Cangas, en barricada fronte aos piratas

Concello, Ningures e A Defensa da Vila ultiman a Feira dos Invasores e a representación teatral sobre María Soliña que atraerá milleiros de persoas a vindeira fin de semana

Representantes políticos, con actores a actrices, onte na presentación do evento.   | // G.NÚÑEZ

Representantes políticos, con actores a actrices, onte na presentación do evento. | // G.NÚÑEZ

Gonzalo M. Portela

A programación que o mal tempo truncou o ano pasado retómase e medra para facer de A Defensa da Vila-María Soliña unha cita destacada no calendario cultural e festivo de Cangas. Será a vindeira fin de semana e inclúe exposicións, a Feira dos Invasores 1617, ruada, xogos populares, rutas guiadas, concertos e representación do espectáculo teatral a cargo de Teatro de Ningures sobre textos de Xosé Manuel Pazos. Unha morea de colectivos colaboran para que a festa volva a ser un éxito e os promotores convidan a saír ás rúas e facer fronte ao invasor con moitas gañas de pasalo ben.

“O ano pasado a choiva estropeou parte do evento, pero iso non nos bota para atrás”, anuncia a concelleira de Cultura, Aurora Prieto, e augura unha “superdefensa da vila” que consolide esta cita aínda máis do que xa está. Con este obxectivo traballan desde o Concello de Cangas, a asociación Cultural A Defensa da Vila e Ningures Produción, que dan os últimos retoques a unha programación que inclúe unhas xornadas culturais, feira dos invasores e a representación teatral que se repite cada ano e que non deixa de sorprender ao numeroso público que se cita no centro urbano para facerlle fronte aos piratas turcos berberiscos e disfrutar da festa para superar as penas.

O evento bota a andar o venres día 27 coas xornadas culturais, que inclúe a exposición de Devanceiros do Mar “unha mirada atrás”, na Capela do Hospital, e a ponencia “A invisibilidade das mulleres na historia, María Soliño”, a cargo de Guillermina Domínguez no salón de plenos. Tamén abre a Feira dos Invasores 1617, con mercado artesán de época, atraccións infantís e outras actividades nos Xardíns de Soage. O pregón de Teatro de Ningures corre a cargo co Cego coa zanfona e autoridades. Logo haberá un akelarre na fonte do Cabalo e o palco da alameda, máis ruada e concerto da Asociación Cultural Peis d´hos.

O sábado 28 abrirá a Feira dos Invasores antes da ruada e concerto pola Asociación Cultural María Soliña, obradoiros e xogos con A Illa dos Ratos na contorna da praza de abastos, ruada e concerto da Asociación Cultural Tromentelo e de Lembranzas da Ría e akelarre de Teatro de Ningures na fonte do Cabalo e o palco da música, seguido de ruada por Ameaça de Bombo.

A alcaldesa, Araceli Gestido, e as concelleiras Aurora Prieto e Sagrario Martínez, con roupa de época.

A alcaldesa, Araceli Gestido, e as concelleiras Aurora Prieto e Sagrario Martínez, con roupa de época. / G. Núñez

O domingo 29 preséntase como día grande e comezará cunha visita guiada pola Cangas de 1617 e os lugares da defensa da vila, a cargo da asociación A Illa dos Ratos. Para participar é necesario inscribirse previamente, vía whatsapp do teléfono 611 080 853. A media mañán, ruada por Lume de Karoso, e pola tarde collerá o relevo o grupo de danzas Pais de San Roque. Tamén haberá unha actuación infantil dos Monifates na contorna da praza de abastos e a ambientación “Cangas 1617” na Feira dos Invasores. Os piratas turcos berberiscos tomarán posicións para o desembarco, e arredor das 8 da tarde comezará a representación teatralizada de “A defensa da Vila-María Soliña”, con textos de Xosé Manuel Pazos e o poema de Celso Emilio Ferreiro.

Unha vintena de colectivos colaboradores

Semellante evento non sería posible sen a colaboración de arredor de 20 colectivos, ademais de voluntarios a título particular, destacan os organizadores, que aínda gardan sorpresas en axenda. Salvador del Río suliñou “a gran sorte que ten Cangas” de contar con tantos valores culturais e patrimoniais, como é María Soliño, muller convertida en símbolo contra a opresión e a inxustiza que toman forma nesa representación teatral. A honra de darle vida recaeu nos últimos anos na actriz Mónica Camaño, e este en Sonia Salgado, alumna da Escola de Teatro de Cangas, mentres que Pedro Barba e o Demo seguen a ser Lois Soaxe, que xa está facendo exitosas representacións polos colexios. Sonia Rúa encárgase do vestiario de época, con prendas recicladas e que na presentación de onte portaron tamén a alcaldesa, Araceli Gestido, e as concelleiras Aurora Prieto e Sagrario Martínez, que convidan e animan á participación masiva.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents