Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Cangas non esquece a República

Unha ruta guiada, unha ofrenda e a presentación dun libro centran os actos

Unha celebración anterior do
 Día da República en Cangas.   
|  G. Núñez

Unha celebración anterior do Día da República en Cangas. | G. Núñez

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

REDACCIÓN

Cangas

A Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas conmemora nos vindeiros días o 94 aniversario da proclamación da II República cunha programación que inclúe un roteiro guiado, unha ofrenda floral e a presentación dun libro ao redor da figura dun dos mestres represaliados polo franquismo, Adolfo Rodríguez Ansias (1908-1982).

Os actos en recordo da II República comezan este domingo cunha ruta titulada «Cangas na República», organizada xunto a Asociación A Illa dos Ratos. O roteiro partirá ás 10.00 horas desde a sede do antigo concello –agora Casa da Xuventude– e o percorrido polo centro cangués rematará na actual Praza do Concello de Cangas. A ruta é gratuíta, pero require inscrición previa no teléfono 611 080 853.

A programación da Asociación Cultural Memoria Histórica 28 de Agosto de Cangas continuará o luns 14 de abril, data na que se cumpre o 94 aniversario da proclamación da II República. En primeiro lugar a asociación celebra unha asamblea xeral ordinaria ás 18.30 horas en primeira convocatoria e ás 19.00 horas en segunda, cunha orde do día que inclúe un balance económico e de actividades correspondente ao ano 2024 e a presentación da programación para o presente 2025.

Ao rematar haberá unha ofrenda floral e un acto de confraternidade republicana con música e intervencións na Praza do Concello, ao lado da escultura «Memorial da Liberdade».

A xornada rematará coa presentación do libro «Adolfo Rodríguez Ansias. Mestre republicano. 29 anos oculto baixo a lousa do franquismo», do mestre xubilado e investigador Xoán Chillón e coa presenza do investigador Xosé Álvarez Castro. O libro céntrase na figura do mestre ourensán –aínda que nacido en Brasil– e que tras o alzamento militar de 1936 foi destituído e perseguido. Logrou evitar a súa detención tras permanecer agochado durante case 30 anos na Loña, Mariñamansa, San Cibrao e fundamentalmente nun zulo construído na propia vivenda de planta baixa do edificio dos seus tíos na praza de San Cosme de Ourense.

Finalmente en novembro de 1964 solicitou o seu reingreso no maxisterio e foi mestre en Ferreira de Pantón, Requiás, Marce e Viveiro. Neste libro Xoán Chillón –orixinario de Ourense e afincado en Cangas– rememora a historia deste mestre e os encontros con el na Praza de San Cosme de Ourense. «Coñecín a Adolfo naquela praza. A Praza de San Cosme e a súa contorna foron os espazos máis identificativos dos meus primeiros anos de vida naquelas décadas ourensás dos 50 e 60 do pasado século. Naquel espazo de convivencia comezou o meu afecto e recoñecemento por Adolfo, simpatía e respecto, conversa exemplo de ponderación e sabedoría, así como de perseverancia e afán de superación das secuelas daquel derrame e parálise lateral que lle acompañaba, posterior fractura de cadeira, con aqueles paseos co bastón, a vontade dos exercicios de motricidade cunha bola na man e brazo afectados», lembra o mestre e autor do libro.

TEMAS

Tracking Pixel Contents