A evolución do transporte de ría (VII)
Neste periodo continuaría a competencia entre empresas, sobre todo na liña de Cangas que era a máis rendible, ainda que as viaxes a Cíes tamén comezaban a ter grande peso neste negocio. En liza pola pasaxe aguantaba unha empresa en Moaña, mais a maior competencia a Vapores viría dunha nova empresa que pón en servizo unhas lanchas máis rápidas, pero esta iniciativa tería pouco percorrido. Coa chegada da democracia xurdirían as asociacións de usuarios, reclamando uns mellores servizos.

O Competidor da Comecial Marítima de Freire S.L. / Arquivo do autor
Xerardo Dasairas*
En maio de 1972 “Cruceros” xa presenta uns barcos máis pequenos e rápidos, que os usuarios pronto denominaron como lanchas. A maior frecuencia destas embarcacións e o menor prezo da pasaxe habían servir de revulsivo para que Vapores lle engadise á sua flota, ata agora só anovada co Ría de Vigo, outros barcos como o Illas Ficas, o Liméns (que era o antigo Mª Luisa) ou o alugado Catamarán (1969). Entón, esta navieira ao igual que a sua filial “La Comercial Marítima Viguesa” da ruta de Moaña, procederían a baixar os prezos dos billetes pois en 1967 sufriran unha importante suba do 25% que molestou aos usuarios, a maioría traballadores. O Illas Ficas, como xa dixemos, era un barco que fora mandado facer nuns asteleiros de Xixón pola “La Comercial Marítima Viguesa” no ano 1952 e “Vapores” vai rescatar agora o proxecto con escasas modificacións. Cabe anotar tamén que desde finais dos cincuenta xa se abandonara o peirao vigués da Pedra, para atracar agora a pasaxe na dársena da Laxe onde o 20 de xaneiro de 1970 se tiña inaugurado a nova Estación Marítima (12 millóns de pesetas) con once atraques para atender a un millón de pasaxeiros por ano, segundo os cálculos das autoridades marítimas.

Billete Cruceros / Arquivo do autor
Durante este primeiro quinquenio dos setenta e nunha desatada guerra de prezos, a “Comercial Marítima” de Moaña xa pensaba en reforzar os tres barcos en servizo con outro novo, entanto Vapores resistía con barcos anticuados coa compensación das viaxes a Cíes e as xiras pola ria. En outubro de 1971, Vapores de Pasaje anuncia que pronto porá en servizo dous potentes barcos, construidos en asteleiros de Alicante que farán o traxecto Cangas-Vigo en quince minutos. Para atender as duas rutas de Cangas e Moaña, “Cruceros Ria de Vigo” empezaría a operar o primeiro de maio do 1972 con duas novas lanchas, máis grandes, denominadas Vexo Vigo, Vexo Cangas e Tamén vexo Redondela construídas no asteleiro moañés de José Piñeiro. Pronto se incorporaría unha terceira co nome de Vexo a Ponte de Sampaio e máis tarde a Camiño da Miña Terra, co obxectivo de eliminar o monopolio de “Vapores”. Nesta texitura é cando esta empresa vai por en servizo o Illas Ficas de casco de ferro e capaz para 500 pasaxeiros, ademáis do Montalegre, adaptado para a pasaxe, o “rápido” Vila de Cangas e o Balea na liña a Moaña.
Na primavera de 1973, todas as empresas de pasaxe subiran os billetes un 30% pero debido á posterior gran subida do gasóleo, din que o servizo non é rendible. Neste contexto, a “Comercial Marítima Viguesa”, cun único barco de Vigo a Moaña, vai deixar o servizo, continuando na pasaxe de ría Manuel Montenegro Otero coas rutas de Domaio a San Adrián e a Chapela e Emilio González Santomé coa de Vigo a Meira. Na pasaxe de Vigo a Cangas e Moaña a competencia era feroz entre “Cruceros de la Ría de Vigo” e “Vapores de Pasaje”, empresa esta que vai entrar en déficit en decembro deste ano, retirando da circulación os barcos, agás o “Illas Ficas”. En maio do 1974, incluso vai parar este barco, pois desde decembro do pasado ano esta empresa adebédalle os salarios aos 41 traballadores. Unha nova suba dos billetes, acorde á alza dos combustibles, aparece como única solución ao mantemento deste transporte de ría. Entanto, “Cruceros Ría de Vigo” aproveita estas circunstancias e en marzo xa puxera unha nova “lancha” en servizo, a quinta, e constrúe outra máis. A mediados dos anos setenta, esta compañía, comezaría tamén cunha frecuencia discrecional, as viaxes a Ons, empregando unha pequena motora dedicada antes á pesca.

Recepción do Illas Ficas en Vigo. 1968. / Arquivo do autor
Contodo, a alternancia dos horarios entre as compañías e o incremento de usuarios no verán provocaría as protestas da Asociación de Cabezas de Familia de Cangas, dirixida por Manuel Bon, que denuncia o amoreamento de pasaxeiros nas “lanchas”, sobre todo nas horas punta e pide a volta á duplicidade das saídas que se eliminara pola competencia nos prezos dos billetes. Esta situación xa provocara que coa volta do “Illas Ficas” ao traxecto, fosen moitas as persoas que preferisen este barco, único co que operaba agora Vapores de Pasaje. A mediados de outubro, esta empresa volvería a anunciar a adquisición dun rápido “hidrofoil” con capacidade para cen persoas pero o único que fixo foi reparar o Bahía de Vigo que sería posto en servizo en maio de 1975. As empresas que facían a pasaxe nestas datas eran “Vapores de Pasaje” e “Cruceros Ria de Vigo” na liña Cangas - Vigo e Moaña - Vigo que compartía coa “Comercial Marítima” que operaba co Buenos días. O billete Cangas-Vigo custaba 20 pts., o de ida e volta 30 pts. e 15 pts. o chamado económico antes das oito da mañá e o tránsito anual era duns tres millóns de pasaxeiros en 1976. Desde o luns día 6 de decembro deste ano, Vapores de Pasaje vai solicitar por tres meses un expedente de crise, paralizando o Illas Ficas, único barco con servizo a Cangas. A negativa á solicitude da suba dos billetes nun 93% estaba, segundo a empresa, detrás deste paro que prexudicaba notablemente a Cangas xa que un 70% dos 3.300.000 usuarios do transporte de ría eran desta poboación.

lanchas e barcos. / Arquivo do autor
En xaneiro de 1977, os usuarios de Cangas volverían a iniciar unha campaña reclamando máis seguridade no transporte de ria, ainda que por frecuencias e barcos terían que seguir usando as lanchas de “Cruceros”. Mais, o 30 de xaneiro de 1978, un bou afundiría na Laxe a lancha Tamén vexo Redondela que facía a ruta de Moaña, morrendo un meniño de nove meses e durante case un ano esta empresa retiraría o servizo a Moaña quedando só os barcos de “La Comercial Marítima”. Durante todo o verán, o servizo de “Vapores de Pasaje” a Cangas funcionaría cun antigo barco pois o Illas Ficas destinárono ás viaxes a Cies e a xente era moi reticente a usar as lanchas de “Cruceros”. Coas obras da ponte de Rande como cortina de fondo, as compañías do transporte de ría anunciarían nova suba de prezos de 25 a 31 pts. e moitos dos usuarios negábanse a pagar a suba. Ante esta mobilización dos usuarios, que criticaban a falta de seguridade dos barcos, as navieiras prometían reforzar as suas flotas.

Conflito 1982 / Arquivo do autor
En 1979, Cruceros vai por en servizo o Crucero de Hio, un barco de 24 m. de eslora con capacidade para 250 pasaxeiros ao que un ano despois se sumaría o seu xemelgo Crucero de Síngulis, ambos construidos en Ríos por sesenta millóns de pesetas. A finais de maio deste ano 1979, os traballadores de Cruceros iniciarían unha serie de paros durante a negociación do convenio colectivo que non só lle afectarían á empresa, que investía nos novos barcos, senón aos tres mil usuarios diarios que ainda viaxaban nestas lanchas cara Vigo. A empresa mesmo lle ofrecería ao concello cangués a municipalización do servizo, alegando dificultades para atender as esixencias dos traballadores. En setembro deste ano vai ser Vapores, na sua política de “dumping” quen de xeito inusitado vai baixar o prezo do billete de 40 a 5 pts. para forzar que as distintas empresas tivesen horarios distintos e liberdade para aplicar descontos nos billetes de ida e volta e abonos. Contodo, esta estratexia comercial de asumir perdas, apenas podería aguantala ata mediados do mes seguinte. No 1980, a “Comercial Marítima”, que perdera nun incendio o Villa de Moaña vai ser absorvida por “Marítima de Transportes Freire S. L.”, rexentada por José Freire Sequeiros, xenro de Riobóo, que contaba con algúns barcos deste, entre eles o Competidor e tiña previsto incorporar un novo e moderno barco para competir con “Cruceros”.

Estación Marítima inaugurada en xaneiro de 1970 / Arquivo do autor
A loita polo monopolio
A apertura da ponte de Rande o 7 de febreiro de 1981 suporía un duro golpe para estas empresas ao diminuir drásticamente a pasaxe, desaparecendo as rutas do fondo da ria e iniciándose entre as superviventes unha política de prezos para captar usuarios, tan agresiva que, por veces, “Vapores” chegaría a rebaixar o billete de 40 a 5 pesetas. Neste contexto competencial vaise producir pola mesta néboa, o embarrancamento dun barco de Vapores na punta de Rodeira sen desgrazas persoais.
Un conflito e un convenio
No verán do 1982 ía desatarse un grave conflito entre os usuarios e as duas empresas, “Vapores” e “Cruceros”, que cubrían a liña de Cangas a Vigo. Na guerra competencial e coas tensións latentes entre estas duas empresas, autoridades marítimas por medio, o martes 27 de xullo o Illas Ficas non estaba en Cangas para cubrir o servizo das seis da mañá, deixando en terra aos numerosos traballadores que cada día acudían cara a Vigo. “Vapores de Pasaje” tiña operativos neste momento, este barco e máis o Borneira e Morrazo ambos de gran aforo de pasaxe. Sabendo que o Illas Ficas, con capacidade para máis de 250 pasaxeiros era fundamental nesta hora da mañá, Vapores decide anunciar que o sacaba da líña de Cangas para dedicalo ás viaxes ás Cíes. Ante isto, os usuarios propuxéronse impedir o transporte de ria, obstaculizando xa o atraque en Cangas do barco de Cruceros que debía iniciar o servizo ás 7.30 horas. Desde ese momento, cun repenique de campás, mobilizaríase todo o pobo e, en autobuses, coches particulares e barcos pesqueiros, desprazaríanse a Vigo centos de personas. Aquí, inmobilizarían os barcos de pasaxe, impedindo tamén que desde as once da mañá non saísen tampouco os barcos de Cíes.

Navieiras absorvidas por Vapores desde 1966 a 1971. / Arquivo do autor
Xa cara a noitiña convocaríase unha manifestación de protesta á que acudiron unhas tres mil persoas e que derivaría nun enfrentamento coa Garda Civil que lanzou botes de fume e pelotas de goma. Os manifestantes formaron barricadas e volcaron automóbiles, resultando feridos varios mozos e dous axentes. No día seguinte, representantes dos usuarios, xunto co alcalde accidental de Cangas Antonio González Molanes “Tucho” e o gobernador civil Joaquín Borrell, celebrarían unha xuntanza cos responsables das duas empresas, acordando “Cruceros” e “Vapores” reanudaren a pasaxe o xoves dia 29 ás seis da mañá, ainda que sen se resolver os problemas de fondo. Proba disto, sería que nese mesmo día, ás oito da mañá, a empresa Vapores de Pasaje abandonaría o servizo despois de facer gratis as viaxes anteriores. A retirada desta empresa, segundo o seu xerente, debeuse ao incumprimento do acordado que era o alterne de horas entre as duas empresas e non conxuntamente, alegando que os usuarios trataran de “sorprender su buena fe”. A realidade era que nas viaxes conxuntas, eran poucos os usuarios que optaban por Vapores, a quen boicoteaban polo acontecido, mentres que coas viaxes alternas os viaxeiros de Cangas non tiñan máis remedio que embarcar nesta liña. Xa que logo, o transporte de pasaxeiros entre Vigo e Cangas quedaría momentaneamente a cargo de Cruceros Ría de Vigo, entanto que “Vapores” só operaría na liña ás illas Cíes. En vista disto, unha comisión de usuarios, organizada en asociación baixo o nome de “Maruxía”, negociaría co xerente de “Cruceros” unhas novas normas, partindo das recentemente autorizadas a esta empresa, afectándolle ao billete reducido para os servizos de ida e volta anteriores ás oito da mañá, mantendo en 75 pesetas o resto das viaxes.
Pasado un tempo, Vapores de Pasaxe volvería á competencia na liña, outravolta coa estratexia do dumping, rebaixando os billetes a 40 pts. e incluso a 5 pts. para tentar atraer unha clientela que lle tiña declarado o boicot. Entanto, o xerente desta empresa Rodrigo Freire movía ficha nos despachos da Mariña conseguindo que o BOE de xuño de 1984 publicara un novo regulamento que lle daba desde esta data e por dez anos, a exclusividade da explotación de todas as rutas da ria. Ao tempo, baixo este paraugas legal, prohibiría o atraque doutros barcos no peirao de Cies que tiña en concesión desde 1958, obrigando a “Cruceros” a colocar un pantalán provisorio na praia de Rodas que as autoridades acabarían prohibindo pola protesta dos bañistas e por ser pouco seguro. Xa que logo, esta empresa conformaría unhas sociedades mixtas con Vapores, denominadas “Transbordadores de Vigo” e “Navitur” para explotar a ruta das Cies e outras nas Rias Altas. A pesar do fracaso dalgunhas destas iniciativas, esta alianza conseguiría desprazar primeiro e definitivamente, á empresa de Moaña “Marítima de Transportes Freire S. L.” que tivo que desfacerse do barco Gladiador (1955), resistindo ata 1986 co Buenos Días e co Competidor. O fracaso da aventura consorciada con Vapores e a posta en vigor da normativa que lle daba a esta empresa a exclusiva do transporte, tamén acabaría desprazando a “Cruceros” da ria. Esta empresa, asemade, entraría nun proceso de descapitalización ao encargar en 1982 a construción do Crucero de Hío e o Crucero de Síngulis en Varaderos Montenegro e en 1985 na construción de tres novos barcos en Ascón, rematándose só un deles, o Citania, ao entrar o asteleiro nun proceso de folgas e posterior peche definitivo.
Suscríbete para seguir leyendo
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría