No pasamento do ilustre literato do Morrazo | Loito na cultura de Galicia
No pasamento de Bernardino, meu amigo

Bernardino Graña e Héitor Mera xuntos ao lado do mar. / Xan Leira
Héitor Mera Herbello*
É complicado escribir estas liñas e ao tempo conter as bágoas. O ánimo lévame a mirar cara a Rodeira, contra o mar, lembrar e chorar. Porque por moito que o pasamento de Bernardino entrase no posible e esperable, por moito que un pensase que estaría preparado para levalo con entereza, é duro. Moi duro. Marchou o amigo que tanto ben nos fixo coas súas palabras, coa súa tenrura, coa súa fonda humanidade. O amigo co que tanto compartías unhas fechas e unhas sardiñas como conversabas sobre temas fondos, sensibles e moi poéticos e filosóficos. O amigo que nos ensinou soñar.
Nos últimos tempos andaba eu ás voltas cunhas cartas que Bernardino Graña lle enviara a Ramón Lorenzo, compañeiro seu de Brais Pinto. E eu ría. Ría moito. Porque naqueles textos epistolares estaba o Bernardino festeiro, namoradeiro, bohemio e poeta. O Bernardino que na mocidade vinteañeira e na aparente superficialidade dos comentarios a un amigo xa elucubraba e deixaba ver todo o que viría despois: un dioivo de poesía, de teatro ou se se quere, e para resumir, un dioivo da máis alta humanidade verquida nunha das obras máis senlleiras que deu Galicia.
Porque agora, coa súa falta virán os recoñecementos. Homenaxes, sesudos estudos e seguro que vén pronto as Letras Galegas. Os recoñecementos que, no caso de Bernardino, lembremos o episodio da Academia, sempre lle son tardíos por moi merecidos e evidentes que aos máis nos puideran resultar. Mais eu, egoistamente, preferiría que Bernardino quedase con nós. Quixera que volvesen aqueles paseos pola fronte marítima coa conversa acesa e o rabichiño do ollo pendente do mar. Quixera que volvesen esas chamadas telefónico-eufóricas porque xa dera coa solución a aquel texto que tanto traballo lle dera, que volvese o xuntoiro cos amigos: Manolo Álvarez, Xoán Chillón, Camilo Camaño, Alexandre Ripoll, Calros Solla, con Xe Freyre, Rivadulla Corcón e tantos e tantos outros tolitates que riamos e brindabamos en cuncas ou en copas de vidro fino e cantabámoslle con Bernardino á vida que tanto e tanto amou.
Mais hoxe toca despedilo. Co amor que el nos ofreceu. Coa lembranza e dignificación do poeta/home que quixo vivir. Agora ben, despois da despedida necesaria; do dó e tristeza pertinentes e homenaxes que se queiran, lembrémolo como a el lle gustaría: lendo a súa obra. El así o deixou dito.
Bernardino de Cangas, Dino, Dinito: querémoste. Lembrarémoste.
*Autor da tese doutoral sobre Bernardino Graña, exconcelleiro de Cultura e veciño de Cangas
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría