Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Mestres e escolas | O período anterior ao século XX

O ensino primario na parroquia de O Hío (I)

O investigador Anxo Coya achega unha serie de artigos co gallo dos 50 anos da creación do grupo escolar da parroquia

Unha vista do colexio público da parroquia do Hío.

Unha vista do colexio público da parroquia do Hío. / Gonzalo Núñez

Anxo Coya*

Cangas

O Arquivo da Universidade de Santiago garda información de numerosos expedientes sobre as escolas das parroquias no s. XIX. Son expedientes de inspección no eido do ensino. Tamén existen varios traballos sobre este tema en Cangas. Vaian como exemplos os libros “Escolas de Cangas”, “Bernardino Graña Refojos”, editados pola A Cepa, ou as publicacións “Doña Asunción, a mestra de Coiro do século XX” e “Mestres de Coiro” editados polas asociacións Cacarexo e A Cepa. Asemade destacar os traballos e reportaxes de Xerardo Dasairas Valsa, José Moreira Pumar, Xoán Chillón Iglesias, entre outras persoas.

Trataremos de achegarmos á historia do ensino primario na nosa parroquia de O Hío en cinco episodios: Período anterior ao s. XX, Monarquía e República (1902-36), Levantamento Militar e Franquismo (1936-1950), Etapa de 1950-1970 e a Lei Xeral de 1970 e a Agrupación Escolar.

O ensino primario na parroquia de O Hío ata o s. XX

Durante o século XVIII o sector público no ensino era inexistente. En Galiza a rede de centros era de carácter privado, fundamentalmente nas Escolas de Ferrado e nas de Fundación.

Destaquemos algúns parágrafos do artigo en relación coa “Instrución Primaria” de Antonio Gil de Zárate, na publicación Escuela Moderna de 1 de xullo de 1901, sobre este asunto na primeira parte do s. XIX: “La instrucción es una deuda del Estado con el pueblo; pero esta deuda es muy diferente si la descendemos a los individuos. Organizar escuelas y abrirlas a las clases menesterosas son las dos obligaciones del Estado o del Gobierno que los representa”. “La instrucción es el alimento del alma, así como el pan es el alimento del cuerpo". “La instrucción primaria es la más necesaria y esta necesidad general debe ser la de que el Gobierno cuide con mas especial esmero”.

Un extracto do Catastro do Marqués de Ensenada.

Un extracto do Catastro do Marqués de Ensenada. / A.H.N.

No contexto histórico dende mediados do s. XIX (Lei Moyano de 1857) ata as agrupacións escolares da década dos 70 do pasado século (Lei Xeral de Educación, 1970) temos consultado información das cinco parroquias que constitúen este concello de Cangas pero centrarémonos máis na do Hío.

Falar do tema do ensino, da concienciación do papel da educación e da escolarización dos cativos en tempos pasados nunha parroquia afastada, con camiños de carros e corredoiras tenebrosas, e con malos accesos que comunicaban entre si ás aldeas do Hío, non é algo sinxelo, mais vamos a intentar facelo coa debida cautela, baseándonos na nomeada documentación e contando co apoio e colaboración de Xoán Chillón.

A mediados do século XIX, a Lei Moyano de 1857 organiza e unifica a educación e impón obrigatoria a Escola Elemental a nenos e nenas de seis a nove anos para ensinar a ler, escribir e contar. Por cada 500 habitantes propoñíase que existisen dúas escolas sostidas polos concellos. Ao fronte da escola podería haber, un “mestre con titulación” que imparte lectura, escritura, gramática castelá, principios de aritmética, nocións de agricultura, industria e comercio, doutrina cristiá para os nenos e labores “propios do seu sexo” para as nenas; ou un “mestre examinado”, membro do clero ou mañoso sen titulación que debía saber poñer contas e manexarse en cuestións escritas, ter certificados de bos costumes e de doutrina cristiá e historia sagrada.

A sinatura de Víctor Ortega.

A sinatura de Víctor Ortega. / A.A.

Os locais das Escolas son malos ou pésimos. O mobiliario e o material de ensino é inexistente, reducido a un encerado pintado na parede e a unhas mesas cos tinteiros no medio. Os mestres gañaban moi pouco e os nenos van á escola ata cumpriren os dez anos. Despois botaban man deles para axudar no sustento familiar onde eran tan produtivos como os adultos. Aprender as catro regras, as letras, ler, escribir e poñer o nome para asinar, era o que se aprendía naquelas escolas primarias.

Para citar a primeira documentación escolar en O Hío debemos consultar o Catastro de Ensenada de 1752. Alí atoparemos que o veciño Domingo Antonio Carballo exercía como mestre de escola, oficio que conxuntaba co labor de labrego.

O 29 de xuño de 1830 casaron na igrexa parroquial do Hío, Victor Ortega Molina e María Dolores Otero Pastoriza, sendo o desposado “maestro de escuela de primeras letras”, natural por aquel entón do Reino de León.

Unha nota publicada o 15 de febreiro de 1860 en La Constancia.

Unha nota publicada o 15 de febreiro de 1860 en La Constancia. / La Constancia

O xornal La Constancia do 15/02/1860, infórmanos de que se lle adxudicou naquel ano a praza de mestre da Escola Incompleta do Hío á persoa de Francisco García Piñeiro.

No ano 1867 María Pastoriza Carballo, veciña do Hío e filla de don Vicente e de Ana, era mestra de instrución primaria (período 1850-década 1870). Nese mesmo ano, na parroquia de O Hío, era profesor don Manuel Melquiades Refojos. No informe do inspector sobre a situación, o estado e as dependencias do edificio escolar, lemos: “La situación del edificio es buena pero su estado es malo por encontrarse sin pagado? y sin llanas. 1º Carece de dependencias pues se halla reducida á la sala de clase. 2º -Estado y colocación de los muebles y enseres: El estado de los muebles y enseres es regular, y su colocación la siguiente: En un lado sin su ordal rectángulo está la mesa del maestro, y pendiente de la pared una cruz vieja: paralelos á la citada mesa, los cuerpos de carpintería con sus muestras y tinteros y por las demás partes una clase de lectura, un tablón para las operaciones de aritmética y además bancos para sentarse los niños que no escriben”.

Un escrito datado en outubro de 1877 coa sinatura do inspector Vicente Alcañiz.

Un escrito datado en outubro de 1877 coa sinatura do inspector Vicente Alcañiz. / A.A.

Un novo informe, visita do inspector Vicente Alcañiz á Escola Incompleta do Hío, rexentada polo mestre Manuel Novo, en data 15 outubro 1877, ilústranos as características da educación por aqueles tempos: “El local debe ser trasladado a un edificio situado más en el centro de esta parroquia y que tenga más capacidad y mejores condiciones”. “Planta baja en mal estado. Mal estado de los enseres”. “Las oraciones de entrada y salida deben ser breves”. ”Asisten en el acto de la visita 34 ninos y 11 niñas. Diariamente entre 54-56 niños y niñas, en sistema mixto”. “Están dispensados de pago 35 niños pobres”.

Podemos ver que no expediente do 20 de novembro de 1881 cítase á parroquia do Hío cunha poboación de 1.500 almas. O mestre da escola era Manuel Bermúdez García, fillo de José Manuel Bermúdez Bastón, natural de Aldán e tamén mestre da mesma do lugar. Denomínase esta escola como “Pública Elemental Incompleta”. As anotacións do mestre indican: “ Se halla situado en el punto céntrico en buen estado: sala de clases en el piso alto y con buenas condiciones según marca la Higiene”. No tocante ao mobiliario e demais equipamentos dise que “ Se hallan en su estado regular y conforme a su arte Pedagógico”. Atendendo aos medios materiais de instrución asegúrase o seguinte: “Tableros, yeso, pizarras y pizarrines para la enseñanza de la Aritmética: muestras, papel, plumas y tinta para la escritura; y libros litografiados y impresos”. En canto ás materias impartidas no ensino indícanse: “Lectura, escritura, Aritmética teórica y práctica, Gramática castellana, Agricultura, historia sagrada y doctrina cristiana”. Pero nas observacións do inspector anótase que non se dan nocións de historia sagrada. O alumnado estaba dividido en tres idades: menores de 6 anos (4 cativos e 2 nenas), de 6 a 10 anos (31 varóns e 9 mulleres) e maiores de 10 ( 15 nenos e 5 nenas). Exprésase que os matriculados eran 50 nenos e 16 nenas, mais no intre da inspección a asistencia era de 23 cativos por 4 nenas. O mestre contaba con 24 anos e con tres no oficio, cunha antigüidade no Hío de dous anos e medio.

Nota sobre epidemia de xarampón en Cangas, en 1894. |

Nota sobre epidemia de xarampón en Cangas, o 14 de maio 1894 en La Tierra Gallega. / La Tierra Gallega

Na década de 1890 a Escola Incompleta de Nenos de Hío tiña unha consignación de 375 ptas de soldo anual para o mestre. Xa en 1894 a epidemia do xarampón nos cativos,causa emerxencia no eido escolar. O xornal La Tierra Gallega comunica da alerta sanitaria da seguinte maneira: “Según escriben de la villa de Cangas la epidemia de sarampión viene produciendo terribles efectos entre los niños sobre todo. En vista de las proporciones alarmantes de tal enfermedad, el alcalde de Cangas, ha convocado á la Junta de Sanidad habiendo acordado entre otras medidas, suspender las clases en las escuelas públicas y privadas.”

Escola incompleta nenos

Domingo Antonio Carballo (1752); Víctor Ortega Molina (1830); Francisco García Piñeiro (1860); María Pastoriza Carballo (década 1860); Manuel Melquiades Refojos (1867); Manuel Novo (1877); Manuel Bermúdez García (1880-1902).

García Piñeiro, Francisco

Mestre da Escola Incompleta de O Hío (1860). Datos biográficos: (Gaxate, Pontecaldelas, 1904).Labor docente: 1860, Incompleta de O Hío, nomeado pola USC a proposta da Xunta de Instrución pública da provincia; xullo 1861, aproba exame de Mestre Elemental.

Unha nota publicada en El Magisterio Balear o 14 de xaneiro de 1893.

Unha nota publicada en El Magisterio Balear o 14 de xaneiro de 1893. / El Magisterio Balear

Pastoriza Carballo, María

Sobre esta profesora tomamos anotacións do libro “A escola pública en Bueu” do investigador Arturo Sánchez Cidrás. Naceu en 1839 no Hío sendo filla de Vicente e Ana Carballo . /...“Faise coa escola,aos 19 anos, nos primeiros días do mes de xaneiro de 1858. A primeiros de outubro dese mesmo ano unha inspección da Xunta de Educación detecta que a mestra de nenas (María Pastoriza) non desprega o maior interese polo adianto das nenas deixándose mirar isto nos labores e traballos en que se ocupan...”, informe que tamén poñen en coñecemento da mestra. Nos exames celebrados en decembro, igual que a dos nenos: Bastante mal, ningún avance, sobre todo dos pobres “cuxo mal atribúe con fundado motivo ao mestre”. A finais de 1861 a mestra solicita que se lle conceda licenza para estudar na Escola Normal de Pontevedra o terceiro ano de Maxisterio. Nas vacacións (agosto) de 1866 casa con José Martínez, natural de Caldas de Reis e naquel momento carabineiro no posto de Bueu, co que tivo cinco fillos..../

Bermúdez García, Manuel

Mestre da Escola Incompleta de Hío (1880-1901) e da Escola Nacional de Aldán (1902-1925).

Datos biográficos: (Aldán, Cangas, 24 agosto 1860 – 27 marzo 1925). Fillo do tamén mestre da Escola de Nenos de Aldán, Jose Manuel Bermúdez Bastón. Casado con Juana Miguez Martínez (1868). Fillos: Manuel (mestre), Rodolfo Constantino (1895), María do Carmen (1897), María Asunción (1899) e Rodrigo. Viviu no barrio do Piñeiro (Aldán). Secretario da Confraría de San Antonio, Irmandade de Gandeiros. Corresponsal do xornal El Noticiero Gallego en Aldán por 1913.

O xornal “Galicia, diario de Vigo”, de 30 decembro 1922, informa de “para a Igrexa parroquial de Aldán, Cangas, ven de construír o escultor compostelán José Rivas, catro fermosas imaxes que representan a Santa Lucía, S. Xosé, Santa Mariña e a Purísima Concepción. Estas obras de arte serán doadas por D. Manuel Bermúdez García, culto mestre nacional e notario eclesiástico da nomeada parroquia”.

*Veciño do Hío e investigador

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents