O Entroido de Ons emerxe tras medio século de exilio
Bueu xa perfila a súa programación de Entroido, que este ano conta cunha importante novidade: a recuperación do Entroido tradicional da illa de Ons, xusto cando se cumpre medio século da última vez que se celebrou.

Unha das escasas imaxes que se conservan do entroido tradicional de Ons, coas figuras dos «mudados». A fotografía inclúese no libro «A illa de Ons, unha cultura, unha identidade» de Staffan Mörling e Josefa Otero, editado pola Xunta de Galicia. | / Arquivo Staffan Mörling/Josefa Otero
O entroido volta á illa de Ons despois de medio século de exilio e esquecemento. Un regreso que contará coas súas figuras tradicionais e representativas: os mudados e mudadas, as máscaras e a personificación da propia festa por medio dun moneco feito a modo de esqueleto de paus, cuberto de palla e roupa vella. A última vez que se celebrou este entroido tradicional foi aló polo ano 1975, xusto cando a maioría dos illáns se vían obrigados a deixar Ons para instalarse en Bueu ou noutras vilas da contorna debido a falta de servizos e as duras condicións de vida no arquipélago.
A recuperación desta festa tradicional é a gran novidade do entroido de 2025 no Concello de Bueu, un programa que quedou practicamente perfilado na reunión celebrada hai uns días entre a Concellería de Cultura e os colectivos que forman parte do Comité do Entroido. A proposta de recuperar o entroido illán parte do filólogo e investigador bueués José Manuel Dopazo, que dende hai anos emprendeu un traballo de recuperación da historia desta festa e no que conflúen a lingua e a etnografía. Este mesmo sábado ofrecerá unha charla no Centro Social do Mar, a partir das 12.00 horas, titulada «Como na illa en ninkún lado».
Esta conferencia dalgunha maneira será como o foguete que anuncia a apertura do Entroido 2025 en Bueu. A festa abrirase o venres 28 de febreiro e estase traballando na posibilidade de que as comparsas da vila elaboren unha especie de pregón. A recuperación do entroido tradicional de Ons vaise materializar nesa primeira fin de semana de marzo.
Unha "fiada" o 1 de marzo e o desfile pola illa o domingo de entroido
O sábado pola noite na zona do Curro haberá o que se chamaba unha «fiada», que é como unha foliada con pandereteiras. E o domingo 2 de marzo será o desfile, no que sae o moneco que personifica o entroido xunto ás máscaras e mudados. A tradición manda que esa figura saia enriba dunha ovella e estase tentando buscar unha alternativa similar. «As máscaras son como figuras brancas, que dalgunha maneira anuncian a chegada do Entroido», explica José Manuel Dopazo.
O papel dos mudados é o contrario. «Son os encargados de crear certo caos, son as personaxes malvadas que van ataviadas con prendas brancas e unha carauta vermella», engade. Ese caos chega en forma de roubar comida, cambiar as cousas de sitio... e serían o equivalente dos vascalleiros no Bueu continental.
Cambios "obrigados" pola Guerra Civil
Despois da Guerra Civil houbo un curioso cambio, no que os mandados facían os dous papeis. «É algo que contradictorio porque ás máscaras representan o que aparentemente é o ben e os mandados o que aparentemente é o mal», suliña o investigador bueués.
Para este desfile solicitouse a colaboración da asociación veciñal da illa, que está tratando de adaptar un pequeno percorrido por Pereiró, Canexol, O Caño e Curro cos mudados e máscaras, un grupo de pandereteiras, xogos tradicionais e doces típicos, como as orellas e chulas. Pola súa banda, a Concellería de Cultura xa presentou o pasado 9 de xaneiro unha solicitude de autorización diante do Parque Nacional Illas Atlánticas. Ao mesmo tempo, trabállase coas navieiras para poder ter servizo de barco.
A intención é que nos vindeiros anos se consolide a recuperación deste entroido tradicional e que se poda ampliar o percorrido e as figuras participantes.
O Enterriño da Sardiña e o Enterro do Paxaro do Mal Agoiro
O resto da programación do entroido deste ano será similar a de anos previos. O epicentro da festa estará na carpa de As Lagoas, onde o sábado 1 de marzo haberá unha festa dos anos 80 e durante os días 3, 4 e 5 de marzo unha nova edición do obradoiro artístico infantil con Tino Resille, onde se dará forma ao Paxaro do Mal Agoiro. O Enterriño da Sardiña será o mércores 5 a partir das 17.00 horas –esta semana haberá únha reunión coas Anpas–, o festival de comparsas do Bueu Atlético voltará ao Centro Social do Mar (venres 7 de marzo) e á Casa do Pobo de Beluso (venres 14 de marzo). As comparsas tamén estarán o sábado 1 de marzo no Eirado de Cela, que estará cuberto cunha carpa, nun festival organizado pola asociación Costumes de Cela e o Concello, e o martes 4 de marzo na aldea de Meiro.
O sábado 8 de marzo na carpa das Lagoas haberá unha festa infantil de disfraces, unha nova actuación das comparsas e unha festa coa Duendeneta. O remate do entroido será o desfile e queima do icónico Paxaro do Mal Agoiro, que sairá o domingo 9 de marzo a partir das 17.00 horas.
Suscríbete para seguir leyendo
- Propuestas en donde más bate el mar en Bueu
- El cuento de una abuela de Cangas a su nieto
- Moaña queda con 19 policías tras la emotiva jubilación del agente Gómez
- A algunos había que triplicarles el recibo de la basura
- La ‘piqueta’ ya hizo su trabajo en Lapamán
- Padres del Monte Carrasco afean a la UVigo por invitar solo a alumnas a 'Elas Fan CienTec
- Nuevo puesto de vigilancia de playa estilo invernal
- Costas tramita la ocupación de DPMT para la humanización del vial da Praia