In memoriam

Manuel Morales Gómez, pioneiro do xadrez no Morrazo

Manuel Morales.

Manuel Morales. / Cedida

Salvador Castro Otero*

Nacido na cidade valisoletana de Nava de Rey en 1946, Morales comezou a visitar a nosa bisbarra hai máis de cincuenta anos. De carácter sociable e emprendedor, pronto se puxo en contacto cos xadrecistas de Moaña, daquela o pobo máis desenvolvido nesta disciplina. Con Benito Sánchez, Amador Tenorio e, sobre todo, con Francisco Juncal mantivo unha longa amizade e rivalidade. Os “match dos xeados” eran unha festa da que participaban todos os afeccionados presentes. O duelo puramente deportivo ía acompañado doutro verbal do que saían perlas que logo perduraban na memoria e no uso de todos os presentes, creacións cheas de humor e de corte surrealista como “que saladiño y la lámpara incandeste me eres”.

Amante de espallar as actividades nas que participaba, sempre na procura de “clientes” como adoitaba dicir, organizou cursos e torneos de xadrez no Círculo Náutico de Bueu. Estas competicións posibilitaron que os xogadores da vila puidesen mellorar o seu nivel ao poder competir con adversarios máis experimentados e cualificados.

Como xadrecista foi o primeiro vencellado ao Morrazo en obter elo nacional e ocupaba o primeiro taboleiro do club de Bueu nas competicións estivais. Entre os seus logros máis sonados destacan a vitoria diante da campioa de España María Luísa Cuevas no torneo San Froilán de Lugo e o empate en partidas simultáneas contra o futuro campión do mundo Veselyn Topalov.

O seu estilo era sempre optimista, adoitaba repetir a brincadeira de que tiña a vantaxe de que non podía “desMoralizarse”, e prefería unha vitoria baseada nunha profunda e sutil celada que outra fundamentada na perfección técnica.

Tiña un espírito aberto que o levou a explorar con intensidade moitas actividades: a música (formou parte da tuna santiaguesa nos seus anos universitarios); a pintura, o maquetismo, o bridge e un longo etcétera. Unha das máis intensas e recoñecidas foi o seu amor polas embarcacións tradicionais. Antes incluso de que os membros da Asociación Cultural os Galos construíran un bote polbeiro, el xa paseaba pola ría coa súa dorna: «A Curuxán». Sorprendíase ao comprobar que, cunha xeografía tan propicia para a navegación, a vela e, en especial, a vela tradicional non tivese máis arraigo entre nós. Participou dende o inicio en compaña do investigador Manuel Aldao nas concentración de embarcacións tradicionais organizado polos Galos.

Desenvolveu unha importante actividade académica. Exerceu como catedrático de Ensino Secundario en varios institutos de León, nun deles, o Padre Isla tamén espallou o xadrez sendo decisivo na formación do que logo sería Mestre Internacional, Marcelino Sión. Doutorouse en Matemáticas na Universidade de Valladolid cunha tese titulada: «Métricas, compactaciones y extensiones del cuerpo real», na que exploraba varios aspectos das xeometrías non euclídeas. Publicou varios xunto con José María Pérez Gómez de Tejada e a súa dona Josefina Fernández Sucasas os libros de texto de matemáticas para a EXB publicados pola editorial Everest.

O pasado 19 de xullo celebrouse a modo de homenaxe un torneo de partidas de cinco minutos entre o club da localidade e destacados xadrecistas das outras vilas do Morrazo. Morales seguiu a mostrar o seu nivel e acadou máis do 50% da puntuación. A este acto o Círculo Náutico de Bueu, o seu amigo e compañeiro de navegacións Manuel Aldao e o Concello, representado polo seu alcalde quen tivo unhas palabras recoñecemento do seu labor e lle entregou un agasallo conmemorativo.

A presencia de Morales no futuro do club está garantida, no só polo seu inesquecible legado, non só porque o seu fillo Manuel e o seu neto Óscar forman parte da súa plantilla, senón que un dos seus equipos seguirá a levar o seu nome.

*Directivo do Club Xadrez Bueu

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents