Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

«As Gardiás», unha loita para vivir a vellez en liberdade

As cinco actrices que interpretan sobre as táboas "As Gardiás", un texto de Násser Djemaï e traducido do francés ao galego por Henrique Harguindey.

As cinco actrices que interpretan sobre as táboas "As Gardiás", un texto de Násser Djemaï e traducido do francés ao galego por Henrique Harguindey. / Teatro de Ningures

D.García

Cangas
Teatro de Ningures está preto de chegar aos 40 anos de traxectoria, con máis de 30 obras e desde 2017 asume a produción do espectáculo «A Defensa da Vila». Este sábado volta ás táboas coa estrea de «As Gardiás», do francés Násser Djemaï.

Teatro de Ningures volve ás táboas cunha nova produción. Xa pasaron oito anos desde a súa anterior montaxe, «Unhas poucas picadelas», e agora retornan cun tema de plena actualidade: os coidados na vellez e as diferentes formas de afrontar esta etapa. A obra é «As Gardiás», que supón a primeira adaptación en España do premiado dramaturgo francés Násser Djemaï. A estrea será este sábado sobre o escenario do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela, cun elenco de cinco actrices: Casilda Alfaro, Rebeca Montero, Sonia Rúa, Amparo Martínez e Melania Cruz. A dirección correspóndelle a Cristina Domínguez e adaptación teatral é de Vanesa Sotelo, a partir da tradución feita para a ocasión desde o francés ao galego por Henrique Harguindey.

Esta historia acontece no humilde piso de Rosa (Amparo Martínez), que vive nun vello edificio dun barrio popular. A muller atópase nunha cadeira de rodas e a súa vivenda é unha especie de refuxio para ela e as súas compañeiras: Ana (Rebeca Montero), Margot (Sonia Rúa) e Susana (Casilda Alfaro), todas operarias xubiladas da industria textil e firmemente decididas a manter a súa independencia. O inevitable conflicto aparece coa chegada de Vitoria (Melania Cruz), a filla de Rosa e que propón vender o apartamento e trasladala a unha institución médica ou residencia de anciáns. Comeza así unha loita entre dúas visións opostas do ben envellecer e as catro mulleres defenderán o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade.

Desde Teatro de Ningures suliñan a especial importancia desta problemática á hora de embarcarse nunha nova produción teatral. «A temática foi fundamental á hora de decidirnos a levar a cabo a montaxe. Procurabamos un tema que estivese pegado á realidade e que fora de interese xeral. E nestes momentos, nos que vivimos nunha sociedade envellecida, pero que non sabe que facer cos seus maiores cando deixan de ser persoas produtivas, pensamos que era o momento de propoñer o debate sobre como queremos vivir a nosa vellez», explican.

Un momento de "As Gardiás", a nova produción de Teatro de Ningures que se estrea o sábado no Auditorio de Cangas.

Un momento de "As Gardiás", a nova produción de Teatro de Ningures que se estrea o sábado no Auditorio de Cangas. / Teatro de Ningures

A obra escollida foi «Les Gardiennes» no seu título orixinal en francés e traducida ao galego como «As Gardiás». O seu autor é Násser Djemaï, graduado na École Nationale de la Comédie de Saint-Étienne e da Birmingham School of Speech and Drama en Gran Bretaña. Vai ser a primeira vez que a súa obra se represente en España. «Djmaï é un sólido e solvente autor e director de escena francés, que trata temas apegados á actualidade, recoñecibles para as clases populares. Foi na procura de materiais de interese para o grupo, e dentro do ámbito xeográfico europeo, que atopamos este texto», explican desde Teatro de Ningures. E engaden que tras «unha primeira tradución, feita por Quique Harguindey, optamos por tentar levar o texto á escena, debido á calidade da escrita, á universalidade do tema e a facilidade para adaptalo á realidade galega».

A estrea de «As Gardiás» será este sábado, ás 20.00 horas e coas localidades dispoñibles a través da web ataquilla.com. Unha representación que a bo seguro servirá como un reflexo da realidade e na que se mesturan distintos conflitos a debate. «O teatro é a ferramenta máis asequible, debido á súa inmediatez, para propoñer conflitos, que nos movan, que nos fagan pensar, e, por qué non, que nos fagan actuar. Nós, con «As Gardiás» queremos propoñer un debate, abrilo no palco, para que continúe no ámbito público, na rúa, e no ámbito privado, nas nosas casas, nos nosos grupos de amizade...», manifestan a este respecto desde Teatro de Ningures.

Tendo en conta que esta vai ser a primeira vez que se represente un texto de Násser Djemaï sobre os escenarios españois non está de máis a posibilidade dun encontro. «Cremos que sería óptimo atopar o espazo axeitado para convidalo, non só a ver a peza, senón tamén abrir un espazo de conversa para compartir os diferentes xeitos de traballar en Francia e en Galicia. Teatro de Ningures leva anos entendendo a cultura coma un dereito, e recoñecendo ao público non só como mero consumidor, senón como protagonista da experiencia escénica. Un encontro co autor supón, pechar o círculo de dita experiencia», conclúen desde a compañía teatral do Morrazo.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents