Entrevista | Arturo Sánchez Cidrás Próximo Fillo Adoptivo do Concello de Bueu
“Teño ilusións e soños para seguir traballando por Bueu”

Arturo Sánchez Cidrás, onte, na biblioteca e despacho do seu domicilio en Bueu. / Santos Álvarez
-I PremioVila de Bueu en recoñecemento ao labor cultural, Premio Johan Carballeira, Premio Ermelo, pregoeiro da Festa do Polbo, que en Bueu non é pouca cosa, e agora esta distinción como Fillo Adoptivo. Como acolle esta nova honra?
-Estou moi agradecido. Teño que dicir que sempre me sentín moi querido. Aínda así tento velo con certa normalidade, como se llo concedesen a outra persoa. É unha especie de mecanismo de defensa para manter os pés na terra.
-Chegou a Bueu no curso 1979/80 despois de pasar por varios destinos como Moaña ou incluso Legazpi, no País Vasco. Como empezou esa inesgotable labor de investigación sobre a súa vila de acollida?
-Vin para Bueu porque estaba casado aquí e había unha praza vacante no colexio de A Pedra. O traballo de investigación comezou por unha suma de cousas. Por un lado, a docencia e a necesidade de ir actualizando o sistema. Por exemplo, preguntabas na clase aos rapaces que nomeasen catro illas e dicían Islandia, Groenlandia, Mallorca... e non pensaban en Ons, que a tiñan en frente. E logo houbo un exalumno, José Manuel Cerviño, que xunto a José Luis Fernández Aldegunde me «liou» para montar a Asociación Amigos da Biblioteca porque por aquel entonces Bueu non tiña aínda biblioteca. Fixemos campañas de doazón de libros, exposicións...
-Neste proceso é fundamental aquela revista chamada «O Candil», editada desde o colexio da Pedra e que dalgunha maneira serviu para alumear a historia de Bueu.
-Comezamos cunha exposición de fotografías de As Lagoas, que servía para ensinarlle a xente cousas do seu pobo que ao mellor non coñecían. O primeiro número do Candil titulábase «Bueu nas súas xentes», na que se recollían veciños que eran artistas, deportistas ou que escribiran libros... Logo seguiron outros monográficos sobre a pesca, a natureza e facíamos concursos de redacción para os colexios do Morrazo. Un dos xérmolos da revista foi un traballo de Manuel Aldao sobre os cruceiros, sobre o que fixera unha exposición no antigo Liceo Náutico de Bueu.
-Se me permite, a súa labor de investigación sobre Bueu e a súa historia ten moito mérito e valor. Sobre todo porque comezou nunha época na que non existía Internet, nin Google e os arquivos aínda estaban lonxe de ser dixitalizados.
-Fixemos un auténtico ‘baleirado’ do arquivo de Bueu, do provincial, en Santiago... Foi un proceso moi longo e costoso, con viaxes a Santiago para consultar documentos, fotocopiar todo o que nos interesaba referente a Bueu. Por iso nos traballos e na web [descubrobueu.wixsite.com e no blog acidras.blogspot.com] vou deixando referencias de onde se pode atopar máis información e documentos para que os que veñan detrás non teñan que pasar polo mesmo traballo que tiven que pasar eu.
-Hai moito de ermitán nese traballo de pescuda e investigación?
-A verdade é que si. Tirando polo baixo, moi polo baixo, debínlle dedicar unhas 80.000 horas. Hai que estar un pouco loco para un traballo así [risos] Durante moitos anos foi un traballo eterno: vivía nas casas para os mestres do colexio da Pedra e tiña ao lado o despacho, botaba alí horas e horas. Na casa os que máis padeceron foron os fillos, aínda que desde que chegaron os netos as cousas cambiaron.
-Quizais unha das grandes leccións do seu traballo é que a historia non está composta unicamente polos grandes feitos e acontecementos que veñen nos libros de texto, senón que tamén as pequenas cousas e nun ámbito máis próximo tamén son historia.
-Si, por iso comecei co blog desas historias. Son cousas pequenas, que poden parecer nada relevantes pero sempre hai cousas que poden ser de interese para outros traballos e investigacións. Por iso non son partidario de expurgar os arquivos porque cousas que non parecen importantes si que poden ofrecer información moi valiosa ou poñerte na pista doutra. Foi algo que me pasou co libro sobre os alcaldes de Bueu, no que tiven que consultar milleiros de actas. Todo este traballo, xa fose solo ou en compañía de amizades como José Manuel Cerviño, Aldegunde ou Benito Fernández, trataba de encher dous ocos: as gañas de saber e coñecer e enriquecer a vida cultural de Bueu.
-Supoño que nese traballo tamén hai certa motivación de divulgar o pasado para non cometer os mesmos erros.
-Non só iso, hai máis motivacións. É unha forma de coñecer a identidade e sobre todo de que a memoria non se borre. Sempre tiven moi presente aos clásicos. Cicerón dicía que a vida dos mortos está na memoria dos vivos e Marco Aurelio que a fama postreira en realidade é olvido. Son aspectos que teño moi interiorizados e cando atopo algo interesante dígome ‘Isto ten que coñecerse!’
-Que o motiva a seguir pescudando nos arquivos e continuar con ese traballo de eremita?
-A cultura e o coñecemento rigoroso do saber é o que nos pode rescatar dese río da ignorancia que leva á banalización dos principios, á desinformación, aos bulos e mentiras. En definitiva, a non pensar. Poñerlle freo a esa deriva é unha das razóns que me anima a seguir.
-Nos últimos anos atopou uns bos compañeiros de travesía no grupo O Mar por Diante.
-Estoulle moi agradecido a Xaime Toxo, Loli Docampo e a Paco Rodríguez porque xuntos podemos encher de vida os veráns de Bueu. Unha misión na que tamén é moi importante o Concello de Bueu, que se encarga de editar os libros. E en todos estes anos tamén lle estou agradecido ao arquiveiro municipal, Belarmino Barreiro, pola súa axuda e facilidades, que foron peza clave para moitos dos estudos realizados.
-Só este ano publicou dous libros, un sobre os alcaldes e outro sobre o cine, que se suman a unha longa lista de publicacións e estudos en todos os eidos. Aínda quedan temas por seguir estudando?
-Sempre hai flecos e aínda que o traballo feito sexa grande sempre unha marxe amplia para seguir. Agora estou preparando unha escolma con algunhas das 300 historias que xa van publicadas no blog de Bueu. Por sorte, aínda manteño soños e ilusións para seguir traballando por Bueu. Pero agora cun pouco máis de sosego, que o ritmo era demasiado alto.
Suscríbete para seguir leyendo
- El día en que A Cañiza pasará a llamarse a A Caniza y Cangas incorpora «apellido»: entra en vigor el nuevo Nomenclátor de Galicia
- El naval vigués crece en el Mediterráneo con el elevador de barcos para yates «más grande del mundo»
- El otro tesoro bajo Rande: los marineros de la vieira de Cangas rescatan platos antiguos en sus rastros
- Un servicio de bus gratuito llega mañana con 20 líneas diarias y más de 30 paradas
- Herida grave una niña de 10 años tras precipitarse desde el balcón de su casa en Vigo
- Iturmendi, una ferretería con más de 80 años que vendió las primeras lavadoras de Vigo
- China navega en un mundo aparte: pesca 20 toneladas más por cada una que pierde la flota española
- Cárcel por insultar a su ex: «Hai que ter peito para acostarse contigo»




