Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Morre en Cangas Henrique Harguindey: político, autor, tradutor e gran impulsor da cultura

Sempre se implicou activamente na vida cultural e social do municipio, o que o levou a ser concelleiro de Cultura entre os anos 1979 e 1983

Henrique Harguindey coa partitura do poema "A lúa de Cangas" que foi buscada durante décadas.

Henrique Harguindey coa partitura do poema "A lúa de Cangas" que foi buscada durante décadas. / C.G.

O escritor, mestre e tradutor Henrique Harguindey Banet finou esta noite en Cangas aos 78 anos de idade a causa dunha enfermidade. Natural de Lugo, onde naceu o 4 de xaneiro de 1946, chegou a Cangas a mediados da década de 1970 onde primeiro deu clase no instituto de Rodeira, onde coincidiu con Carlos Casares e Francisco Rodríguez, e máis tarde no IES María Soliño.

Harguindey era licenciado e catedrático de Filoloxía Francesa, unha formación que o levou a ser un recoñecido tradutor teatral. Colaborou con Teatro de Ningures ou Morcego e as súas traducións do “Tartufo” de Moliere ou “Gargantúa e Pantagruel” de François Rabelais, traballos dun altísimo nivel. Precisamente o pasado mes de novembro Teatro de Ningures estreou no Auditorio “As gardiás ou o nó do tecelán”, do autor francés Nasser Djemaï e que o propio Harguindey se encargou de traducir ao galego.

Desde a súa chegada a Cangas implicouse activamente na vida cultural e social do municipio, o que o levou a ser concelleiro de Cultura entre os anos 1979 e 1983. Ao longo da súa traxectoria participou nos movementos para acadar unha Casa da Cultura ou o actual Auditorio, na dinamización das Festas do Cristo ou festival de jazz, na Escola de Música e Conservatorio de Cangas ou na defensa, catalogación e promoción do patrimonio histórico e artístico de Cangas.

Precisamente por esa intensa labor cultural e social a Asociación Cultural Xiria xunto con outros colectivos da vila decidiu facer un recoñecemento público ao seu labor, que se traduciu nunha homenaxe celebrada en febreiro de 2022 no Auditorio de Cangas.

Tracking Pixel Contents