co artífice desta especial característica que podemos considerar hoxe (naquela data) como unha especie de logotipo da época que caracterizou as nosas embarcacións de pesca. As razóns de uso desta tipoloxía antolláronsenos como puramente circunstanciais ao principio, mais non cabía dúbida de que a especial preferencia por este tipo de letra, desde anos atrás, tiña que ter un motivo. E ainda que os avances en sistemas de rotulación teñen sido moitos, ainda non existía outro soporte que aguantase o efecto e a corrosión producida polo salitre mariño que o de pintalo a man nas amuras con pintura mariña.
Hai uns anos, unha matrícula ou folio, a medio pintar nun barco que estaba en seco nos carros a carón da Lonxa de Cangas púxonos sobre a pista do autor, Xosé Tomé Portela, máis coñecido nos ámbitos mariñeiros como “O Choupa” e fomos localizalo exercendo o seu labor pictórico-rotulista no porto de Meira. Alí mantivemos unha conversa na que, previa identificación, xa xurdiron puntos de relación da sua familia coa miña terra de Monterrei e de aí, despois deste proceso case ritual e no noso país, xa nos convidou á sua casa onde con máis pormiudeza nos aportou máis datos sobre a sua vida e familia.

Algúns dos folios pintados por Tomé 1950-2008. | Arquivo do autor
Natural de Moaña, Xosé Tomé formaba parte dunha familia de cinco irmáns e unha irmá, cuxo pai se dedicaba á pesca patroneando un pequeño barco. Eran os tempos difíciles da posguerra e a carencia de combustibles obrigaba a aguzar o inxenio, característica esta que Xosé e o seu irmán Prudencio amosaban a cotío pois eran grandes expertos en motores de todo tipo. Hoxe que xa se fala do uso experimental do gas licuado para a frota de baixura cunha importante redución do consumo, cómpre lembrar a solución practicada no 1941 polos irmáns Tomé: Coa sua destreza e coñecementos mecánicos conseguiron que o seu pequeno barco se desprazase a base de gasóxeno, insuflando os gases producidos por carbón de toxo (suministrado por un seu tío) mediante un ventilador que os introducía nun motor Chevrolet. Desta, o pequeno pesqueiro familiar chegou a ser a envexa dos patróns e mariñeiros da ría.

Xosé Tomé maquetista. | Arquivo do autor
Ademais destas aptitudes para para a mecánica, Prudencio e Xosé, adicábanse á pintura, especializándose na elaboración das matrículas dos barcos desde os anos cincuenta non variando desde entón a tipoloxía das letras e números que ainda hoxe caracterizan a numerosas embarcacións. Xosé, embarcaría mais tarde como motorista e navegaría durante uns anos polos caladeiros de Groenlandia e de Sudáfrica. Mais esta vida non era da sua satisfacción e rematou reparando motores mariños nunha empresa do porto de Marín ata a sua xubilación. Consumado maquetista naval, pasa os longos meses do inverno realizando detalladas réplicas a escada de barcos ben coñecidos por el e tamén algún que outro cadro pictórico. Mais cando chega o verán, Xosé Tomé, segundo demanda, reanuda a sua tarefa de pintor de folios mariños ao ar libre, podendo atopalo en calquera porto do Morrazo á sombra da amura de proa dun barco varado en terra. Unha regra, un lapiceiro, pintura, pincel e un andamio posibilitan un labor de pintado que precisa dunha depurada técnica para lograr a proporción axeitada nunha superficie parabólica.
Os outros Tomé
o pintor-cartelista.
Ademais de Prudencio e Xosé, tamén destacou na arte pictórica o seu irmán Antonio. Xa desde moi novo mostrou unhas dotes excepcionais para esta arte e desde o ano 1958 traballaría para a empresa dos cines Fraga realizando nos locais do Tamberlick os carteis murais que revestían coa sua enormidade as diferentes fachadas das salas de cine e teatro anunciando as exhibicións. Catro anos despois tivo que ir a facer o servizo militar a Madrid e ao pouco contactaría co coñecido pintor e cartelista José Bardasano que había pouco (1960) que retornara do exilio mexicano debido á sua actividade como creador de cartaces e propaganda para o goberno republicano. Antonio Tomé, a penas coñecido en Galicia, desenvolveu unha grande actividade no campo do cartelismo de posguerra, actividade na que traballaría ata o seu falecemento no ano 2004 en Madrid.

Os grandes afiches murais dos cines madrileños. | / Arquivo do autor
Asociado co cartelista Satos, crearían a empresa Tosa (Tomé-Satos), traballando nun comezo case exclusivamente para a empresa cinematográfica Dilux, elaborando murais tamén para empresas de Francia e Portugal. Extremadamente sinxelo e desprendido, Antonio, quizais por isto ou por ser galego en Madrid, apenas figura na nómina oficial de cartelistas, ainda que estaba a altura dos hoxe recoñecidos Jano, Gallart, Macario (Mac), Soligó, Gil, Tulla, Herreros ou Renau que sobrancearon no seu tempo.
Os outros Tomé son Juan e Manuel. O primeiro destes non sentiu semellante atracción pola mecánica, adicándose nas terras de Arbo de onde procedía o seu pai, ao cultivo da vide e á elaboración de viños do Condado na sua adega. A pintura tampouco está entre as suas afeccións ainda que podemos atoparlle algunha relación pois cada ano agarda a que pinten as uvas para facer a vendima.

Manuel Tomé, segundo arriba á esquerda, no Barça de Cruiff. | FirmaFoto
O futbolista.
Manuel, o irmán mais novo, elixiu a carreira de futbolista, aleccionado por un seu irmán que xogaba de porteiro en Terceira División. Ambos os dous compartían a mesma paixón polo Barça, un polo porteiro Ramallets e o outro por Suárez, comezando os seus primeiros pasos nos xuvenís do Rápido de Bouzas de onde pasou ao Alondras de Cangas na tempada 1969 - 1970. De aquí iría ao Ourense da segunda división e en outubro do 1973 ficha polo Barça de Cruiff, figurando en varias aliñacións do equipo. No 1977 pasa a xogar no Salamanca, equipo no que se retiraría para logo exercer de adestrador en diversos equipos, sendo o Ourense C. F. unha das últimas formacións que dirixiu. E como o fútbol non é todo, a Manuel tamén lle aflorou a vea pictórica dos Tomé, realizando nos ratos libres excelentes obras que merecerían unha exposición, polo menos en Moaña.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría