Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mestres e escolas | No 50 aniversario do grupo escolar do Hío

O ensino primario na parroquia de O Hío (e VI)

Esta serie remata coa Lei Xeral de 1970 e coa Agrupación Escolar do Hío

Escola en Donón coa mestra Conchita Fandiño, curso 1969/70.

Escola en Donón coa mestra Conchita Fandiño, curso 1969/70. / A Cepa

Anxo Coya

Cangas

A nova Lei Xeral de Educación de 1970

Con anterioridade xa se tiñan efectuado demandas en relación con distintos aspectos que agora van tratar de contemplar e que imos a destacar: dirección democrática da política educativa, concepción do ensino como servizo público a cargo do Estado, gratuidade da ensinanza en todos os niveis, contidos racionais e científicos, liberdade de docencia, obrigatoriedade das linguas propias, planificación autónoma das nacionalidades, escolarización obrigatoria ata os 16 anos.

O 6 de agosto de 1970 publícase no Boletín Oficial do Estado a Lei 14/1970, de 4 de agosto, Xeral de Educación e Financiamento da Reforma Educativa (LGE). Más de cento dez años despois do 9 setembro 1857, no que se tiña promulgado a “Ley Moyano”, desenvolvida en abondosos regulamentos, pero que tiña ordenado o sistema educativo español dende mediados do s. XIX ata iniciado o segundo terzo do XX,

A nova Lei de Educación distánciase no seu limiar do marco e condicións socio-económicas da Lei Moyano. Teñamos en conta que esta xa contaba con máis de cen anos e respondía a unha época menos clasista e máis aberta a democratizar a ensinanza. Analfabetismo xeneralizado, dependencia total do campo con máis de dous millón e medio de xornaleiros, unha estrutura socio-económica pre-industrial, non tiñan xa moito que ver coa nova realidade de inicios de 1970.

Establécese unha nova estrutura do sistema educativo xeral, procedente da nomeada Lei Moyano de 1857. Estará composta de catro etapas: preescolar, educación xeral básica (E.X.B.), ensinanzas medias e ensinanza universitaria.

Esta nova medida pretende xeneralizar a educación dende os 6 ata os 14 anos. A etapa de E.X.B., constará de oito cursos, organizados os primeiros anos en etapas (primeira, de cinco cursos, e segunda de tres cursos). Con posterioridade organizaranse en ciclos:, inicial, medio e superior. O alumnado que supere esta etapa de primaria obterá o título de Graduado Escolar, que dará acceso aos estudos de B.U.P.

Escola de nenos no lugar do Igrexario, anos 60.

Escola de nenos no lugar do Igrexario, anos 60. / Cedida

A ensinanza secundaria estará estruturada en dous camiños ou itinerarios: unha de carácter netamente académico, o B.U.P. (Baharelato Unificado Polivalente), de tres cursos, polo que accederá ao C.O.U. (Curso de Orientación Universitaria), e outro de carácter profesional, a nomeada F.P. (Formación Profesional), composta de dous graos, o primeiro de dous cursos de duración, facilitando o título de Técnico de Especialidade, e un segundo grao. Aínda que nun principio na Lei estaba contemplado un terceiro grao, pouco se puido desenvolver.

Noutros temas, establecíase a gratuidade da ensinanza secundaria, incorporábase o acceso á Universidade para persoas maiores de 25 anos e que non tivesen cursado bacharelato sempre que superasen unhas probas previas, así como se pretendía potenciar a educación permanente de adultos e acadar unha maior consideración para a educación especial, para aqueles alumnos con dificultades ou discapacidades. Por outra parte, o calendario escolar fixouse en 220 días lectivos por curso.

Novo Grupo Escolar do Hío

En sesión plenaria da Corporación do Concello de Cangas de 28 novembro 1968, e con posterioridade de 29 maio 1969, apróbase a desafectación de terreos dunha parcela de 10.000 m2 en Castro, Nerga, estrada de Igrexario-Donón para a Agrupación Escolar de Hío.

Segundo certificación posterior de 30 xuño 1977, a fin de instruír expediente de “declaración nova” para a súa debida escrituración notarial e posterior matriculación no Rexistro da Propiedade de Pontevedra, o Grupo Escolar de O Hío consta de sete mil metros cadrados, dun valor de 22.400.000 ptas (valor xullo 1977), emprazado na parroquia de O Hio. Os seus lindeiros son: Norte, con propiedade do Marqués de Castelar; ao Sur, con terreos de dona Ramona Gutiérrez e herdeiros de don Francisco García e don Jose Rodal Portas; ao leste, con fincas pertencentes a don Jaime Franco, don Manuel Rodal Portas, don Francisco González Frandiño, don Avelino Iglesias, dona Dolores Martinez, herdeiros de don Francisco García e don Leopoldo Coya; e polo oeste, con terreos do Marqués de Castelar.

A escola de Nerga, no lugar do Xogo da Bola, no ano 1975.

A escola de Nerga, no lugar do Xogo da Bola, no ano 1975. / Cedida

As edificacións ocupan unha superficie de 1.590 m2, que consta de dous corpos unido a través de escalas e dous pasos de comunicación entre eles. O primeiro dos corpos componse dun soto, planta baixa e primeiro andar, cunha altura de seis metros, a contar dende a porta principal de entrada. O segundo corpo está formado por pranta baixa e dous pisos, dende o vento norte, cunha altura de nove metros, a partir da beirarrúa situada no vento norte do edificio. O centro escolar de referencia está construído igualmente por un ximnasio – independente, dunha soa planta, de douscentos dez metros cadrados de superficie, e unha altura de tres metros; dunha vivenda -planta baixa para o Conserxe, de cento vinte e nove metros de extensión, de tres metros de altura; dúas pista polideportivas, de cento cincuenta e seis metros cadrados, construída en aglomerado quente, e catro pozos para abastecemento de auga”.

A nivel de profesorado das Agrupacións Escolares da parroquia de O Hío, no curso académico 1971-72, a relación era a seguinte: María Concepción Fandiño Soto (Donón), Blanca G. Veiga (idem), Félix Lede Oubiña (Igrexario), Mari Carmen Fernández Álvarez (Vilariño), Mari Carmen Cordeiro Solla (idem), Maria Rosa Fernández Soto (Liméns), Consuelo Davila Álvarez(Vilanova), Celia Jorge Soto (Nerga-nº2), María Jesús García González (Igrexario-nº2 ).

O novo Grupo Escolar comezará a funcionar no ano 1974.

Non podemos esquecernos da importancia das actividades extraescolares coa aprendizaxe de cursos de fotografía, música e baile galego que no comezo da década dos 80 impartiron com acerto Suso Lorenzo, Anxo Gago e Carmiña Pérez. Do mesmo xeito lembramos naquel tempo a celebración de semanais culturais de San Andrés cunha implicación total da veciñanza do Hío.

Unha excursión ao Grove no ano 1984 do grupo de 5ºA co mestre Luis Pérez.

Unha excursión ao Grove no ano 1984 do grupo de 5ºA co mestre Luis Pérez. / Cedida

Instituto de Ensino Medio de Rodeira

O acto de inauguración do Instituto de Ensino Medio de Cangas celébrase o luns 26 outubro 1970. Participan entre outras persoas, o delegado provincial de Educación e Ciencia, Miguel Artazos Tamé; o reitor da USC, Dr García Garrido; o gobernador civil, Sr García López, así como autoridades locais e provinciais. Realiza o acto de bautizo o bispo auxiliar de Santiago, José Cerviño Cerviño.

O orzamento do mesmo ascende a algo máis de 7 millóns de ptas. O aforo de matrícula é de 400 alumnas/os, dirixido a estudantes de Cangas, Bueu, Moaña, Domaio,..etc, estando xa cuberto antes do inicio das clases, que se efectivizará o día seguinte, martes 27 outubro 1970.

A primeira dirección do centro terá como responsable ao profesor e director nomeado, Hilario Rodriguez Ferreiro.

Damos por rematado este traballo sobre o Ensino e a Educación en tempos que “se pasaba máis fame ca un mestre de escola” e tempos dea letra con sangue entra”. Nós somos da opinión dunha frase de Concepción Arenal que pronunciou en 1867: “Abride escolas e pecharán os cárceres”.

*Investigador e veciño do Hío

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents