A evolución do transporte de ría (IX)
Desde 1998 e durante doce anos, a empresa Mar de Ons realizaría en exclusiva a pasaxe da Ria, operando regularmente desde Cangas e Moaña a Vigo e tamén ás Cíes. A entrada da navieira Illa de Ons na competencia de Cangas, avivaría a xa vella loita polo monopolio desta ruta, mais agora con novas artimañas e recursos legais, a teor coa nova lexislación europea sobre este tema. Contodo, seguiría denotándose ainda unha certa connivencia entre as autoridades da Xunta e as de Mariña coa empresa Mar de Ons.

Pirata de Ons, primer barco de Nabia na pasaxe de Cangas. / Arquivo do autor
Xerardo dasairas*
Acolléndose ao ditame da Unión Europea sobre a libre competencia no transporte, o luns 30 de novembro de 2009, ás 6,45 da mañá, comezaría a operar en Cangas a empresa navieira Illa de Ons cun barco, o Pirata de Ons, con aforo para 100 pasaxeiros na cámara e 50 en sobrecuberta. Os prezos serían os mesmos que os da navieira Mar de Ons, mais ofrecería un novo horario e en breve poría en servizo outro barco con maior capacidade. Ao pouco, a navieira Illa de Ons mudaría o seu nome a Nabia para evitar a concomitancia nos nomes de ambas empresas. A xerente de Nabia María Jesús Acuña calculaba que para que fose rendible o seu proxecto precisaba transportar unha media de 500 pasaxeiros diarios e para isto ofrecería un novo horario e unha “mellor atención”, introducindo un bono de dez viaxes para usuarios que utilizan o servizo de xeito regular, a un prezo de 20,50 euros. A xerente de Nabia tamén deixaría clara a sua intención de non entrar en conflitos de competencia e de enfrentamentos como antano.

Barcos Mar de Ons e Nabia. / Arquivo do autor
A Plataforma de Usuarios de Cangas, presidida por Francisco Ferreira, tamén celebraría a incorporación de Nabia pois viría a completar os horarios, ainda que matiza que o actual regulamento non garante os cambios ou o abandono do servizo, criticando asemade a supresión das axudas da Xunta. Neste sentido, demandarían tamén o inicio dun transporte de ría subvencionado como experiencia piloto do Plan de Transporte Metropolitano que se tramitaba. Contodo no mes de abril do 2011 xa se produciron os primeiros rozamentos entre ambas navieiras por culpa das entradas e saídas dos barcos, o que obrigou á Xunta a establecer un diferencial de quince minutos para evitar incidentes. Ao lle impor a Xunta a Nabia este novo horario con saídas aos cuartos de hora en vez de ás menos cinco e as e vintecinco como era habitual, esta navieira abandonaría o servizo entre Cangas e Vigo a comezos de xuño deste ano. Asemade, a esta mudanza de horario, sumaríase a aparición dunha nova empresa de transporte chamada R. G. (Rías Gallegas) que facía servizos cada hora pero nos cuartos, sendo que Nabia sufriu unha perda de máis de 300 usuarios ao día que fixeron pouco rendible a sua pasaxe, tendo que renunciar á mesma. Hai que dicir que a nova navieira RG, e a pesar de que o xerente de Mar de Ons o negase, era unha empresa satélite desta, creada con intención de eliminación da competencia. Xa que logo, Mar de Ons que anos antes denunciaba as “malas prácticas” de Vapores con ela, acabaría aplicándoas tamén coa nova competencia de Nabia ata conseguir a sua renuncia á pasaxe Vigo - Cangas.

Embarque a Cíes desde Vigo. / Arquivo do autor
Tras disto, a xerente de Nabia viu unha connivencia entre a Dirección Xeral de Mobilidade e Mar de Ons, entendendo que nun rexime de libre competencia, calquera naviera tén dereito a elixir os horarios que máis lle conviñesen mentres non implicasen problemas de seguridade marítima.

Balanc e do transporte. / Arquivo do autor
Ainda que con certas reticencias e paradas no servizo, Nabia seguiría operando na liña de Moaña a Vigo e tempo despois anunciaría a posta en marcha dun servizo directo de Vigo ás praias de Nerga e Barra cun barco traído da Costa Brava con acceso mediante escada retráctil pola proa. Despois dunha intromisión de Portos no asunto e cos permisos medioambientais e de Costas só ficaba o balizamento do canal de acceso do barco a unha zona da praia, neste caso Nerga, como área experimental do proxecto. Mais este toparía coa oposición dos veciños de Nerga, a Confraría de pescadores de Cangas e sobre todo coas esixencias legais que obrigaban a sacar a ruta a concurso co que o asunto se retrasaría ata o ano seguinte. Este proxecto contaría co apoio do Concello de Cangas pois vía no mesmo un xeito de alixeirar o fluxo automobilístico dos viais de Cangas, ampliándoo a outras praias como Liméns. Agora proponse o acceso ás praias mediante pantaláns flotantes xa que o pouco calado das nosas praias facía inviable o sistema de acceso pola proa. A esta proposta do Concello engadiríaselle tamén a de reparar o vello peirao de Rodeira para acceder por mar á praia urbana deste nome. Despois dunha posterior reunión das navieiras e o Concello, o asunto ficaría no ar e nunca máis se tocou este asunto.

Barco con desembarque pola proa. / Arquivo do autor
Como datos suliñables temos que temos que referirnos ao escándalo do exceso da pasaxe a Cíes en agosto de 2017 e o seu impacto negativo para as Illas que viron danada a sua imaxe. O asunto derivaría no anuncio de que a Xunta lle imporía sanción de 930.000 euros ás catro navieiras implicadas, descoñecendo se ao final se executaron.

Transporte a Ons. / Arquivo do autor
No mes de decembro de 2018, a Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Infraestruturas, outorgoulle de novo autorización a Nabia para operar na líña de Cangas a Vigo e a finais de xaneiro de 2019, recibiría o permiso da Capitanía Marítima. Este permiso vai ser recorrido por Mar de Ons en base ao perigo da coincidencia de horarios coa sua filial Rias Bajas (R. G.) que pon en perigo as manobras de desatraque no porto cuxa responsabilidade recae nos patróns. Engadiría, asemade, que hai falta de atraque, pois os pantaláns de Cangas están ocupados polos seus barcos e máis os de Rias Bajas (R. G.), a sua empresa filial. Nesta diatriba, Mar de Ons chegaría a criticar que a autorización a Nabia para operar desde este porto “supone un agravio para los viajeros de Moaña, que tienen menos frecuencias para viajar a Vigo”.

Desembarque no peirao novo de Cíes. / Arquivo do autor
Portos tíñalle asignado a Nabia o atraque na área de pedra do molle da Marquesina, onde xa tiña autorización para as viaxes ás Cíes, pero é unha zona con escaleiras esvaradizas e non reunía as mellores condicións de accesibilidade aos viaxeiros para competir coas outras navieiras. Asemade, Nabia alegaría que se pedira a autorización para operar nesta liña era coa finalidade de darlle traballo ao seu plantel durante todo o ano, conscente de que se movía moita pasaxe nesta ruta. Mais as autoridades de Mariña non acababan de resolver o tema dos atraques e venceron os tres meses que Mobilidade lle dera a Nabia para a posta en marcha do servizo, abandonando o proxecto. A postura de Nabia de non entrar en confrontacións, a febleza da Capitanía Marítima de Vigo na aplicación da Lei da libre competencia e a introdución da navieira RG (Rias Gallegas filial de Mar de Ons), perpetuarían ata hoxe o monopolio desta compañía na ruta de Cangas a Vigo. Despois disto, a navieira Nabia, dos Acuña de Ons, acabaría mudando o nome a Piratas de Nabia, cuxo nome quizáis alude á marxinación oficial sufrida e á necesidade de ter que buscarse a vida por conta propia como facían os filibusteiros de antano.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría