A evolución do transporte de ría (II)
A introdución do vapor revolucionou o servizo

O vapor «Iris» en 1906. / Arquivo do autor
Xerardo Dasairas*
En marzo de 1875 xa hai unha empresa que pretende establecer unha liña marítima entre Pontevedra e Vigo con escalas en Marín, Beluso e Cangas, utilizando vapores de pouco calado para chegar ata Pontevedra coa marea alta. Este servizo de pasaxe e mercadorías quedaría en nada, pero si sabemos que con motivo das Festas do Cristo deste ano, xa parte desde Vigo un pequeno vapor patroneado polo señor Botana, levando numerosa pasaxe a Cangas a bordo e en lanchas que ían remolcadas polo mesmo.
En 1882 atopamos facendo xiras e pasaxe discrecional da ría ao vapor «Moor» de Augusto Bárcena e en 1884 ao «María» que é lembrado por un compoñente dunha excursión de madrileños que saían do peirao de Vigo: Embarcados en el bonito vapor “María”, abandonábamos, a las cuatro y cuarto de la tarde de anteayer, el muelle de madera, haciendo rumbo a la isla del Sur (Cíes). Al llegar a la altura de Toralla... y allí viramos sobre Cangas, pasando cerca de muchos faluchos y botes que, viento en popa, se dirigían en demanda del puerto. A las cinco desembarcábamos en aquel pueblecillo cuya playa hallábase cuajada de lanchas pescadoras y después de un pequeño paseo regresamos a nuestro buque...»
A evolución do transporte de ría (I)
Este vapor «María» tería un protagonismo especial a comezos de xullo de 1883 pois foi o que trasladou desde O Con a Vigo os restos do almirante Casto Méndez Núñez que estaban enterrados no seu pazo do Real e ían trasladados a Cádiz por orde real. O 28 de setembro do 1885 comeza a operar o «Pampín» facendo a ruta de Domaio (4,30 mañá), ao Con (5 da mañá) e de Cangas (6 e 7 da mañá) a Vigo. O retorno de Vigo era á unha e ás tres da tarde e o prezo era dun real por ruta. Logo sumaríse o «Iris» a esta mesma carreira, facéndose o embarque e desembarque en Cangas na praia da Ribeira, mediante botes ou unha pasarela de madeira tendida desde o barco.

Algúns vapores de pasaxe da época. / A.A.
En 1894, o xornalista vigués Xoán Neira Cancela xa louvaba o adianto que supuxeron os vapores a Cangas pois di que «antes, cando viña ás festas do Cristo, facíao en botes alugados por cinco céntimos, suxos e arrecendendo a xouba, aos que só adoitan subir algúns ousados». No informe que fixo en 1888 Eduardo Cabello sobre a Ría de Vigo, xa se recollen catro barcos de vapor, un deles o «Iris», seis galeóns e unhas 66 embarcacións menores (lanchas, galeóns ou balandros) dedicadas todas ao transporte de viaxeiros e mercadorías. En 1898 facían este servizo Alejandro García Soliño, Justo García Soliño, Manuel García Rivero, José Graña Montes e Rafael Graña Montes. Nestes anos de finais do XIX tamén eran moitos os vapores de pesca que conseguían uns cartos extra, realizando o trasbordo de pasaxeiros do peirao vigués aos trasatlánticos fondeados na ría e viceversa.

Un dos primeiros barcos adaptados a pasaxeiros saíndo de Vigo. / A.A.
Nacen as liñas regulares
En xaneiro de 1898 xa se anunciara a posta en servizo entre Cangas e Vigo dun pequeno vapor chamado «Río Tesa», armado por José Bofill de Marín, pero cremos que nunca chegaría a operar nesta ruta. Como fose, e destinado á pasaxe de viaxeiros e mercadorías, a primeira liña, máis ou menos regular, aínda que sen definición de frecuencias entre Cangas e Vigo, sería establecida no ano 1899 por iniciativa do deputado en Cortes Eduardo Vincenti. Estas viaxes iniciounas un pequeno vapor, chamado precisamente «Vincenti», que fora botado en Cangas en xaneiro de 1896 para dedicarse á pesca. Nesta alternancia de funcións, pesca de noite e pasaxe de día, acabaría naufragando na Guarda en decembro de 1899 aínda que os seus armadores, a viúva de Fresquet e Antonio Camaño Martínez, ambos de Cangas, xa o sustituirían a comezos de 1900 e anuncian a posta en servizo doutro máis en xuño. Aínda que non temos noticias exactas, todo apunta a que un destes foi o vapor «Carmen», comezando a operar o 1 de marzo na pasaxe Vigo-Cangas e xunto co «Buenos Aires» de Daniel Rodríguez Valdés (en 1905 aínda en servizo) eran os que facían a chamada “carreira” Vigo-Cangas. Este último sería o que en 1900, durante o conflito contra o uso da traíña, tería un altercado co vapor «Weyler» de Bouzas que, aínda que dedicado á pesca, tamén facía xiras pola ría.

Unha peza sobre unha excursión por mar a Cangas en xuño de 1910. / A.A.
Nestas datas, a maioría dos barcos que facían pasaxes e xiras eran vapores de pesca que se reconverteran para este fin, xa de forma fixa, xa temporalmente. No ano 1901, ademais dos xa mencionados, comezarían a operar oficialmente na carreira Cangas -Vigo os vapores «María» e o «Iris», que faría a primeira viaxe en xullo deste ano. O primeiro foi matriculado por Elisa Rodal Nogueira e en marzo de 1905 vai ser adquerido en subhasta por Vicente Nogueira aboando 34.000 pts. O vapor «Iris» pertencía a A. Camaño Martínez e logo sería propiedade de Manuel García Díaz, facendo traxectos cada hora ao prezo de 25 céntimos.
Nesta época iniciaríase a constitución de empresas familiares dedicadas ao vaporizado transporte e pasaxe de ría que xa se percibía como un novo negocio. En Moaña tamén funcionaba un servizo discrecional de pasaxe en 1902, a teor da folga que os patróns destes barcos plantexaron nesta data. En outubro de 1903, ademais dos barcos mencionados e ao habilitarse en Cangas un peirao de madeira para as mercadorías e pasaxe, xa se establece outra liña estable con catro viaxes de ida e volta a Vigo, servidos polo vapor «Eulalia», ao que pronto se lle uniría o «Ángel Urzáiz» de Benigno Barreras. No ano 1904 empezarían a cubrir a ruta Vigo-Cangas o «Marcelino Barreras» (nome do armador) e o «Méndez Núñez» de Adolfo Graña Montes . Outros barcos que operaban en 1906 nesta ruta xunto co «María», eran o «Carmen» e o «Iberia» (naufragado na Galerna de finais de 1930 facendo servizo na flota de Vapores de Pasaje) e na carreira de Moaña seguía o «Eulalia». Nestas datas, os horarios das liñas regulares Vigo-Cangas comezaban ás 6,35 da mañá e remataban ás 17,35 da tarde con frecuencias de media hora, mentres que os de Vigo a Moaña saían ás 11,35; 15,35 e 18,35 con volta ás 8, 13 e 17,35 horas custando a pasaxe 35 céntimos.

Billete dun barco de vapor entre Cangas e Vigo. / A.A.
En decembro de 1904, créase en Moaña un consorcio asociativo formado por Balbino R. Pombo (xerente), E. Barros, Manuel Durán, J. F. Riobó, M. Freire, J. B. González, J. Benito Soage e J. Sobral Cidrás e pretenden a construción dun peirao particular para estableceren un novo servizo a vapor desde Moaña a Vigo, cuxa aprobación oficial non se faría efectiva ata xuño de 1909 comezando a operaren os barcos desde esta data. Contodo, xa en 1905, a sociedade “El Progreso” tiña obtido a concesión dun peirao destinado ao servizo público posibilitando que José González Santomé comezase a operar desde esta data cos vaporciños «Nuevo San José» (que en 1961 pasaría a M. Cortegoso como «Lojo»), «Primer día» e «Meira» que cubrían rutas desde Moaña a Vigo, Redondela e Chapela. As pasaxes entre Domaio, San Adrián, Redondela e Chapela seguirían tamén cubertas polos barcos de Pastora e Sesteiro.
En marzo de 1906 créase en Cangas unha sociedade integrada por Eduardo García, J. Pastoriza Gestido, J. Fdez. Currás, Indalecio García, Estanislao Bastos, M. Bermúdez e Serafín González que van poñer no servizo de ría un novo vapor chamado «Punta Balea» tendo outro en proxecto de construción. Tamén en Moaña unha sociedade anónima está a construir outro vapor para o servizo de pasaxe con Vigo.

Peza sobre o vapor de Cangas en 1905 segundo Fialho de Almeida. / A.A.
Na altura do ano 1909 aínda continuaban operando entre Cangas e Vigo os vapores antes mencionados, aos que ademais do «Iris» e «Punta Balea», se tiñan sumado o «Enrique» de Estanislao Bastos, o «Carlos» de Francisco Giráldez ou o «Carmen» do señor Mouriño, empresario que contaba desde 1907 co «Delirio» e o «Senén», construídos xa especificamente para o transporte de viaxeiros e que logo serían explotados por Legarda. Mais, ao pouco tempo, xa operarían tamén na ría, os «Sagasta», «Gloria», «Victoria»... que, dependendo de distintos patróns ou sociedades (Riera, Iglesias, Cortegoso, Conde...) tamén se apuntarían ás rutas do transporte entre Vigo, Cangas, Moaña, Meira, Domaio, San Adrián, Rande, Cesantes e A Regasenda (Redondela). Tamén en abril de 1909 se bautizaría en Cangas polo párroco Valentín Graña, o yatch de 38 metros de eslora, a vela e vapor, «Wolverine I» que fora mercado en Inglaterra pola viúva de Marcelino Barreras a través da empresa Unión de Vapores de Pasaje Reunidos. A explotación deste barco corría a cargo de A. Míguez e Bernárdez, destinándoo preferentemente para rutas turísticas, aínda que cara a 1921 tamén o atopamos facendo pasaxe de ría con Cangas, pasando en 1928 a Vapores.
Nestas datas, os vapores xogaban un papel importante na afluencia de xentes de Vigo ás festas (Dolores, Cristo...) ampliando as viaxes e sobre todo retrasando a hora de retorno para que permanecesen máis tempo en Cangas.

A visita da infanta Isabel a Cangas en abril de 1906. / A.A.
A “guerra” do chocolate
Xa falamos do uso de pesqueiros reconvertidos á pasaxe e dos desembarcos de usuarios e mercadorías con pasarelas nas praias ata que se levanta en 1905 en Moaña, un peirao de madeira pola sociedade “El Progreso” que se vai sumar ao do Con, utilizado desde antes desta data. En Cangas restauraríase tamén o peirao de madeira con motivo da visita da infanta Isabel en xullo de 1906. Nestes anos consta oficialmente que operaban na pasaxe desde Cangas, un vapor, cinco balandros e tres galeóns.
Mais a partir de 1911, co remate do espigón do porto, aparecen xa novas empresas como a de José Legarda Ferro que comezaría utilizando os barcos «Delirio» (tamén facía o servizo de faros) e máis o «Senén» (a Vapores en 1923 como «Nuevo Senén») que foran antes de Mouriño como dixemos. Tamén desde Moaña, comeza a operar en competencia, o empresario Gómez Román “Patán”, que tira os prezos facendo estalar unha das moitas pugnas polo servizo.
Neste puro exercicio de dumping da época, o prezo dos billetes chegaría a ser nulo (gratis) e a compañía de Legarda incluso iría máis alá, ao darlle chocolate, gratuitamente, a todos os que viaxaban nos seus barcos a Moaña: Despois disto, a competencia non aguantaría e abandonaría o servizo.
*Mestre e investigador
- La Guardia Civil desarticula dos grupos dedicados a la sustración de gasoil de camiones tras detectar un vehículo con garrafas en Moaña
- La Policía Local de Cangas detiene en una persecución a un individuo al que se le encuentran 13 envoltorios con cocaína
- El moañés afectado por el desplome de un talud de la Autovía sigue con la casa sepultada
- Ataque de un hombre a varias mujeres en la avenida de Marín, en Cangas
- Detenido por violencia de género en Moaña tras discutir y romper el móvil de su pareja
- Retenciones en la Autovía do Morrazo a las playas debido al corte de un carril por las obras de conservación del viaducto en Meira
- Agosto se cierra con problemas de barcos en A Borna y de picaduras en A Xunqueira
- Darbo alarga un día más su estancia en la Romaría