Unhas palabras sobre Henrique Harguindey Banet

Henrique Harguindey. | | G.N.
O pasamento de Henrique Harguindey Banet o 20 de decembro constitúe unha perda para os seus familiares e amigos, mais tamén un acontecemento que recorta as posibilidades da nosa cultura e deixa orfos proxectos fecundos.
O seu legado é extraordinario. As súas máis de corenta traducións recibiron numerosos recoñecementos, entre eles, o Premio Ramón Cabanillas outorgado pola Xunta de Galicia no ano 1991 pola súa tradución de Gargantúa e Pantagruel de F. Rabelais. No ano 2012 recibiu unha homenaxe da Asociación de Tradutores Galegos polo conxunto da súa obra. Quique, como así lle chamabamos os amigos, tamén explorou os camiños do galego versionado a outras linguas en Urbi et orbi. Dende o galego para o mundo. Era, pois, coñecedor dos abrazos universais entre as culturas. Súas son estas palabras incluídas no citado estudo: “Pois se Martín Códax segue cantando para un corazón canadiano, se Rosalía segue a falarlle á xente de hoxe, remocicada en novas linguas, se os nosos escritores son quen de abalar o sentimento de habitantes de toda a rosa dos ventos neste século XXI, daquela é certo que a forza do noso amor, non pode ser inútil”.
A tradución, e no caso de autores coa sensibilidade de Quique moito máis, ten a virtude, como expresaba Méndez Ferrín, de fortalecer a lingua: “naturalmente enfrontar ao galego, por exemplo, [...] co Gargantúa e Pantagruel, é un ben porque a lingua se exercita. A lingua bótalle un pulso...”
Sabía Quique da fecundidade dos encontros entre as linguas, as que entendía como campos de cultivo que, por desgraza, algúns se empeñan en transformar en campos de minas. Harguindey era un erudito filólogo, como demostra en A saquetiña da lingua; mais contaba cunha ferramenta pouco habitual: un elegante humor. Con el era quen de transmitir coñecementos complexos de xeito ameno, como podemos comprobar en Desaprenda a falar galego en 15 días cos erros dun tradutor automático e, sobre todo, nun dos libros máis divertidos escritos sobre cuestións lingüísticas: O fío da lingua. Quique foi sementando futuros alí onde estaba: na Asociación Cultural O Facho, en Xiria e en tantos outros sitios. O paso pola política municipal é testemuña desta capacidade para construír sínteses superadoras. Valla a modo de exemplo a preocupación pola conservación do patrimonio, como a sinalización dos petróglifos, e a creación de novas infraestruturas que dinamizasen a vida cultural (o auditorio que hoxe leva o nome do seu amigo Xosé Manuel Pazos é unha clara mostra).
Mais alguén podería pensar que alguén afeito a sentar á mesa, a falar diariamente con Víctor Hugo estaría menos atento ao popular, ao tradicional. Nada máis lonxe da realidade. A súa Antoloxía do Conto Popular Galego elaborada en colaboración coa súa dona: Maruxa Barrio é proba do contrario.
Quique sempre foi un defensor do galego popular. Consideraba esencial conservar e, sobre todo, revitalizar as palabras transmitidas polo pobo, as unidades fraseolóxicas, mostra da polifonía da lingua e da creatividade dos seus falantes. Loitaba por incorporalas aos depósitos léxicos e por insuflarlles vida mediante o uso diario, o emprego nos traballos de investigación e de tradución, a posta en valor ao rexistralas e a xeración de materiais que as fixese visibles para as novas xeracións.
Esta sensibilidade levouno a impulsar a creación dun grupo investigador sobre o léxico e a fraseoloxía do Morrazo que co tempo recibiría o nome de “Maré do Morrazo”. Froito deses traballos foi o libro Unha maré de palabras publicado polo Museo Massó en 2005 e os artigos “Outros lances nos laños do Morrazo. Nova recollida de unidades fraseolóxicas” (2012), “Botando unhas liñas no mar do Morrazo (2017), “Largando aparellos nos caladoiros do Morrazo outras unidades fraseolóxicas” (2020), publicados polos Cadernos de Fraseoloxía Galega, e tamén a súas achegas de léxico á páxina: “Palabras con memoria”.
Quique non só foi, como queda dito, un impulsor deste grupo, senón que achegaba unha capacidade case única de saber medir o peso de cada verba, de sentir como latexaba, de percibir os seus sabores, de intuír os seus camiños... Era ademais, xunto con Ramón Rocamonde, o termómetro anímico do equipo. Eran capaces de reconducir calquera pequena discrepancia que houbese, de poñer un horizonte alí onde aparecía un muro, sempre coa palabra xusta e a emoción axeitada. Posuían esa sabedoría especial que só acompaña aos que xuntan a bondade co humor como forma de transitar polo mundo. Neles non existía a palabra impositiva, nin o reclamo fachendoso. Agora non temos a sorte de contar con eles, teremos que nos resignar e preguntarnos como o farían para errar no noso proceder.
Non podemos rematar esta nosa homenaxe sen falar do amigo, porque Quique era, sobre todo, iso, un amigo. Un ser humano entrañable capaz de preocuparse polos sentimentos alleos mesmo nos tempos máis difíciles para el. Por iso, virá con nós no resto das nosas existencias e estará nos nosos traballos, nas nosas emocións e nas nosas vivencias. Neste momento de dor, Quique, convén dar grazas ao azar do universo (quen sabe se a un Deus xeneroso, pouco importa neste caso), por regalarnos a inmensa sorte de compartir tantos momentos contigo.
Grupo Maré: Salvador Castro Otero, Lucía Durán Paredes, Xosé Manuel González “Oli”, Xosé Martínez García, Soledad Ríos Santomé e Emma Tilves Pazos.
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares