A evolución do transporte de ría (VI)
O servizo durante o segundo periodo franquista

O vapor «Morrazo» chegando ao porto de Cangas. / A.A.
Xerardo Dasairas*
A finais de 1942, o Concello de Vigo vai instalar unha caseta do fielato no molle comercial para cobrarlle arbitrios aos produtos procedentes de Cangas, tanto os que levaban os veciños nos vapores de pasaxe así como os habituais transportados nos motoveleiros de carga, que non eran máis que paquetes. Este afán recadador do Concello vigués, nin que dicir ten, que causou grande anoxo entre os que levaban a vender produtos de horta basicamente, encarecendo o envío de calquera pequeno envío desde Cangas. En xaneiro de 1948 sae a luz a posibilidade do establecemento dunha liña de “ferry-boats” entre Vigo e os portos da ría e incluso Bueu e Marín.
O proxecto presentado en 1944, redúcese agora a Vigo e Cangas con barcos que poden levar ata vinte unidades de autos ou carros e tamén vagóns cargados, ademais de pasaxeiros. Asegúrase que estes modernos navíos levarían uns flotadores que permitirían sempre o desembarque a rasante do peirao. Pero disto e doutros ilusorios proxectos de modernización franquista, nunca houbo nada. En outubro de 1949 Vapores sobe os billetes a 3,60 pts. os de 1ª clase e 2,95 os de segunda mantendo os prezos dos abonos mensuais para estudantes e “produtores”, sempre que estes acrediten gañar menos de vinte pesetas ao mes.

Anuncio dun proxecto de "ferryboat" a Cangas, que nunca chegou a materializarse. / A.A.
Despois dun longo período no que a empresa Vapores de Pasaje, xerenciada, como dixemos, por Juan J. Legarda Ferro, viña facendo a travesía Vigo-Cangas sen competencia, aparecería de novo en agosto de 1951 a Marítima Viguesa do empresario conserveiro arousán Ramón Baltar Cardona e de Agustín Sarasquete, que en 1935 xa establecera un servizo Cangas - Vigo co vapor «Ría de Arosa», daquela sen moito éxito. Agora serían o «Villa de Rianjo», coñecido como “A Guapa” e o «Villa de Bueu», os primeiros barcos que pón en servizo, eliminando os chamados billetes de ruta (vendidos no barco con recargo a 6 pts.) e rebaixando de tres a dúas pts. os de segunda clase. Estes barcos saían de Vigo do peirao do Club Náutico e en Cangas atracaban usualmente no do Comercio ou da Marquesina, que durante uns anos foi coñecido como “muelle da Guapa”, e os de Vapores seguían atracando no de pesca. O tráfico de ría nestas datas movía uns 900.000 pasaxeiros e na competencia que se inicia neste ano destaca a gran frecuencia de viaxes que ofrece Vapores con motivo das festas do Cristo, pondo o billete a 1,75 pts. e o de ida e volta a 3,50 pts., habendo barco a Vigo nestas datas festivas ata as dúas e cuarto da madrugada.

Algúns dos barcos de pasaxe do transporte de ría. / A.A.
Desde o sábado 21 de xuño de 1952, a Marítima vaise apuntar un tanto máis na simpatía da que xa gozaba entre os cangueses, ao apoiar a compra de uniformes para a banda “Bellas Artes” dedicando a este fin a recadación de todas as viaxes desde as tres da tarde que foron amenizadas por seccións desta banda, rematando esta iniciativa cun concerto da banda en Cangas para o que a empresa dispuxo un barco a Vigo ás 11 da noite para os asistentes de Vigo e cuxa recadación foi destinada ao mesmo fin.
A Marítima Viguesa había aguantar con esta ruta de pasaxe ata 1962 e na década de servizos desta empresa, tamén servirían nela os vapores «Cardona 2», «Dulce María», «José Guillermo» e o xa coñecido e chamativo «Ría de Arousa» proviñentes algúns deles desta ría, onde Vapores tamén lles facía competencia, e a onde retornarían logo. Os barcos de Vapores en servizo en 1952 eran o «Ciudad de Vigo», «Baía de Vigo», «Alegría», «María Luisa», «Morrazo», «Cantabria» e «Nuevo Iberia». As rutas de Domaio, San Adrián, Chapela e Redondela irían decaendo nestes anos, operando apenas, entre Domaio e Redondela, o señor Pazó. En agosto de 1953 Vapores xa tiña remozado os vapores «Vigo», «María Luisa» e «Nueva Iberia», incorporando agora o «Borneira» que o presenta como paradigma da modernidade e seguridade, anunciando tamén instalacións veranegas na praia de Rodeira mediante a construción dun peirao onde poder atracar.

Unha táboa de horarios vixente en abril de 1949. / A.A.
Desde mediados dos anos 50, o armador boucense Constante Freire Veiga, dedicado á pesca, tiña adquerido a Empresa Vapores de Pasaje nun momento no que os traxectos entre Vigo, Cangas e Moaña comezaban a ser moi demandados por numerosos morracenses que acudían a traballar aos asteleiros, a Citroën e empresas auxiliares e a outras moitas fábricas da contorna viguesa. Por isto, a demanda viña agora da frecuencia dunha hora que tiñan os barcos, navegando á par dous en competencia, a veces agresiva, e pídese que ben podían cruzarse na ría saindo cada media hora pois non coller o vapor supón unha hora de perda de traballo. En 1958 Vapores de Pasaje xa usaba o peirao de Rodeira e desde o 22 de xuño realizaría servizos diarios a esta praia desde Vigo.

O precedente do "Illas Ficas", encargado en 1952 nun asteleiro de Xixón. / A.A.
Pola cuestión dos horarios, a furibunda competencia e a obsolescencia dos barcos, o transporte de ría comeza a ser de interese e preocupación dos usuarios maioritarios do Morrazo e tamén dos de Vigo que en xaneiro de 1963 van demandar unha mellora do mesmo: «A nosa cidade necesita moitas e urxentes renovacións e entre elas, temos de sinalar unha que cremos de suma urxencia. Tratase dos sistemas actuais de transporte dentro da bahía, é dicir, o servizo de tráfico marítimo entre Vigo e a península do Morrazo. É necesario que estes servizos se poñan á altura das exixencias dos tempos actuais. Fan falta novas unidades, de maior capacidade e de máis potencia, de mellores condicións de navegación para que o servizo no estea supeditado a suspensións por un remuíño de vento ou unha oleaxe máis ou menos alborotada. O tránsito da ría non debe sofrer nunca unha suspensión, salvo en casos extremos».

O vapor "Ría de Vigo" de Comercial Marítima. / A.A.
Esta preocupación viña dada pola antigüidade dos barcos en servizo, tanto das compañías de Moaña como de Vapores, empresa esta que contaba con bastantes barcos, entre eles o «Alegría», o «Vigo», o «María Luisa» (desde os anos vinte), o «Montalegre», o «Nuevo Iberia» (1920), o «Esturión», o «Ciudad de Vigo» (botado en 1944) e os máis grandes, denominados «Morrazo» e «Borneira». Aínda que cunha flota numerosa, a maioría dos barcos, algúns de fermosa fasquía, adoecían xa de moita antigüidade nos seus cascos e navegabilidade, acorde con estes tempos. Para tentar paliar este problema ponse en servizo desde Moaña un barco de innovador deseño, denominado «Cantabria», que por contar con aseos, calefacción e ar acondicionado foi cualificado por algúns como iate de luxo. O 30 de abril de 1951 inauguraríase unha nova liña entre Vigo e O Con - Moaña cunha pequena motonave denominada “Almirante Cervera” que faría dez viaxes ao día, ida e volta. En outubro de 1954 Vapores de Pasaje deixaría de facer as liñas marítimas a San Adrián e Domaio por falta de rendibilidade.

Exemplo de dous billetes de barco do transporte de ría. / A.A.
Ao rematar a tempada de verán do 1961, Vapores movía entre Vigo e Cangas uns 170.000 pasaxeiros e con Moaña uns 60.000. Entanto que a Comercial Marítima transportou uns 83.000 entre Vigo e Cangas incrementándose a pasaxe a Cíes, só permitida domingos e festivos. Neste contexto vai aparecer a proposta de Jesús Pérez, “Suso de Leta”, que en 1962 poría en servizo dúas lanchas-taxi, nomeadas «María Jesús» e «Ángel de Ría» (asteleiro de M. Cancelas), que operaban entre Vigo, Cangas e Moaña. O accidente do «María Luisa» (Vapores de Pasaje) ao petar nos cons Sertáns frente a Rodeira o 23 de xullo de 1963 marcaría un punto de inflexión sobre a necesidade de mellorar a oferta no transporte de ría.

Nova sobre o accidente do vapor "María Luisa", en Rodeira, en xullo de 1963. / A.A.
Naquel día, ás oito e media da tarde, o vello vapor perdería o temón cando desatracaba ciando e despois de petar nos cons, que abriron unha vía de auga nun costado. Conseguiría ser embarrancado perto da praia polo patrón Manuel Chapela. O barco transportaba numerosa pasaxe de volta a Vigo e aínda que non houbo vítimas, foron moitos os que se botaron a auga para alcanzar a praia. Outros foron auxiliados por pequenas embarcacións que faenaban perto del, conseguindo ser trasbordada toda a pasaxe ao abarloaren, primeiro a babor o «Iberia» e despois a estribor o «Ciudad de Vigo», tamén vapores da mesma compañía. Nestas datas tamén andaba a facer a ruta Domaio-Chapela-Vigo o vapor «Mar Caribe» propiedade de P. Rios.

A historia do lonxevo patrón dos barcos de pasaxe José Hermida Rodal. / A.A.
Cara ao 1966 Vapores de Pasaje iniciaría a absorción de “La Comercial Marítima Viguesa” na súa eterna loita polo monopolio da pasaxe na ría. Contodo, a súa flota estaba moi vella e durante uns días de temporal a mediados de febreiro van xurdir voces de protesta, non só polas malas condicións de abrigo e atraque senón porque o servizo se realiza con vellos armatostes de madeira, incómodos e que sofren continuos episodios que poñen en perigo aos pasaxeiros ao non contar con medios de salvamento e con tripulacións pouco formadas.

Unha das lanchas-taxi da empresa Cruceros de la Ría de Vigo. / A.A.
En xullo deste ano e para rachar esta situación material e de exclusividade do transporte, o empresario Jesús Pérez “Suso de Leta”, asociado cun médico pontevedrés e co párroco de Coiro Benito de la Iglesia, artellarían a navieira “Cruceros de la Ría de Vigo” sobre a base daquelas lanchas-taxi que contaban co permiso de Gobernación.
Coma sempre, Vapores reaccionaría anunciando que para decembro de 1971 vai pór na ruta Cangas-Vigo dous novos barcos de 160 HP, construídos en Alicante que farían o traxecto en 15 minutos, transportando 40 viaxeiros cada un con grande seguridade e comodidade. Mais, a experiencia, co escaso aforo dos barcos e un maior gasto de combustible non foi rendible.
*Investigador
Suscríbete para seguir leyendo
- El conductor de un vehículo persigue al de un autobús hasta la estación de Cangas y le rompe una puerta y el limpiaparabrisas
- La isla de Ons pierde parte de su luz: adiós a Áurea Reiriz Otero, farera, percebeira, cantadora y pandeireteira
- Nudistas en la playa de Barra increpan con aplausos a quienes utilizan el bañador
- «Valoria B» y «Tumberry C», duelo de titanes en la ría de Aldán
- Aparece abandonado un coche en A Fraga, en Moaña, con los airbags disparados y con vertido de aceite
- El gobierno cangués programa un cambio estructural en la cúpula de la Policía Local
- Adega denuncia la tala en la isla de Ons de plantas protegidas y en peligro de extinción durante los trabajos de la Xunta
- La Mancomunidad de O Morrazo refuerza la inspección de los composteros domésticos con 157 visitas a hogares