No pasamento do ilustre literato do Morrazo | Loito na cultura de Galicia

O home que quixo vivir

Bernardino Graña naceu nunha casa diante do mar de Cangas, foi mestre nos dous institutos da vila e ata na cidade de Sao Paulo

A estrea literaria de Bernardino Graña foi cun poemario titulado «Poema do home que quixo vivir», un traballo que pode entenderse como unha declaración de intencións. «Xamais poderei ser home/ Porque xamais deixarei/ De preguntar e chorar / E andar peregrino e pobre./ E aquilo que mais me fire/ é o tempo que me carcome./ O tempo coma os avoitres, /peteira que te peteira,/ levándome a pouco e pouco/ o cerne, o sangue, os meus foles./ ¿Cómo hei de poder vivire/ perdendo vida a cada intre,/ reconstruíndome sempre/ no medio de pecha noite?/ Estou a estudiare, amigos,/ a forma de sere un home». O libro foi editado en 1958 polo grupo Brais Pinto e contaba cun limiar do seu amigo Xosé Luís Méndez Ferrín, o mesmo que máis de medio século lle deu a benvida como novo membro da Real Academia Galega (RAG).

Ese libro foi o comezo dunha extensa obra que abranguería todos os xéneros e tamén serviu como título para unha das últimas homenaxes que recibiu en vida Bernardino Graña, cunha exposición e documental a cargo do cineasta Xan Leira. Entre toda esa produción literaria sobresaen «Profecía do mar», libro no que se inclúe a imprescindible «Oda aos mariñeiros» ou «Non vexo Vigo nin Cangas».

«Dinito», como era coñecido de maneira agarimosa, naceu diante do mar, nunha casa medianeira entre Casa Macillos e o antigo Bar Celta. Bernardino Graña foi quen de compaxinar a docencia cun incansable sentimento viaxeiro. Foi mestre de Lingua e Literatura no instituto de Rodeira –onde coincidiu con Carlos Casares ou Francisco Rodríguez–, impartiu Literatura Española na cidade brasileña de Sao Paulo e xubilaríase no ano 1991, tendo como último destino o IES María Soliño de Cangas.

Foi membro fundador do PEN Club Galicia e da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), da que foi o seu primeiro presidente e que lle outorgou o premio «Escritor na súa terra». Foi un acto celebrado en 1996 nos Xardíns do Sinal, no que estiveron Xosé María Álvarez Cáccamo e Manuel María. Unha homenaxe ao lado do mar e enraizada na terra mediante a plantación dun loureiro, que era a árbore preferida dun home que sempre quixo vivir.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents