Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Adeus a Henrique Harguindey: mestre, escritor, político e activista cultural

Chegou a Cangas en 1976 e foi edil en varias corporacións e artífice da dinamización social | O Concello expresa «pesar e tristeza» | Ás cinco desta tarde, despedida laica no tanatorio

Harguindey, na súa biblioteca coa partitura da composición «A lúa de Cangas».

Harguindey, na súa biblioteca coa partitura da composición «A lúa de Cangas». / Carmen Giménez

Cangas

«Eu non quero ver tristezas,/ quero o sol á miña beira;/ onde a sombra o pan non crece/ nin dá rosas a roseira». Son versos de despedida a Henrique Harguindey Banet, mestre, escritor, tradutor, activista social e concelleiro de Cultura e Ensino en Cangas en diferentes corporacións democráticas despois da ditadura franquista. Harguindey (Lugo, 4 de xaneiro de 1946) finou o venres pola noite en Cangas, vila á que chegou en 1976 e que dende aquela foi a súa casa. Hai case dous anos, a morte de Maruxa Barrio, a súa compañeira de vida, deulle un duro golpe, e nos últimos meses loitou tamén contra a enfermidade. «Non podemos esquecernos da súa destacada e valiosa contribución e apoio á cultura, pero tamén o camiño que abriu á nova época histórica da democracia», suliña a Corporación canguesa nunha declaración institucional. Esta tarde, o seu fillo –Breixo Harguindey Barrio–, familia e amizades daranlle a despedida laica no tanatorio.

Desde que se coñeceu a noticia, son moitas as persoas e colectivos que queren facer un recoñecemento público a Quique Harguindey, que chegou a Cangas a mediados da década de 1970 como mestre de francés para impartir maxisterio no instituto de Rodeira, onde coincidiu con outras figuras da cultura e a política, como Carlos Casares ou Francisco Rodríguez, e máis tarde no IES María Soliño. Formou parte da primeira Corporación democrática despois da ditadura franquista (1979-1983), retomando o cargo entre 1987 e 1995, así como membro da Comisión Xestora do Concello entre 1990 e 1991, nas filas de Unidade Galega ou Esquerda Galega.

Harguindey, na súa biblioteca coa partitura da composición «A lúa de Cangas». |  Carmen Giménez

Nos xardíns de Félix Soage, co reloxio de Guitián ás costas. / Gonzalo Núñez

Cunha ampla formación á que contribuíu a biblioteca do seu avó, o notario Manuel Banet, era licenciado en Filoloxía Francesa e catedrático, así como un recoñecido tradutor teatral. Colaborou con Teatro de Ningures ou Morcego e as súas traducións do “Tartufo” de Molière ou “Gargantúa e Pantagruel” de François Rabelais, son considerados traballos dun altísimo nivel e merecedores de múltiples recoñecementos. O pasado mes de novembro, Teatro de Ningures estreou no Auditorio de Cangas –que leva o nome de Xosé Manuel Pazos Varela, compañeiro seu nas lides políticas e teatrais– “As gardiás ou o nó do tecelán”, do autor francés Nasser Djemaï e que o propio Harguindey se encargou de traducir ao galego.

Ademais do xénero dramático, o seu labor como tradutor concretouse en máis de 40 volumes verquidos desde o francés ao galego, incluíndo tamén narrativa, poesía ou ensaio. Outra das súas inquedanzas foi a de fornecer de materiais en galego o ensino e recuperar a literatura de tradición oral. Neste eido deixou perto dunha ducia de publicacións, moitos deles asinados coa súa compañeira Maruxa Barrio. Antoloxía do conto popular galego e Contos galegos son dúas mostras deste traballo.

Desde a súa chegada a Cangas implicouse activamente na vida cultural e social do municipio. Ao longo da súa traxectoria promoveu a participación social e alentou a reivindicación dunha Casa da Cultura, o Auditorio, a dinamización das Festas do Cristo ou o festival de jazz, a Escola de Música e o Conservatorio ou a defensa, catalogación e promoción do patrimonio histórico e artístico. A creación da asociación Xiria, da Mostra de Teatro Cómico e Festivo ou das Xornadas de Cómic son outros dos logros nos que tivo moito que ver Henrique Harguindey. Por esa intensa labor cultural e social, Xiria xunto con outros colectivos da vila decidiu facer un recoñecemento público cunha homenaxe celebrada en febreiro de 2022 no Auditorio. «Hoxe perdemos a un dos nosos ilustres; naceu en Lugo pero sentíase cangués independentemente de donde nacera», suliña a Corporación Municipal.

«Deixa un gran legado e unha fonda pegada»

Os testemuños de condolencia e recoñecemento sucédense desde que se coñeceu o falecemento de Henrique Harguindey. «Bo e xeneroso, grande e querido amigo que me regalou lazos de amizade e aire de vida coa súa palabra sabia e garimosa. Sempre na miña lembranza», expresa Xavier Gallego Souto, ao que Harguindey lle prologou e presentou hai pouco máis de un ano o seu primeiro libro de poemas, “Polos camiños da vida. Al aire de mi vuelo. Versos a mi madre”.

Tamén o artista e exdirector da Casa da Cultura de Cangas, Camilo Camaño Xestido, suliñou virtudes de Harguindey: «Quique asomounos unha luz realmente necesaria, imprescindible. Chegou ateigado de ilusionantes mensaxes que máis tarde levou a cabo como primeiro concelleiro de cultura no municipio... O importante legado que nos deixa, así como unha fonda pegada, serán quen de inmortalizalo. Quique Harguindey é dos mortos que nunca morreran». «Que a Terra lle sexa morna, e o derradeiro roteiro encetado cara ao país de ningures e sen retorno, grato e levadeiro. Aperta de buxo e ata o reencontro, prezado amigo».

Tracking Pixel Contents