Entrevista | Ana Rodríguez Guimeráns Portavoz da Plataforma Queremos Galego en Moaña
«Non concibo este país sen a súa cultura, e moito menos, sen a súa lingua viva»
A Plataforma Queremos Galego está celebrando plenarios nas localidades tras os datos do IGE sobre o estado de emerxencia do galego e de cara á manifestación do 23-F en Santiago. Moaña celebra hoxe o seu plenario. A docente na Facultade de Ciencias da Educación Ana Rodríguez será a súa portavoz.

Ana Rodríguez Guimeráns. / Fdv
Coordinado polo exconcelleiro de Nomalización Lingüística de Moaña, Aldán Santamarina, e dentro dos plenarios que está levando a cabo a Plataforma galega Queremos Galego, Moaña acolle hoxe a constitución da Plataforma Queremos Galego de Moaña, nun acto no salón de plenos (20:00 horas) ao que se invita a todos os colectivos sociais do concello. A mestra en Educación Infantil pola Universidade de Santiago (USC), docente cun contrato predoutoral mentras cursa o seu doutoramento e investigadora do Grupo Stellae, Ana Rodríguez. (Moaña, 1988), será a portavoz da plataforma na localidade. Investigou no proxecto infanci@Dixit@l, centrado no uso das tecnoloxías na infancia que continúa na actualidade centrado na adolescencia. Comprometida coa lingua e cultura galega, toma a decisión de ser neofalante e recuperar a que foi a súa lingua nai. Participa como consello editorial na Revista Galega de Educación e no movemento Nova Escola Galega.
-Por que o galego está en situación de emerxencia?
-Pola perda de persoas coñecedoras da propia lingua e que a empreguen de forma habitual, especialmente entre as xeracións mais novas. Os resultados dos estudos do Instituto Galego de Estatística publicados en outubro amosan un aumento do porcentaxe de persoas que recoñecen saber “pouco ou nada” do galego, especialmente nos menores de 15 anos onde aumentou ata un 32,44%, 11 puntos en a penas cinco anos. Ademais este uso é maioritariamente oral, xa que na escrita un 82,3% emprega castelán. Así mesmo, existe unha brecha xeracional no uso da lingua debido a que nos entrevistados maiores de 65 anos, un 67% expón falar sempre en galego, mentres que na infancia só o 16,19%. Un 16% dás familias afirma falar exclusivamente en galego na casa, fronte ou 47% que o fai só en castelán.
-No caso de Moaña?
-Os datos non distan moito dos xerais. Un 63% das persoas maiores de 65 anos falan maioritariamente galego, un 20,5% na franxa adulta e un 4% do alumnado dos centros educativos, amosando o risco no que se atopa a lingua entre os mais novos. Todo isto engadido ao feito de que só un 4,48% da cativada de Moaña aprendeu a falar en galego e polo tanto o ten como a súa lingua nai, fronte ao 64,57% en castelán. Eu son nai dunha pequena de dous anos coa que sempre falamos galego na casa. O contexto no que se desenvolven as nosas crianzas está claramente castelanizado o cal agrava a situación.
-Inflúe a globalizacion, as redes sociais?
-Por suposto, a globalización ten cousas favorables, oportunidades, desenvolvemento, conexión con outros lugares e persoas. As linguas maioritarias coma o castelán ou o inglés dominan os medios e as redes sociais, pero o uso das mesmas nunca pode ser a costa de perder a identidade propia. Nos últimos meses, tamén como resposta aos resultados do IGE, os usuarios que empregan as redes en lingua galega aumentaron notablemente. E non só iso, tamén os creadores de contido. Estase a crear unha rede de apoio a neofalantes nestas plataformas.
-A política inflúe? Hai postureo neste senso?
-As decisións políticas afectan directamente á protección, promoción e normalización do galego Con todo, quero aclarar que a plataforma Queremos Galego vai moito máis aló do político, non está vinculada a ningún partido. Trátase dunha plataforma cidadá conformada por entidades, asociacións e persoas a título individual, que se uniron como reacción aos datos do IGE. Respondendo a se hai postureo, en calquera movemento social sempre hai persoas que se suman ao carro simplemente porque parece que é onde toca estar. Pero a meirande parte das persoas que colaboran coa plataforma é porque realmente cren na causa.
-Se sinte Galiza sen falar galego?
-Para min é moi complexo entender a Galiza sen unha das súas partes fundamentáis. É como pensar se seguirías sendo ti pero perdendo parte da túa personalidade. Non concibo este país sen a súa cultura, sen a súa gastronomía, sen a súa fermosísima natureza, sen a súa xente, e moito menos sen a súa lingua viva.
-Cre que nos centros educativos se ensina ben o galego?
-A resposta superficial sería que si. Non poño en dúbida o traballo dos profes de lingua galega. Pero tamén creo que existe diferencia entre saber e saber facer ou en este caso saber dunha lingua e saber usala no día a día. O galego ten que estar moito máis presente nas escolas: en outras materias, nos materiais didácticos, nas conversas cos profes, no xogo, na información que reciben as familias, o galego debe formar parte do noso día a día. Todos temos claro que se queremos que un neno ou nena aprenda inglés, hai que incorporalo no seu contexto diario. Colocamos deseños animados en inglés, música en inglés, e escollemos a oferta bilingüe do centro para que coñecemento do medio pase a chamarse “science”. Polo contrario, consideramos que o feito de ter matemáticas en galego vai xerar confusión na adquisición e contidos e por tanto mellor todo en castelán (ou castelán e inglés).
“A nosa labor non vai desaparecer coa manifestación”
Cal será a labor da Plataforma de Moaña?Queremos Galego Moaña conformouse, ao igual que outros consellos comarcais, co obxectivo de crear un espazo de traballo conxunto de cara á próxima manifestación do 23 de febreiro en Santiago coincidindo co día de Rosalía de Castro. Este sería o primeiro fin a curto prazo para o cal se convoca a xuntanza de hoxe. Aí explicarase os puntos mínimos e as medidas urxentes que se propoñen, invitando a que se adhiran e colaboren. A maiores temos tamén un Instagram no que imos colgando as últimas novas, os datos das enquisas, información de interese, entre outras. A conta acaba de saír da casca como quen di grazas ao meu colega Aldán Santamarina pero temos intención de continuar coa súa actividade. Aínda que a manifestación sexa a liña de traballo actual, a nosa labor non vai desaparecer tras a xuntaza, senón que ten que estar presente e traballando para “mudar o rumbo” do galego en Moaña.
Suscríbete para seguir leyendo
- Propuestas en donde más bate el mar en Bueu
- El cuento de una abuela de Cangas a su nieto
- Moaña queda con 19 policías tras la emotiva jubilación del agente Gómez
- A algunos había que triplicarles el recibo de la basura
- La ‘piqueta’ ya hizo su trabajo en Lapamán
- Padres del Monte Carrasco afean a la UVigo por invitar solo a alumnas a 'Elas Fan CienTec
- Nuevo puesto de vigilancia de playa estilo invernal
- Costas tramita la ocupación de DPMT para la humanización del vial da Praia