Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

O paso de Castelao por Bueu

Castelao durante un mitin do Partido Galeguista, nun lugar que presumiblemente é a parroquia de Beluso, en Bueu.

Castelao durante un mitin do Partido Galeguista, nun lugar que presumiblemente é a parroquia de Beluso, en Bueu. / Arquivo de Arturo Sánchez Cidrás

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google
O Morrazo
A Xunta de Galicia declarou 2025 como Ano Castelao, co gallo do 75 aniversario do seu pasamento. Con motivo desta efeméride o Concello de Bueu vén de publicar un bando especial, no que ademais de poñer en valor a figura do artista, intelectual e político galeguista recorda que mantivo unha estreita relación coa vila e coas súas xentes.

Neste mes de xaneiro conmemórase o 75 cabodano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, que finou un 7 de xaneiro de 1950 no exilio, na coñecida como a quinta provincia galega: Bos Aires. A Xunta de Galicia decidiu declarar este 2025 como Ano Castelao e ao longo dos próximos meses haberá multitude de actividades para lembrar ao artista, intelectual e político galeguista. Desde o Concello de Bueu veñen de publicar un bando especial, que neste caso é especialmente acaído polo estreito vínculo que Castelao mantivo coa vila do Morrazo. Foi un dos moitos artistas e intelectuais que pasou polo municipio naquela primeira metade da década de 1930, ata o inicio da Guerra Civil.

As crónicas da época dan fe de que polo menos participou en dous mitins en Bueu. En realidade o primeiro podería considerarse como un triple mitin porque incluíu paradas en Meiro, Cela e Beluso. Foi o 9 de outubro de 1932, nunha xornada coñecida como «Domingo Galeguista». Aquel día comezou nunha vivenda no lugar de Quintáns, na aldea de Meiro, onde hai unha placa que lembra o seu paso. A casa pertencía a Manuel Lafuente Portela, que era delegado do Partido Galeguista en Bueu, e desde o patín de entrada interviñeron Alexandre Bóveda, que era secretario do Partido Galeguista; Ramón Otero Pedrayo e o propio Castelao, nun momento no que ambos eran deputados nas Cortes en Madrid durante a II República.

A vivenda do lugar de Quintáns, na aldea de Meiro, na que Castelao, Otero Pedrayo e Bóveda ofreceron un mitin na mañán do 9 de outubro de 1932.

A vivenda do lugar de Quintáns, na aldea de Meiro, na que Castelao, Otero Pedrayo e Bóveda ofreceron un mitin na mañán do 9 de outubro de 1932. / Fdv

Un dos sobriños de Manuel Lafuente, Xosé Antón «Seso» Portela, aínda lembra o que lle contaba o seu tío daquela visita. «O domingo era o día no que a xente aproveitaba para cocer o pan para toda a semana e para a lavar a roupa. Cando Castelao chegou a Meiro viu a aldea rodeada de fume e dixo: ‘Estou vendo para Meiro como cocen os fornos’», recorda que lle contaba o seu tío.

Ao tío de Seso Portela tamén lle quedou gravada outra frase que dixo Castelao no peche daquel mitin: «Estoulle arrastrando polo rabo á burra e a besta zorrégame patadas». Non era algo literal, senón unha metáfora que usaba Castelao para explicar que coas súas intervencións tentaba espertar conciencias e mobilizar ao pobo, pero non sempre con éxito.

Desde Meiro foron a Cela, a unha vivenda situada moi preto da hoxe estrada PO-551 e onde había un salón de baile. Alí foron agasallados cun xantar no que estaban Agustín García Parada –que fora alcalde entre 1910 e 1911–, Tomás García, Manuel Garrido, Manuel García Carballo e José Gómez de la Cueva, máis coñecido como Johan Carballeira e segundo a crónica de «El Pueblo Gallego» asistiron máis dun cento de persoas. Segundo a mesma crónica, Castelao acabou defendendo que Galicia tiña que conquistar «la Autonomía de sus bienes materiales, pero también los espirituales y, sobre todo, su libertad para que no vuelva a ser aherrojada por los caciques republicanos, como antes lo fue por los monárquicos». Un discurso que foi seguido dunha gran ovación e numerosos vivas. Aquela xornada remataría con outro mitin en Beluso.

A placa de homenaxe e recordo colocada no patín da vivenda da aldea de Meiro na que Castelao, Otero Pedrayo e Bóveda ofreceron un mitin na mañán do 9 de outubro de 1932.

A placa de homenaxe e recordo colocada no patín da vivenda da aldea de Meiro na que Castelao, Otero Pedrayo e Bóveda ofreceron un mitin na mañán do 9 de outubro de 1932. / Fdv

Castelao voltaría a Beluso a dar outro mitin o 6 de outubro de 1935, pero a súa presenza en Bueu era moi frecuente. A Asociación Amigos de Johan Carballeira lembra que o artista e político galeguista acudía con frecuencia á Banda do Río, onde Francisco Escáneo tiña un bar no que paraban moitos mariñeiros. Este veciño, que aparece como ‘El Cubano’ en «Los gozos y las sombras» de Torrente Ballester e que foi represaliado tras o golpe militar de 1936, era membro do Partido Galeguista en Bueu. El era o encargado de cobrar as cuotas dos afiliados, que logo acudía a recoller o propio Castelao.

O bando do Concello de Bueu anima a cidadanía a achegarse á obra de Castelao e remata cunha das súas frases: «O verdadeiro heroísmo consiste en trocar os anceios en realidades, as ideas en feitos».

Sen acordo en Moaña para recoñecelo como primeiro presidente

A figura de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao foi obxecto dun intenso debate no pleno da corporación de Moaña. Aínda que todos os grupos valoraron a súa figura, os edís do BNG, que gobernan en maioría absoluta, aprobaron unha moción sen respaldo da oposición na que piden accións como solicitar á Xunta o recoñecemento do político como primeiro presidente galego contemporáneo e ao Consello de Galiza como goberno no exilio.

O PP rexeitou de plano esta denominación. O edil Alfonso Piñeiro lembrou que o primeiro presidente «elixido democráticamente nas urnas» foi Gerardo Fernández Albor. Acusou ao BNG de «querer facer unha apropiación indebida de Castelao. O seu legado é enorme e pertence a todos os galegos. Parece que lle queren poñer no peto o carné de afiliado ao BNG», lamentou.

Dende o PSOE, Mario Rodríguez, abstívose na votación tras tentar, sen éxito, unha modificación que evitaba a consideración de Castelao como primeiro presidente galego.

A proposta dos nacionalistas foi defendida por Daniel Costas. Alegou que buscan «facer partícipes a todos» do «Ano Castelao». O PP tamén criticou a proposta de izado da bandeira galega nos Xardíns do Concello.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents