Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A evolución do transporte de ria (V)

Como sabemos, en Galicia non houbo querra, ainda que a vida cotiá viuse moi afectada polo novo réxime. A pesar das circunstancias, o transporte de ría movía nestas datas máis dun millón de pasaxeiros que Vapores seguía teimando en monopolizar. Como nas liñas de Moaña e San Adrián había unha forte competencia, optou por aplicar aquilo de que se non podes con eles, únete, mais conservando sempre a sua posición maioritaria. Este proceso de fusión tería varias etapas, aínda que algúns armadores optarían por resistir.

O «Villa de Rianjo» (A Ghuapa) entrando en Cangas.

O «Villa de Rianjo» (A Ghuapa) entrando en Cangas. / Arquivo do autor

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Xerardo Dasairas

Cangas

Durante os anos da guerra e da posguerra, Vapores de Pasaje vai seguir coas rutas desde Vigo a Cangas, Moaña, O Con, Domaio e San Adrián, utilizando case a mesma flota de barcos de anos anteriores, cambiándolle o motor a algúns e dando outros de baixa en anos posteriores. En abril de 1937, vapores vai subir o prezo dos billetes a unha peseta o de primeira clase e a 65 cts. o de segunda, a calquera dos seus destinos. Mais, esta decisión unilateral vai provocar as protestas dos usuarios de Cangas e a Garda Civil vai denunciar a Vapores en base a que por culpa da suba se xeraron incidentes que derivaron nunha alteración da orde pública. Isto traería como consecuencia que as autoridades marítimas fixasen en 0,75 ptas. o billete de primeira clase e de 0,50 ptas. para os de segunda. Desde o 5 de decembro deste mesmo ano, esta empresa mudaría o seu punto de atraque para a dársena número dous enfrente da antiga comandancia de Mariña. A comezos de setembro de 1939, a Garda Civil volve denunciar a Vapores por cobrar unha peseta nas viaxes de Cangas a Vigo cando as autoridades estipularan que o prezo do billete debía ser de 65 céntimos, provocando de novo as protestas dos cangueses que a Benemérita considerou como unha incitación ás alteracións da orde.

Trafico de ría. |  Arquivo do autor

Trafico de ría. | / Arquivo do autor

Nestes anos, a ruta Vigo - Cangas sería exclusiva de Vapores de Pasaxe, tendo que destacar que durante as Festas do Cristo, adoitaba prolongar os servizos ata as duas da madrugada, ao remate das verbenas pois os barcos ían acugulados de xentes de Vigo e Bouzas. En abril de 1945, baixo a xerencia de Juan José Legarda Ferro e por concesión oficial, esta empresa solicitaría a construción dun peirao en Rodeira e a instalación de casetas de baño para levar directamente á praia aos viaxeiros de Vigo. Ainda que este obxectivo demoraría varios anos, a captación do turismo veranego desde Vigo era xa un obxectivo desta empresa que adoitaba transmitirlle aos seus usuarios foráneos, mensaxes en tarxetas postais deste teor: ¡Forastero...! Que conserves un agradable recuerdo de esta ciudad y sus alrededores, así como de los servicios de esta Empresa, es el absoluto deseo de “Vapores de Pasaje S. A.”.

Publicidade Vapores en 1944.

Arranxo do peirao de Cíes / Arquivo do autor

As Cíes nestas datas

Cara ao ano 1958, Constante Freire, xerente de Vapores de Pasaje, restauraría o vello peirao de pedra da fábrica de salga abandonada, ubicada en Rodas. En principio propuxérase facer nesta un balneario e logo fixo unha especie de “parador” para que puidesen pernoctar os visitantes, rematando este establecemento por converterse máis tarde no que sería o restaurante Rodas, existente alí durante anos. O peirao seríalle concedido en exclusiva a esta empresa ata 2028 e facilitaría o desembarque e o incremento das frecuencias que pronto se estenderon de só os domingos, aos fins de semana veranegos.

Arranxo do peirao de Cíes. | Arquivo do autor

Atraque de vapores no Berbés. | / Arquivo do autor

Igual que antano, era adoito que nestas datas as illas fosen visitadas por cazadores asociados na Viguesa que, despois da repoboación forestal, practicaban a caza baixo a supervisión do garda Jesús Molanes, residente na illa do Faro con outros seis habitantes e catro máis na do sur ou de San Martiño. O garda, que falecería nun accidente no peirao de Carracido, asumía nunha entrevista, a sua querenza polos eucaliptos que medraban nas illas e o seu interese por que se multiplicasen, animado incluso polo propio “caudillo Franco”, a quen acompañaba nas suas prácticas de caza e pesca. Outros visitantes anuais nos veráns franquistas, eran os da Falanxe, que adoitaban organizar alí os campamentos da OJE, o das Juventudes Hitlerianas do Hogar Alemán de Vigo, as acampadas dos Montañeros Celtas, as colonias de Educación y Descanso e os que acudían aos frecuentes concursos de pesca.

O «Villa de Rianjo» (A Ghuapa) entrando en Cangas. |  Arquivo do autor

Publicidades de Vapores. / Arquivo do autor

Nestes anos, o único local hostaleiro era a Taberna do Chuco, ofertando un par de colchóns de follaco por se alguén quería pernoctar. No 1965 anchearíase e alongaríase o peirao a 40 m. e nunha casiña perto da lagoa que Chuco lle vendera ao daquela cazador, Emilio Fernández, ergueríase o restaurante “Eido do Lago” que nos anos setenta incrementaría a sua oferta cun camping para poñerlle coto á invasión e descontrol provocados polo campismo libre. En abril de 1970 volve ampliarse e mellorar o peirao e outros servizos da illa do Faro.

Turistas no «Ría de Vigo». |  Arquivo do autor

Barcos da pasaxe / Arquivo do autor

Entre Meira e Vigo seguía operando a empresa de Emilio González Santomé, “Emilio de Matacristos” co vello balandro, agora motoveleiro, no que adoitaba levar persoas e animais ás feiras de Redondela. En 1940 incorporaría as gasolineiras Primer dia (14 m.) e Angelina (20 m.) con capacidade para 50 persoas. Con horarios discrecionais, tardaba 45´ na travesía a Vigo e tamén facía pasaxes tamén discrecionais ou paradas na canteira do Cocho e no Latón, transportando obreiros, leiteiras, mariscadoras ou traballadores para a descarga do bacallao na Copiba, case sempre mediante acordos das saídas, pactados cos usuarios. Un servizo semellante facíao nestas datas a pequena motora do señor Benito chamada Sesteiro e que operaría entre Domaio, San Adrián e Chapela ata 1973. Estes pequenos armadores, porén, tiñan que competir cos barcos de Vapores de Pasaje que cubrían as rutas de Moaña - Domaio e San Adrián, deixando todas elas o atraque no Con por derrubo do peirao a comezos dos corenta.

O «Ciudad de Vigo», saíndo de Cangas. |  Arquivo do autor

Turistas na Ria de Vigo. / Arquivo do autor

Moaña

A evolución do transporte de ria (V)

As Xuventudes de Falanxe no vapor "Vigo". / Arquivo do autor

En Moaña, nos anos cincuenta, Emilio de Matacristos incorporaría os barcos Isla de San Bartolomé, coñecido como “O Lanchón”, e o Villa de Meira, feitos nos asteleiros de Ferradás e Santomé Paz, respectivamente, reducíndose o tempo da travesía. Esta empresa de Emilio González, xerenciada agora por José González Santomé, tería que desfacerse destes dous barcos en 1961, mercando Vapores o primeiro e sendo adquerido o Villa de Meira por Cancelas Rioboo da Comercial Marítima Viguesa. Contodo, Santomé mantería a liña Moaña - Vigo ata o 1975, ano en que acabaría asociándose coa “Comercial Marítima Viguesa”.

A evolución do transporte de ria (V)

O "Ciudad de Vigo" saíndo de Cangas. / Arquivo do autor

Esta compañía nacera en 1950 da asociación de armadores de balandros de Meira, Domaio e San Adrián con José Cancelas Riobóo do Con, pondo en servizo os vapores Buenos Días (O Fungón) e Competidor, logo o Villa de Moaña e o Gladiador en 1954 e 1955 respectivamente e no 1961 o Villa de Meira, adquerido, como dixemos, a Emilio González Matacristos. Como resposta a esta competencia, Vapores de Pasaje aliaríase en 1955 coa empresa de M. Cortegoso “Cepillos”, posibilitando que esta puxese en servizo os vapores Berta Cortegoso e Elisa Cortegoso que cubrían os traxectos Vigo - Moaña - Domaio - San Adrián. O 14 de decembro de 1960, o Villa de Moaña había de sufrir un incidente por culpa do temporal e forte vento que lle rompeu as amarras, indo petar contra as rochas no Con moañés, causándolle un gran prexuizo á empresa de José Cancelas que trataría de reflotalo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents