“No Morrazo tedes un xeito marabilloso de ser criminais”
Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán poñen punto e final a un dos proxectos máis exitosos do teatro galego nas últimas décadas, «Somos criminais, punto e final», un espectáculo que hoxe chega a Cangas por partida dobre: ás 19.00 e ás 21.30 horas no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela.

Xosé Antonio Touriñán e Carlos Blanco, no espectáculo "Somos criminais, punto e final". / Ainé
«Falta pouco máis de unha hora para o fin do mundo. En Galicia, unha nave, a Arteixo II, está a punto de despegar cuns poucos elexidos a bordo cara a un planeta no que iniciarán unha nova vida. Os capitáns da nave, Carlos Blanco e Touriñán, son os encargados de que a evacuación sexa exitosa e de meter nese Arca de Noé galega todo o noso patrimonio humano, material e inmaterial máis preciado, para que a nova terra á que emigraremos siga sendo criminal».
-Un dos espectáculos máis exitosos da escena galega, senón o que máis. Algo terá…
Carlos Blanco.- Esa é a realidade, o que di a venda de entradas. Algo haberá para que o público acuda en masa a velo, supoño que porque confía en que os entreteñamos durante hora e media.
Xosé Antonio Touriñán.- Polos datos da SGAE de entradas vendidas, de pagar por ver un espectáculo, sí e o de máis éxito da historia de Galicia, e iso é algo marabilloso. O de algo terá habería que preguntarllo ao público, que ten interese por velo, por disfrutalo, por pasalo ben. Eso é o que ten este espectáculo, esta conxunción de Carlos Blanco e de Touriñán en Somos criminais. E sendo a terceira edición será que as dúas anteriores están ben feitas para que siga espertando a atención e interese do público.
-Punto final dunha triloxía pantasma, porque non houbo 2. Axúdanos a saber como somos e por que, ou depende? Saímos do espectáculo con respostas e certezas ou con máis preguntas?
C.B.- Non houbo 2 porque houbo pandemia. Xa explicamos que a saltamos porque segundas partes nunca foron boas. Saímos con máis preguntas que respostas, obviamente, porque somos galegos.
X.A.T. -Poucas certezas se poden sacar de calquera dos tres espectáculos de Somos criminais. Séguenos deixando preguntas e as respostas témolas cada un dentro de nós. Se alguén sae con algo máis claro, noraboa para eles, pero as preguntas xa van intrínsecas no noso ser galegos, e as respostas van depender de cada galega e de cada galego que ven a vernos. Nós, aclarar creo que pouco aclaramos.
-Estamos en tempos nos que Galicia, o reivindicarnos como galegos, vende. Moitas marcas comerciais abondan nesta mensaxe. Cal é o segredo?
C.B.- É cuestión de autoestima, de apreciarnos como pobo, querernos un pouco máis. Sempre fomos un pouco duros con nós mesmos. O autocastigo, o autoodio funcionou durante anos. Había vergoña de falar no noso propio idioma, e afortunadamente todo esto vai mudando en certo modo.
X.A.T.- O segredo é que somos a hostia, que vivimos nun país marabilloso, fermosísimo, que ten unha calidade de produtos ou de lugares que durante moitísimo tempo non se lle deu importancia, pero xa fai un tempo que estamos a sacar peito e ata creo que foron os de fóra os que nos dixeron: ollo con todo o que tedes, que tedes cousas fantásticas. As marcas saben esto, pero outra cousa é que o que promulgan de vendernos como galegos realmente o fagan. Creo que poderían facer bastante máis, que temos marxe de mellora.
Quen é o galego máis criminal dos dous, Touriñan ou Blanco?
C.B.- Touri, Touri... Touri é un criminal. Cando xoga, cando improvisa, consigue que nos partamos todos de risa. É tremendo.
X.A.T.- Carlos Blanco é o máis criminal dos dous. Para min é un regalo traballar ao seu carón. É tan criminal, tan espectacular enriba dun escenario e como compañeiro de mesa, de viño... Aprendo moito del porque ademais é unha enciclopedia viva de todo o que aconteceu no nosa profesión. O tipo é criminal, é a hostia!
-De que crimes teremos que dar conta como galegos cando pasemos polo purgatorio? Seremos absoltos ou condenados?
C.B. -Eu non creo no purgatorio. Síntoo moito pero non creo neso.
X.A.T. -Vai ser complicado esto. Partindo da base de que non se sabe se subimos ou baixamos, ninguén saberá se vai para arriba ou abaixo ata última hora. Pero na variedade está o gusto, un pouquiño de ceo e un pouquiño de inferno.
-Hai seis anos, cos inicios de “Somos criminais”, confesaron: “Sería bonito poder matar de risa”. Neste tempo, e despois de ducias de exitosas función, consumouse ese crime?
C.B.- Pois non, coido que aínda non matamos de risa a ninguén , así que somos inocentes deso. Pero si que somos culpables de que moita xente nos diga que había tempo que non rían tanto, a mellor frase que nos poden dicir despois de rematar un espectáculo.
X.A.T. -Fisicamente, por agora creo que non matamos a ninguén. Son datos da Subdelegación do Goberno. Pero é moi gratificante ver como a xente morre da risa nos espectáculos. Nos tres, pero neste último está comprobado que a xente segue morrendo da risa por momentos e é fantástico velos, sentilos e que o público siga disfrutando con nós.
-Hai constancia de que no Morrazo somos igual de criminais que o resto dos galegos ou hai atenuantes/ agravantes?
C.B.- No Morrazo sodes tremendas e tremendos. Hai unha bravura magnífica. Eu creo que conecta moi ben coa bravura que eu coñezo tamén na Illa de Arousa, ou en Vilagarcía ou en Cambados. Hai un xeito de ser de mar, hai unha enerxía, hai unha alegría, hai unha extroversión, hai un poderío que no Morrazo é ben visible e notable.
X.A.T.- Por suposto que no Morrazo tedes o voso propio xeito de ser criminais. Galicia son moitas Galicias e temos público moi dispar. No interior, un pouco máis reservado, que o disfruta pero o expresa menos, e no Morrazo máis botados para adiante, que o botades para fóra se o pasades ben. Un xeito marabilloso de ser criminais.
Suscríbete para seguir leyendo
- Vuelan los tejados de los Institutos Rodeira y María Soliño en Cangas
- Reabre la carretera general en Domaio tras 8 horas de corte y el temporal levanta la cubierta de la Escola de O Con
- Investigadas madre e hija por pagar en Cangas con billetes falsos para rodajes en el cine
- La entrada de cuatro caballos obliga a cortar la autovía en el límite entre Cangas y Moaña
- En honor a la componedora de Bueu
- Goteo de dueños de fincas en el Concello para preguntar por el plan de A Rúa
- Las primeras ráfagas de la borrasca Martinho en Cangas.
- Un colegio de Cangas anuncia una querella por acoso contra el centro y algunos profesores