Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mestres e escolas | No 50 aniversario do grupo escolar do Hío

O ensino primario na parroquia de O Hío (III)

No 50 Aniversario do seu Grupo Escolar -Mestres e Escolas (III). Levantamento militar e Franquismo (1936 – 1950).

A inauguración da Escola Nova do Hío en 1957.

A inauguración da Escola Nova do Hío en 1957. / Atopo.gal

Anxo Coya*

Cangas

A represión franquista sobre o maxisterio.

Tras o levantamento militar de xullo 1936, a represión do novo réxime franquista actuou sobre todo tipo de sectores profesionais e sociais. O corpo dos mestres, que foi na maioría dos casos extraordinariamente activo, vai sufrir as consecuencias desta nova época. Existiu unha clara e definida acción de depuración profesional. Ao liquidaren os mestres pretendíase eliminar tamén aqueles ideais que a escola e a educación en xeral estaban a conformar na esperanza republicana.

O trámite de depuración profesional foi o seguinte: De entrada todos os mestres e mestras eran declaradas cesantes e, quen o desexase, debía solicitar o reingreso na escala mediante instancia que debía ir acompañada dunha declaración xurada nun impreso preparado ao efecto no que se preguntaba sobre actuacións e ideas do interesado, así como sobre os compañeiros do mesmo. Con estes dous documentos, en comisión provincial, abría o expediente persoal e procedía a solicitar os informes preceptivos pola lexislación: alcalde, garda civil, párroco e un pai de familia de solvencia contrastada da localidade.

Nenas no Igrexario con dona Felisa en 1953.

Nenas no Igrexario con dona Felisa en 1953. / Cedida

Relación de Mestras e Mestres de Cangas, suspendidos de emprego e soldo por orde do Gobernador Civil os días 30 e 31 de agosto e 9 de setembro de 1936 (BOPP,.s, 1 setembro e 11 setembro 1936):

-María del Consejo Álvarez Mariño, da Escola de Nenas do Hío, despois confirmada no cargo ou nos seus dereitos para a ensinanza.

-Jesús Bernárdez Gómez, da Escola do Pósito de Cangas, sancionado con separación do servizo e baixa na escala. Publicada no boletín do 17/01/1942.

-Pío Cribeiro González, da Escola do Pósito de Aldán, con suspensión temporal de emprego e soldo (4 meses). Publicada no boletín do 05/01/1938.

-Amelia de la Torre González, da Escola nº2 de Cangas, confirmada no cargo ou nos seus dereitos para a ensinanza. Publicada no boletín do 17/12/1938.

-Gumersindo Gasteosoro Ruíz de Azúa, da Escola de Darbo, sancionado coa separación do servizo e baixa na escala. Publicada no boletín do 17/05/1940.

-Angelina González Rodríguez, da Escola de Aldán, suspensión temporal de emprego e soldo (4 meses). Publicada no boletín do 05/06/1940.

-Francisco Mosqueira Manso, da Escola nº3 de Cangas, que foi confirmado no cargo sen dereito ao cobro dos haberes non percibidos durante a suspensión provisoria. Publicada no boletín do 24/11/1937.

-Adela M. Palacios Costero, da Escola do Hío, despois confirmada no cargo ou nos seus dereitos para a ensinanza. Publicada no boletín do 09/07/1937.

-José Piñeiro Camiña, da Escola do Hío, sancionado con separación do servizo e baixa na escala. Publicada no boletín o 11/06/1940.

-Elena Reboiras Lago, da Escola de Darbo, posteriormente confirmada no cargo sen dereito ao cobro dos haberes non percibidos durante a suspensión provisoria. Publicada no boletín o 04/01/1938.

-Aurea Rodríguez Bares, da Escola de Coiro, logo confirmada no cargo ou nos seus dereitos para a ensinanza. Publicada no boletín o 04/01/1938.

-Regina Rodríguez Bares, da Escola nº2 de Aldán, logo confirmada no cargo ou nos seus dereitos para a ensinanza. Publicada no boletín o 04/01/1938.

-Vicente Sáez Ruíz, da Escola de Coiro. Primeiro sancionado con separación do servizo e baixa na escala e finalmente fusilado. Publicada no boletín o 17/05/1940

-Víctor Sánchez Mártil, da Escola do Pósito de Coiro. Primeiro sancionado con separación do servizo e baixa na escala e finalmente fusilado.

Alumnado de Donón, da mestra Concepción Crespo Rivas no curso 1959-60.

Alumnado de Donón, da mestra Concepción Crespo Rivas no curso 1959-60. / Cedida

Piñeiro Camiña, José

Mestre da Escola Pública do Igrexario, O Hío (1933-36).

Datos biográficos: (A Lama, Pontevedra, 1905). Chega ao novo destino profesional do Hío no ano 1933. Casado con Dominica Portela Moreira. Tres fillos: Manuel (1926), Carmen ( 1928), Abelardo (1929). Por xullo 1935 foi vicesecretario de Izquierda Republicana Cangas.

Labor profesional: En 6 xullo 1933, traslado da provincia de Ourense á Escola de O Hío onde permanece ata xullo de 1936 . Ábreselle un expediente por parte da Comisión Depuradora de Maxisterio de Pontevedra.

Escola en Vilariño en 1958 co mestre Manuel Escariz.

Escola en Vilariño en 1958 co mestre Manuel Escariz. / A Cepa

Época Franquista

As escolas franquistas incorporaron unha nova imaxe e actitude. A destacada presenza de crucifixos e retratos de Franco, cantos de “Cara ao Sol”, celebración do 18 xullo na igrexa parroquial, a visita periódica do crego ás clases, leite en po nos recreos, “a letra con sangue entra”.

Escola en Nerga, anos 60.

Escola en Nerga, anos 60. / Cedida

O Franquismo. Adoutrinamento e ideoloxía.

Resaltemos algúns dos principais acordos da Xunta Nacional: 1) A Escola Nacional deixa de ser laica; 2) Anulación das sancións académicas impostas aos escolares que teñan servido no Exército ou Milicias (Exército, Falanxe, Requetés, etc); 3) Restablecemento do ensino da Relixión obrigatoria en todas as escolas; 4) Regularanse os procedementos de suspensión e destitución dos funcionarios públicos; 5) A Orde nº13 (8 setembro 1936) contempla a relación de libros autorizados.

No ámbito escolar levouse a cabo unha visualización da volta aos valores da España Tradicional mediante unha serie de actos de alto simbolismo, como foron as reposicións do crucifixo nas escolas. Tamén se realizaron actos de homenaxe á bandeira. En setembro 1936 teñen lugar os actos de reposición dos crucifixos: misa e bendición dos mesmos polo párroco, sermón a cargo dun sacerdote, procesión ata a escola onde se repón, discurso dunha autoridade civil ou militar, discurso do mestre/a, cerimonia de bico do crucifixo. Contaban coa asistencia das primeiras autoridades e o histrionismo de gardas cívicos, falanxistas, requetés. Cantábase o “Cristo vence” e reparto de bombóns aos nenos.

-Informe escolar do 11 de xuño de 1938 da parroquia do Hío: 3 escolas, con 95 nenas e 108 nenos. Dúas escolas de nenas: unha unitaria e unha mixta en Nerga. Unha escola unitaria de nenos.

-Informe de febreiro de 1939, sobre o curso 1938/39: A escola de nenas nº 1 tiña 36 matrículas e unha media de asistencia diaria de 30 alumnas. A mestra era María del Consejo Álvarez.

A escola mixta nº1 tiña 70 matrículas e unha asistencia diaria de 45 rapaces. A mestra era Josefa Pérez Moledo.

A escola mixta nº 2 tiña 97 matrículas.

-Informe de xuño de 1939. Xunta local. Profesorado das escola nacionais. Profesorado da parroquia do Hío: María del Consejo Álvarez; Juan Carbón Barros; Josefa Pérez Moledo

Alumnos de Liméns na Barreira en 1968.

Alumnos de Liméns na Barreira en 1968. / Cedida

A Lei de Educación de 1945

A Lei de Educación de 1945 marcará uns claros obxectivos en función desta nova sociedade que se quere implantar. Esta Lei de Primeira Ensinanza, creada polo ministro de Educación Nacional, José Ibáñez Martín, responsable do ministerio dende agosto de 1939, foi aprobada polas Cortes Españolas o 14 xullo 1945.

Censo de profesorado do Hío en 1945:

-Rosa Trigo Ronquete, escola mixta do Hío no lugar de Donón.

-Germán Gómez Otero, escola de nenos do Hío no lugar de Igrexario.

-Dolores González Laredo, escola de nenas do Hío no lugar de Igrexario.

-Josefa Pérez Moledo, da escola mixta do Hío no lugar de Nerga.

-Ángela Rivas Pato, da escola mixta do Hío no lugar de Vilanova.

-Concepción Vallo Salgado, da escola mixta do Hío no lugar de Vilariño.

Censo de escolas e profesorado entre marzo de 1949 e outubro de 1950:

-Rosa Trigo Ronquete, escola mixta do Hío no lugar de Donón.

-Herminio Santamaría Maupetit, escola de nenos do Hío no lugar de Igrexario.

-Felisa Rodríguez Lage, da escola de nenas do Hío no lugar de Igrexario.

-Josefa Pérez Moledo, da escola mixta do Hío no lugar de Nerga.

-Ángela Rivas Pato, da escola mixta do Hío no lugar de Vilanova.

-Concepción Vallo Salgado, da escola mixta do Hío no lugar de Vilariño.

Material Escolar da Escola Nacional de Vilariño, 3 marzo 1949

Cincuenta “Rayas 1”, vinte e cinco “Rayas 2”, doce “Rayas 3”, doce “Lecciones de cosas” de Seix Barral, doce Idem 2º grado, doce “Santos Españoles”, doce “El hombre de Ascarza”, doce “Primer Manuscrito”, doce “Segundo Manuscrito”, doce “Fábulas de Samaniego”, doce “Primeiras lecturas de Dalma Carlel”, dúas “Explicaciones de los Evangelios”, doce “Enciclopedias 1º Grado”, cincuenta pizarras, cincuenta “Catecismos”, cen mans, vinte e cinco regras, un compás de madeira, vinte e cinco cartabóns pequenos, un semicírculo graduado, cen cadernos raiados, catro caixas de lapis de cores e negros, trescentas cuartillas en branco, dúas caixas de plumas, catro caixas de xiz, catro caixas de pizarríns, tinteiros, tinta, útiles de aseo e limpeza.

*Veciño do Hío e investigador

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

  • Anxo Coya
  • CEIP O Hío
  • CEIP de O Hío
  • Parroquia de O Hío
Tracking Pixel Contents