A protección das rías galegas fronte a ataques inimigos y Unha costa permanentemente ameazada

Vixías, alarmas e milicias (I)

Aproveitando unha nova conmemoración do asalto berberisco a Cangas en 1617, o autor fai un percorrido histórico polos sistemas de vixilancia e alarma na costa galega

O Facho, recibía o nome oficial de garita de Punjeiro, mais tamén o de Poajeiro en alusión á néboa e poalla.

O Facho, recibía o nome oficial de garita de Punjeiro, mais tamén o de Poajeiro en alusión á néboa e poalla. / Marta G.Brea

Xerardo Dasairas*

A costa galega xa foi desde a antigüidade un lugar de paso de naves de todo tipo e con diferentes intencións. Estes periplos marítimos podían ser comerciais mais os que marcaron a historia das nosas costas foron os da conquista romana, os ataques dos viquingos e normandos, os dos turco-berberiscos e os de flotas de guerra dos paises inimizados coa coroa española, con desembarcos e batallas sanguentas. Para a prevención destes ataques crearíase unha rede de vixías ao longo da costa con fachos, atalaias, velas, garitas...

O control da costa xa aparece como unha constante ao longo da prehistoria tal como nos mostran diversos petróglifos con gravuras de barcos, situados en lugares elevados. Mais, non sería ata o século IX (844) cando se producen os primeiros ataques viquingos ás nosas costas, cando o arcebispo de Santiago comeza a construir unhas fortificacións costeiras para protexer a ruta do río Ulla cara a Santiago. Como estes ataques continuasen, agora por normandos e logo por berberiscos, o rei decide construír unha serie de atalaias e castelos costeiros como as Torres do Ulla, erguéndose tamén un deles en Aravo (Darbo) en Cangas para protexer esta zona. Os ataques dos berberiscos foron inicialmente unha forma de tentar debilitar a retagarda da reconquista do territorio árabe, mais seguirían durante séculos despois, como vinganza polas súas posteriores derrotas no mar Mediterráneo.

Xa en 1495, prevendo estas represalias árabes, os Reis Católicos danlle orde ao gobernador de Galicia Diego López de Haro “que en toda la costa de la mar de este Reyno se ponga mucha guarda e recabdo en todos los lugares, de velas e rondas de noche en las atalayas e guardas de día a los puertos, para aver los navíos que vienen por la mar”. Nestas datas, viña exercendo como xuíz ordinario de Cangas Tristán de Montenegro y Sarmiento e por nomeamento do arcebispo, tamén “cabo e capitán de la gente de guerra de la villa de Cangas”.

Campanario de Sta. Mª da Atalaia en Laxe séc. XIV.

Campanario de Sta. Mª da Atalaia en Laxe séc. XIV. / A.A.

Durante o século XVI e por un longo periodo de 80 anos, Galicia aínda non desempeñaba un papel estratéxico no marco atlántico polo que había unha falta de financiación regular destinada ao mantemento de tropas profesionais, recorrendo á nobreza e ás cidades como recurso de tropas que asegurasen a defensa da costa. Xa que logo, as milicias concellís locais, asumirían a defensa da costa e do territorio galego, evidenciando unha deixación de responsabilidades, xa que estas tropas bisoñas adoecían de importantes eivas. A primeira era o rexeitamento dos entes concellís a prestar estes servizos fóra do seu territorio, logo estaban os custes de armalas, municionalas, uniformalas e adestralas, polo que derivaron nunha escasa preparación, facéndoas pouco operativas.

En 1552, no inicio da guerra con Francia, admítese que as milicias formadas polos naturais de cada zona teñen dificultades para a defensa dos portos galegos xa que “no sólo son quatro puertos y surgideros de navíos, sinó quarenta y dos, y ninguno de todos, ocupado de los enemigos de su majestad o de vuestra alteza, se puede sustentar y defender, salvo La Coruña”.

Nestas circunstancias, en marzo deste ano, Filipe II, sendo príncipe aínda, dalle orde ao gobernador e capitán xeneral de Galicia, marqués de Cortes, mariscal de Navarra, de que axunte á xente dese reino que fose necesaria para a defensa de lugares e portos costeiros, nomeando para iso a unha persoa, que exercese de sarxento xeneral de toda esta xente “para que los hordene. Y que la gente que se juntare para hazer la dicha defensa y socorro vaia armada y en la orden que conviene para el buen efeto dello, hordenamos y mandamos que, por todo el tiempo que durare la dicha presente guerra, todas y qualesquier personas naturales y avitantes en el dicho reyno, que vivieren y moraren e andobieren dentro de tres leguas de la costa de la mar del, puedan traer y traigan vallestas, sin otra licencia más de la que por esta nuestra carta les damos, y asimysmo las puedan traer la gente que el dicho Marqués hiziere juntar para yr a los dichos socorros, dándoles él licencia para ello, por el tiempo que se ocuparen en ello, desde que salieron de sus casas hasta que buelban a ellas, no enbargante la proivición y vedamiento que está puesto para que no se puedan traer vallestas en el dicho reyno, para lo qual, en quanto a esto, dispensamos, quedando en su fuerça y vigor para en lo de más adelante, y mandamos a los alcaldes mayores del dicho Reyno, y a otras qualesquier justicias de que así lo guarden y cumplan, e hagan guardar e cumplir”.

Un mapa cos principais puntos de vixía na costa galega a finais do século XVIII.

Un mapa cos principais puntos de vixía na costa galega a finais do século XVIII. / A.A.

Asemade, para a vixilancia da costa comezaron a construirse nos montes máis elevados e dando vista unaha a outras, torres de pedra circulares nas que facían garda os veciños dos pobos máis próximos por turnos de 24 horas: “Las ahumadas las hacen con tojos y xestas, leña del país que es una contribución de los vecinos de poca utilidad para ellos. En algunos lugares con atalaias muy próximas se izaban banderas como señales de comunicación y por la noche se hazian hogueras con leña seca”.

En febreiro de 1563, Rodrigo Pacheco, marqués de Cerralbo, capitán xeneral do Reino de Galicia, emite provisión para que cidades, vilas e lugares poñan velas e centinelas, facendo afumadas pois andan franceses luteranos que apresan navíos nas nosas costas. Nestas datas exercía como capitán de la villa de Cangas y tierra del Morrazo, Teodosio de Romay y Sotomayor. Despois de rematar o conflito con Francia, ábrese unha confrontación con Inglaterra que vai provocar os ataques de Drake a Galicia en 1585 (Vigo) e 1589 (A Coruña) que viñeron demostrar que as milicias ou tropas concellís non resultaban efectivas nestas situacións de emerxencia e optouse por incrementar considerablemente o número de soldados de gornición nalgúns portos estratéxicos como Baiona ou A Coruña co conseguinte aumento do gasto militar.

Diferentes uniformes e armamento de milicianos galegos.

Diferentes uniformes e armamento de milicianos galegos. / A.A

Contodo, os demais portos da costa galega seguían baixo a protección das milicias locais, organizadas por señores ou fidalgos que adquerían o rango de capitán ou alférez, segundo a cantidade de homes que constituían a súa compañía, tendo como mando da zona a un sarxento maior. Nestas datas as reclutas facíanas os xustizas da vila e o nomeamento dos xefes da tropa correspondíalle en Cangas ao arcebispo, mais a comezos do século XVII, o capitán xeneral de Galicia só permite que sexa o arcebispo quen propoña unha terna, sendo o xefe militar quen escollese o da súa preferencia, non podendo removelo do cargo o arcebispo sen exporlle os motivos ao capitán xeral.

Na altura de 1594 como estivese moi desordenado o servizo de milicias e vixías na xurisdición de Pontevedra (incluía Cangas), o “gobernador militar de la gente de guerra de Galicia,” Diego das Mariñas, requírelle ao Sarxento Maior da zona que obrigue aos capitáns a levar un libro cos nomes dos compoñentes da súa compañía. Asemade reitera a obriga de facer alardes (instrución) e escaramuzas sin excepción “de los hijos de algo” (fidalgos), aínda que non tivesen nin armas, nin cabalo e que aos milicianos máis pobres se lles darán pas e aixadas. Manda, ademais que de ser posible, cada compañía estea formada nunha metade por arcabuceiros e a outra por piqueiros, establecéndose un retén de 25 homes ou máis, rotativo entre as compañías de milicias establecidas en catro leguas desde a costa (uns 16 qm.) e revisando as vixías de cabos e montes, establecidas anteriormente polo marqués de Cerralbo, gobernador militar de Galicia.

Cando en 1617 se produce o ataque berberisco a Cangas, era cabo das milicias do partido Payo de Montenegro, maese de campo que residía en Pontevedra, a quen o sarxento maior Fernando de Romay y Troncoso lle pasa aviso para que mobilizase as tropas dos capitáns Pedro Costas Franco, Pedro Bermúdez de Sotomayor e Domingo Prego de Montaos capitán de cabalería da compañía de Cangas, ademais dos alféreces Domingo Pérez Hurtado e Domingo Rodal.

Plano dunha garita, que vén a mostar que a do Facho parece parte dunha atalaia inacabada pois sempre se denomina como vixía ou garita principal.

Plano dunha garita, que vén a mostar que a do Facho parece parte dunha atalaia inacabada pois sempre se denomina como vixía ou garita principal. / A.A.

Despois deste desastre, cuestionouse o asunto das milicias en Cangas pois, no cruzamento de responsabilidades, non quedaba claro a quen lle correspondía a xurisdición, se ao arcebispo ou ao capitan xeneral. Pola continua presenza e ataques de corsarios berberiscos a vilas das rías de Pontevedra, Arousa e Muros no ano 1622, vaise iniciar desde 1625 a construción de moitos fortíns artillados, un deles en Cangas, ubicado na zona da praia do Señal. Neste ano tamén se propón a construción dun forte en Marín, con dúas baterías para protexeren o estreito entre Tambo en caso dun ataque a Pontevedra.

Mais non sería ata 1659, sendo capitan xeral de Galicia, o Marqués de Viana, cando se iniciasen as obras, reforzándose tamén as defensas de Cangas e da punta de Bouzas,así como o sistema de vixías que alertaban da presenza de barcos extranos ao longo da costa galega.

A política belicista do conde-duque de Olivares

A política belicista do conde-duque de Olivares provocaría que desde 1636 aumentase a contribución financieira de Galicia e de recrutamento, así como os gastos militares, que aumentarían coa rebelión independentista portuguesa en 1640, incrementándose a presión fiscal. A maior parte do presuposto de guerra destinaríase ás levas, prexudicando o financiamento das forzas de infantería cuxa misión era defender o territorio galego. Desde o comezo da guerra con Portugal xa se evidenciou a negativa dos galegos á recluta voluntaria para esta guerra, o que o gobernador militar de Galicia, marqués de Valparaiso, interpretou como “un horror que los naturales le tienen a la guerra y el problema es que no habrá voluntarios, porque todos los soldados gallegos que sirven en estos tercios son forzados, tanto como si estubieran en galeras y ni con castigos ni diligencias humanas se les puede obligar a que subsistan ocho días en la frontera”.

Para captar novos reclutas galegos incrementaron a soldada a catro reais diarios para ver se se alistaban “por la codicia de goçar de estos socorros”, mais o certo é que os ministros de Madrid erraban totalmente pois as xentes de Galicia dicían que nin dándolle 50 reais a cada soldado conseguirían que saisen os suficientes voluntarios. Os que foron reclutados á forza, segundo os partes e comunicados oficiais dos mandos españois, explican desde o seu entender esta postura dos galegos: “Resistencia pasiva de los paisanos gallegos... La falta de ayuda de los naturales es una de las principales dificultades... No es posible creer sinó que los mismos naturales guiaran a los enemigos para tal hecho...”

Normas para o funcionamento de fachos e garitas, datadas en 1739.

Normas para o funcionamento de fachos e garitas, datadas en 1739. / A.A.

Un oficial español sobre os galegos: "Son viles gallinas, traidores y otras cosas que no caben en todo el papel"

Un parte dun oficial español recolle que: “Tengo por insoportable la pensión del trato de estos gallegos... son viles gallinas, traidores y otras cosas que no caben en todo el papel. Por esto, sugiero no mandar gallegos a Flandes pues aquí rehullen la batalla con el portugués pese a tratarse de su país, y aún estando interesados en su país, huyen y no permanecen en el ejercito”. Queda claro que o enfrentamento cos portugueses non se aceptaba moi ben en Galicia polos vínculos atávicos de veciñanza e a estreita relación existente nunha fronteira que tiña pouco diso.

En 1642 e coa anuencia do arcebispo, estaba encargado da defensa de Cangas o capitán Luis Mariño de Soutomaior quen ademáis exercía o cargo de rexedor da vila. A este sustituiríao Gonzalo de Saavedra Figueroa, señor do pazo do Rosal (Moaña) e corsario, quen ao falecer e a proposta do arcebispo Fernando de Andrade e Sotomayor, sería sustituido polo seu fillo Nicolás de Saavedra Romay y Figueroa, segundo señor do pazo do Rosal.

O seu nomeamento polo capitán xeneral Diego de Benavides y La Cueva, conde de Santisteban, produciuse o 16 de xaneiro de 1651 outorgándolle o rango de capitán e sarxento maior da “compañía de milicia, oficiales y soldados de la villa de Cangas por ser persona plática y de experiencia”.

*Investigador

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents