«Que o mar che sexa leve, Bernardino»
Unha ampla representación social, literaria e política de Cangas, O Morrazo e Galicia despiden ao insigne autor nun acto laico previo á súa incineración na intimidade familiar | «Confórtanos a súa obra, que nunca morrerá», alentan

Personalidades políticas, académicas e sociais sosteñen a bandeira de Galicia sobre o cadaleito de Bernardino Graña. | G.Núñez
«Bernardino Graña converte hoxe a Cangas non na capital literaria do Morrazo, nin de Pontevedra, nin siquera de Galicia, senón de Europa», proclamou Xesús Alonso Montero na súa intervención para lembrar vida e obra do poeta cangués, co que compartiu moitos anos de amizade e experiencias. Foi nun multitudinario acto de despedida laica no tanatorio da vila repleto de testemuños en favor do poeta do mar, finado na madrugada do sábado na residencia donde pasou os últimos anos, en Panxón.
O alcalde de Nigrán, Juan Antonio González, recoñeceu ese «privilexio» de ter preto a Bernardino, e tamén que desde esa estancia puido disfrutar do mar do Morrazo no horizonte. Ao seu carón estivo a rexedora de Moaña, Leticia Santos, que repasou a pegada do autor no municipio, pois viviu en Tirán e ten rúa co seu nome no centro de vila, ademais de ser mestre e faro literario do finado alcalde Xosé Manuel Millán. O turno das alcaldías pechouno a de Cangas, Araceli Gestido, que, moi emocionada , suliñou que foi un escritor «comprometido» coa sociedade, cunha obra que nos fai «máis sensibles, máis humanos», que o pobo está «triste por esta noticia» e debe honralo como se merece.

Os amigos máis próximos de Bernardino, durante o acto. | G.Núñez
Foron algúns dos amigos máis achegados, e que o visitaron e acompañaron ata os últimos días, como Xoán Chillón, Manuel Álvarez ou Camilo Camaño os que abriron a cerimonia laica nun salón de actos repleto e con ducias de persoas acurrucadas para escapar da invernía exterior. Algunhas voces apuntaron que tal vez o lugar axeitado para a despedida era o salón de plenos, máis xustificado ao tratarse dun «Fillo Predilecto de Cangas» e merecedor de múltiples distincións e homenaxes. Significativas foron as palabras de Héitor Mera, biógrafo e autor da tese de doutoramento sobre Bernardino Graña, ao que lle concede, entre outras virtudes, a de «unir ao pobo» en torno a si, pois as iniciativas que se levaron a cabo para poñer en valor e render homenaxe ao autor sempre saíron adiante por unanimidade, raro proceder en terra tan combativa e mesmo polarizada.

Bernardino foi despedido ao son do himno de Galicia. | G.Núñez
Ao estrado subiron tamén poetas próximos a Bernardino que recitaron versos propios na súa lembranza ou do autor falecido, como Miriam Ferradáns, Lucía Novas ou Daniel Costas, este último cun poema que lle adicou Xosé Manuel Manuel Millán, «Oda menor ao gran mascato Bernardino Graña cando se eleva sobre as terras do Morrazo». A música chegou da harmónica de Xico de Cariño, das cancións do grupo Varalonga sobre versos de Bernardino e de Tino Baz, que lle puxo voz a un dos máis fermosos poemas escritos polo homenaxeado e moi apropiado para darlle a despedida: «Case morto vivín sen coñecerte/ aló na chaira seca por absurdas rúas/ onde ninguén me soupo dar mornura./ Foi soedade desconforme adentro/ e a semente a caír en terra dura./ Como hei vivir mañá sen a luz túa?/ Como hei vivir mañá sen a luz túa».

Tino Baz e Varalonga interpretaron algúns dos seus versos. | G.N.
Non faltaron á cita altos representantes institucionais, como o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Freixanes, e outros membros do colectivo; o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, ou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, moi achegado a Bernardino Graña, como tamén concelleiros e representantes de todos os grupos políticos. Todos eles glosaron a figura humana e literaria de Bernardino Graña diante do seu féretro, envolto coa bandeira de Galicia e despedido ao son do himno galego. O corpo foi trasladado para a súa incineración na intimidade familiar, e pediu en verso descansar no mar, fronte á praia de Rodeira.

A alcaldesa de Cangas glosa a figura humana e literaria do finado. | G.Núñez
Suscríbete para seguir leyendo
- Detenido el concejal del PSOE de Cangas, Eugenio González, por supuesta usurpación de estado civil en una solicitud de baja de un vado
- Propuestas en donde más bate el mar en Bueu
- Eugenio González: «Tan tranquilo estoy que voy a ver el partido del Cangas»
- Moaña queda con 19 policías tras la emotiva jubilación del agente Gómez
- Más construcción en Moaña con otro edificio en Cabanillas
- Un herido tras volcar su coche en la salida de la AP-9 hacia Moaña y Vilaboa
- Padres del Monte Carrasco afean a la UVigo por invitar solo a alumnas a 'Elas Fan CienTec
- Nuevo puesto de vigilancia de playa estilo invernal