Un ágora de madeira no colexio de Castrillón

A Comunidade de Montes en Man Común de Coiro habilitou nos últimos días un espazo de diálogo e ocio con elementos de madeira nunha parcela anexa ao colexio de Castrillón para uso e disfrute de alumnos e profesores. Unha vintena de cativos e a súa mestra compartiron onte esta nova experiencia.

Asamblea de cativos, onte, falando de asuntos do seu interese. |  FdV

Asamblea de cativos, onte, falando de asuntos do seu interese. | FdV

Gonzalo Martínez

Cangas

Manuel pide a palabra, man alzada, para contar aos seus compañeiros e compañeiras de clase que ía polo carril bici de Cangas e case atropela a un peón: «tiven que esquivalo de repente e caín», confesa emocionado. «Saíu voando coma un paxaro!», engade un interlocutor. Outro alumno lembra que non ten timbre na bici, e o seu pai «ten que asubiar» cando atopa o carril cheo de xente que lle impide avanzar, para non facer unha falcatruada. E mentres, Marcos usa o asento de madeira a modo de tambor e a profe, Miriam, pídelle que non faga ruído cando alguén intervén, para que todos poidamos entendernos, e el, como rapaz ben guiado, asinte de inmediato e mantén a atención sobre os asuntos a debate no faladoiro.

Disfrutando dos elementos de xogo feitos con madeira polos comuneiros. |  FdV

Disfrutando dos elementos de xogo feitos con madeira polos comuneiros. | FdV

«Que ben estamos a estrear hoxe esta asamblea!, que marabilla!», celebra a mestra, que sacou a un grupo de pequerrechos –entre cinco e seis anos de idade– das aulas do colexio Castrillón para ocupar a leira anexa, donde a Comunidade de Montes en Man Común da parroquia de Coiro instalou varios elementos de xogo feitos con troncos e habilitou un espazo circular que funciona a modo de ágora. E semella cumprir ben esa función porque o entusiasmo reina entre os primeiros usuarios e usuarias na xornada de estrea desta iniciativa que, ademais dunha finalidade didáctica, contribúe a poñer en valor o traballo dos comuneiros e achegar aos nenos e nenas á contorna natural e apreciar s súa importancia.

«Falamos dos pitillos? Porque hai xente que fuma e tíraos ao chan. Logo son arrastrados polo vento ata as alcantarillas, que están para levar as augas ao mar e non os pitillos», protesta outro cativo, e alerta do risco de que as cabichas «acaban no estómago dos peixes que compramos na praza e logo comemos». Todo o grupo atende e participa no debate sobre novas que lle interesan, canta con desigual ímpetu «mandilín mandilón», atende ás explicacións da concelleira de Obras e Servizos, Sagrario Martínez, que estaba de paso para coñecer o novo espazo a compartir en Castrillón e animan ao periodista a facer unha noticia sobre o que acaba de ver e escoitar. «E se pode saír publicado mañán, mellor que mellor!», animan. Compromiso cumprido.

Tracking Pixel Contents