Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

A evolución do transporte de ría (IV)

O inicio das viaxes ao arquipelago das Cíes

Excursionistas no faro das Cies en 1920.

Excursionistas no faro das Cies en 1920. / Arquivo do autor

¿Ya nos sigues?Márcanos como medio preferente
Añádenos en Google

Xerardo Dasairas

Cangas
Despois dos eremitorios relixiosos medievais, as Cíes quedarían despoboadas ao seren visitadas con frecuencia por corsarios ou tropas inimigas. Non sería ata 1810 que foron ocupadas por destacamentos militares que realizaron algunhas obras de fortificación durante uns anos. Os primeiros colonos chegarían a partir de 1837 ao se estableceren duas fábricas de salga e cara a finais deste século XIX foron usadas polos cazadores vigueses como couto. A sua utilización como reclamo turístico, con desembarque, non comezaría ata o ano 1920.

Desde antigo, o acceso ás Cíes viña facéndose de xeito particular, xa por cuestións de pesca, por traballar nas fábricas de salga, pola caza que practicaban as elites da «Sociedad Venatoria Viguesa» ou por cuestións científicas como o padre Merino xesuita de Camposancos que nos anos finais do XIX foi estudar a flora das illas. Mais, o 17 de xullo de 1906, a princesa Isabel (a) A Chata, de visita pola provincia, teimou en achegarse ás illas durante a sua estadía en Vigo pero fíxoo a bordo da canoneira da Armada «Vasco Núñez de Balboa». Contodo, este interese real había servir para poñer as Cíes no punto de mira das navieiras, empezando a consideralo de interese nas suas xiras marítimas, que ata agora só se limitaban ao interior da Ria. Así, desde a óptica turística, sería o veleiro-vapor «Wolverine», do que xa falamos, un dos primeiros en achegarse (sen desembarques) ás Cíes desde a súa posta en servizo en Cangas en maio de 1909, realizando viaxes de mañá e tarde.

Vapor Puebla levando aos excursionistas. |  Arquivo do autor

Vapor Puebla levando aos excursionistas. | Arquivo do autor

O 28 de xullo de 1911, os pasaxeiros, transportados nos vapores «Carmen» e «Elduayen», xa foron desembarcados na praia de Rodas onde puderon disfrutar dunha competición de chave e dun refrixerio servido por José Rodríguez e amenizado polo «Tornillo», o coñecido gaiteiro de Moaña. En anos posteriores, durante o verán, continuarían as xiras ás Cíes os domingos facendo esta viaxe diferentes vapores como o «Urzáiz» ou o «María», que tamén cubrían rutas de pasaxe. Mais, non sería ata primeiros de agosto de 1920 cando Vapores de Pasaje pon en servizo un vapor traído de Inglaterra, renomeado «Puebla», que realiza excursións ata as Cíes en dúas viaxes (mañá e tarde) que incluían un xantar ou unha merenda. Viajes Marsans ofrecería logo esta xira turística en combinación con Vapores, desembarcando a pasaxe na praia de Rodas en bateis ou por pasarelas de madeira. Algúns barcos de Vapores de Pasaje, vapores de pesca e gasolineiras trasladarían ás Cies neste mesmo 1922, aos romeiros cangueses o día da Virxe do Carme, celebrando misa en Rodas e bendicindo o cemiterio da illa.

Excursionistas no faro das Cies en 1920. |  Arquivo do autor

Un anuncio coa colaboración de Marsans Vapores. / Arquivo do autor

Xa antes destas datas, a concesión do correo en 1916, había ser o punto de inflexión para iniciar a monopolización do servizo do transporte de viaxeiros na ría, que apuntalado polo novo regulamento, feito á medida de Vapores, faría desaparecer pouco a pouco, ata o ano 1924, as once rutas existentes cuxa competencia, se ben beneficiaba á pasaxe, o certo é que adoecían dun bo servizo, hixiene e seguridade. Neste aspecto destacaba o peirao de atraque dos vapores na Ribeira do Berbés, compartido coas descargas de peixe e que por isto foi cualificado como «incómodo, asqueroso y repugnante... que no se puede pasar por él ni con ropa limpia ni con mujer decente. El Berbés debe quedar tan sólo para el tráfico del pescado; los pasajeros a su muelle o a otro parecido que se construya». As principais e constantes reclamacións, ademais dos usuarios, viñan dos moitos seareiros do Celta que desde Cangas e Moaña acudían a Balaídos. Asemade, na época estival, aquilo era un fervedoiro de nenos e mociños que acudían á chegada dos vapores para axudar aos pasaxeiros con equipaxe e aos anciáns, a baixar do barco a cambio dunha propina. Acción que moitas veces acababa en roubo de cartos ou obxectos polo que se demandaba a presenza dun garda municipal.

A finais de setembro de 1922 e ante as demandas de mellor servizo solicitadas polo Concello e veciños de Cangas en cumprimento do novo regulamento, Vapores decide a retirada do servizo do novo vapor «Vigo» e os «Mª Luisa» e «Alegría», durante un tempo. Entre esta data e 1930, esta empresa de Vapores, xerenciada por Pascual García Moliner. Ademais dos barcos citados xa reparados, incorporaría os vapores «Balea», «Borneira», «Rebordiño», «Yapeyú», «Bahía de Vigo», «Conchita», «Nuevo Iberia»... que cubrían as rutas de Vigo con Cangas. Nos traxectos de Moaña, Domaio e San Adrián destacan o «Primer Día», «Mª del Carmen», «Angelina», «Fernandito», «Nuevo Senén», «Gamo», «Cantabria», «La Ligera», esta cun casco que semellaba unha canoa, ou o «Mars», alugado ao navieiro Durán.

O vello peirao de Moaña en 1926. |  Arquivo do autor

Excursión ás Cíes en 1922. / Arquivo do autor

Inicialmente, establecerían os custes do billete de 1º a 75 cts. e o de 2ª a 50 cts., mais pronto se habería de iniciar unha competencia cos prezos, rebaixándoos a 50 cts. o de 1ª en cabina (55 cts. festivos) e o de 2ª en cuberta a 40 cts. En marzo de 1925 iniciaríanse as xestións para a construción de embarcadoiros axeitados para os vapores de pasaxe nos portos de Meira e Domaio.

Peirao da salga de Cíes restaurado. |  Arquivo do autor

O vello peirao de Moaña en 1926. / Arquivo do Autor

En xullo de 1926 vanse iniciar en Moaña as obras do novo muelle para sustituir o vello peirao de madeira de 1908 no que polo seu deterioro, atracaban os vapores con moito temor e dificultade, usando como alternativa ao servizo os peiraos do Con e de Meira. Unha vez operativo o peirao de Moaña, o do Con seguiría sendo utilizado nalgús traxectos de Vapores como escala nas viaxes Vigo -Moaña e viceversa.

Un anuncio de Cíes como balneario en 1934. |  Arquivo do autor

Peirao de salga de Cíes restaurado. / Arquivo do autor

Os barcos desta empresa que diariamente transportaban o correo estaban suxeitos nos seus horarios á chegada das valixas. A mediados de setembro deste ano, Vapores de Pasaje, que tiña o «Vigo» operando entre Ferrol e A Coruña vai suspender as viaxes, causando moitas protestas entre o estudantado que ía examinarse. En xaneiro de 1927, a Junta de Transportes provincial elevaría a definitiva a concesións dos traxectos desde Vigo a Cangas e Moaña a favor dos vapores de Fábregas que seguirían cos prezos á baixa.

Anuncio dunha excursión a Cíes en 1932. |  Arquivo do autor

Un anuncio de Cíes como balneario en 1934. / Arquivo do autor

Ante isto e as grandes perdas acumuladas, a algunhas empresas da competencia non lles quedou máis remedio que pechar as rutas ou asociarse. Xa que logo, en 1928 xa entraban nesta sociedade con Vapores, empresas da competencia como Legarda, Manuela Ferro González, Luis Rial Álvarez, que sería o xerente, e Gustavo Lino Santadrán, que acumularían nesta nova sociedade un capital de máis dun millón de pesetas da época. Só unha empresa, a de González Santomé, quedaría como competencia a Vapores na ruta desde Moaña.

A chegada da República traería novas normas no transporte de ría e a mellora dos barcos sendo que no ano 1933, atendendo ao cumprimento dun novo regulamento, prohibiríase o transporte do peixe nos vapores, que agora tería que levarse nun barco auxiliar. Tamén se regularon as frecuencias e se ampliaron os horarios que se establecen entre as seis da mañá e as dez e media da noite, sendo de seis e media a oito e media no inverno. Os prezos dos billetes xa eran de 70 e 60 cts. para cada categoría. Neste ano 1933 Vapores vai conseguir a exclusiva das viaxes ás Cíes nos meses de verán, realizando viaxes regulares, custando o barco, «con cantina bien surtida», tres pesetas ida e volta. podendo facerse o xantar no bar da illa, denominado o «balneario», pois Vapores pretendía darlle tamén este uso ao establecemento, aínda que ao final só ofertaría habitacións.

A evolución do transporte de ria (IV)

Anuncio dunha excursión a Cíes en 1932. / Arquivo do autor

O 27 de xaneiro de 1934, esta empresa tamén anunciaría a posta en marcha dun servizo entre Vilagarcía e a Pobra do Caramiñal por Cabo da Cruz, aspirando, segundo a súa publicidade, a estenderse a todos os portos de Galicia. Nesta data e nas liñas de Vigo a Cangas e Moaña e na de Vilagarcía, tiña en servizo ao «Vigo», «Alegría», «Gamo», «Mª Luisa», «Cantabria», «Mª del Carmen», «Nueva Iberia» e «Rebordiño».

A reacción a esta competencia de Vapores en Vilagarcía fíxose por parte da empresa Baltar Cardona e Sarasquete que puxeron en circulación entre Cangas e Vigo o vapor «Ría de Arosa», que estivo en servizo escaso tempo. En 1938 intentaría a competencia un barco de pasaxe denominado «Artístico», fletado por J. Mª Conde e que pasaría logo a Vapores no 1943.

O contrapunto máis escuro no transporte de ria viría marcado pola utilización dos vapores, entre eles o «María Luisa» ou o «Gamo», para o traslado de prisioneiros ao penal instalado en San Simón desde o levantamento militar do 1936.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents