Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Honores e distincións no Concello de Moaña

O autor fai un repaso sobre os persoeiros que foron distinguidos polo pleno moañés ao longo de diferentes momentos históricos

Fernando García Arenal coa súa familia no Con, no ano 1915.

Fernando García Arenal coa súa familia no Con, no ano 1915. / Foto Cantero

Xesús Cancelas Franco*

Moaña

No Pleno do Concello de Moaña do día 26 de marzo de 2010, sendo alcalde o veciño de Verducedo Xosé Manuel Millán Otero apróbase o regulamento que se debe seguir para conceder honores e distincións por parte da corporación municipal.

No seu artigo número 2 dise que para premiar especiais merecementos, beneficios sinalados ou servizos extraordinarios obtidos ou presentados no terreo espiritual, científico, cultural, deportivo, artístico, político, económico, social e turístico ou outros méritos equivalentes créase a medalla de Moaña de ouro ou de prata. Asimesmo, o nomeamento de Fillos/as Predilectos/as e Adoptivos/as, de Rexedores/as Honorarios/as e de Cronista Oficial do Concello. Esta mesma normativa rexerá para dar nomes as rúas, prazas, parques, xardíns ou calquera outro tipo de instalacións públicas.

Antes da publicación deste regulamento e durante moitísimos anos as corporacións municipais dispuxeron arbitrariamente da potestade de distinguir as persoas que consideraban que tiñan méritos para concederlle estes honores e distincións.

Restauración Borbónica

Á proposta do Alcalde Emilio Barros Balea o primeiro de xaneiro de 1910 a corporación nomea a Eugenio Montero Rios e a Eduardo Vicenti Reguera como Fillos Predilectos e Adoptivos de Moaña. Montero natural de Santiago e domiciliado no Pazo de Lourizán en Pontevedra, foi varias veces Ministro e incluso Presidente do Consello de Ministros e Vicenti natural da Coruña e apadriñado por Montero Ríos, foi durante varios anos Deputado en Madrid pola provincia de Pontevedra e incluso Alcalde de Madrid. Os dous formaron parte do Partido Liberal e representaban o caciquismo político en Galicia dispoñendo de amplas redes clientelares por todo o seu territorio.

Dictadura de Primo de Rivera

O día 6 de agosto de 1924, según publicaba o Faro de Vigo, Fernando García Arenal fillo de Concepción Arenal é nomeado pola corporación municipal como Fillo Adoptivo de Moaña. En 1915, sendo alcalde José Parada Costa, a Fernando e con motivo das súas xestións en Madrid en favor de obras que se necesitaban en Moaña, nomeadamente obras portuarias, propuxéronlle que a rúa entre o Pontillón e o Porto de Moaña levase o seu nome. Este decidiu renunciar decindo que él non tiña méritos para semellante distinción pero quen si os tiña era a súa nai Concepción Arenal, e desde ese mesmo ano de 1924 a rúa leva o nome da súa nai e a él poríanlle o nome a unha rúa no Con.

O alcalde republicano fusilado José Fandiño Pidre nunha foto dos anos 20.

O alcalde republicano fusilado José Fandiño Pidre, nunha foto dos anos 20. / Arquivo A.C.Nós

O día 23 de xaneiro de 1925 Alfonso de Borbón y de Habsburgo (Alfonso XIII) e a reina consorte Victoria Eugenia de Battenberg, foron nomeados Alcaldes Honorarios de Moaña a proposta do teniente alcalde Manuel Pardo por ausencia do alcalde Ernesto Carballo García que se atopaba en Madrid nunha concentración en homenaxe ao “amado rei” en desagravio pola que decían campaña difamatoria de españoles que non merecían selo no extraxeiro. A “campaña” era promovida por diversos intelectuales a raíz de un libro publicado por Blasco Ibáñez. Victoria Eugenia e a primeira e única muller que recibe semellantes honores sin que nin ela nin o seu marido tiveran méritos para elo.

O día 29 de outubro de 1925, o alcalde Ernesto Carballo García é nomeado Fillo Adoptivo de Moaña e o mesmo tempo poñerlle o seu nome á rúa entre o Puntillón e a baixada a San Bartolomeu. Isto foi aprobado en sesión plenaria presidida polo teniente alcalde Manuel Pardo, por atoparse o alcalde de novo en Madrid. Tamén se acorda facerlle un gran recibimento pero cando o alcalde chegou a Moaña foi destituido.

O dia 25 de agosto de 1927, sendo alcalde Manuel Pereira Molanes, Daniel de la Sota y Valdecilla e nomeado por unanimidade da corporación Fillo Adoptivo de Moaña. Era natural de Cantabria e todopoderoso Presidente da Deputación, tamén foi cofundador do Museo de Pontevedra e primeiro Presidente da Caixa de Aforros Provincial.

II República

O día 8 de novembro de 1931, a corporación municipal presidida por José Romero Piñeiro, e a proposta do alcalde de Blanes, e nomeado Alcalde Honorario de Moaña Pío Díaz Pradas que fora alcalde de Jaca durante a revolución de octubre de 1930. Durante eses días Díaz proclamara a República e por tal motivo foi condeado a morte sendo logo indultado. O acordo Plenario foi tomado por unanimidade e o mesmo acordo foi tomado por tódolos concellos de España.

José Romero, alcalde desde 1931 ata 1936 durante a II República.

José Romero, alcalde desde 1931 ata 1936 durante a II República. / Arquivo A.C.Nós

O día 2 de setembro de 1934, a proposta do alcalde José Romero Piñeiro, a corporación municipal nomea Fillo Adoptivo e Predilecto de Moaña a Emiliano Iglesias Ambrosio que era natural de Ponteareas e nese momento Deputado en Cortes por Pontevedra. Era moi amigo de Romero despois de defendelo e sacalo do cárcere por un conflicto por social durante a Monarquía, tamén pertencían os dous ao Partido Republicano Radical. Tiña unha reputación dubidosa despois de defender a algúns contrabandistas, entre eles a Juan March. O 17 de agosto de 1935 nun homenaxe popular entrégaselle o diploma concedido a Iglesias e o mesmo tempo José Romero recibe a Medalla de Prata da Orden da República.

Dictadura Franquista

O dia 31 de decembo de 1936, a corporación municipal imposta polo réxime e presidida por Jesús Seoane López nomea a Francisco Franco Bahamonde Fillo Adoptivo de Moaña e Predilecto de España como se apresuraran a facer o resto de corporacións de España. Ese mesmo día foi fusilado o alcalde republicano José Fandiño Pidre, que fora destituido cinco meses antes. O 29 de decembro de 2016 a corporación municipal presidida por Leticia Santos Paz correxiu esta inxustiza retirándolle o título a Franco e concedéndolle o de Rexedor Honorario a José Fandiño Pidre a título póstumo.

José Pazó Rodríguez no seu despacho da Cia. Trasatlantica Española, nos anos 50.

José Pazó Rodríguez no seu despacho da Cia. Trasatlantica Española, nos anos 50. / Arquivo familiar

No ano 1954 José Pazó Rodríguez foi nomeado Alcalde Honorario e membro de Honor da Corporación. Pazó que era natural de Moaña residía en Madrid, era unha persoa importante no Réxime chegando a ter moitos cargos en distintas empresas, destacando o de Consejero no Banco Exterior de España e Consejero Delegado na Compañía Trasatlántica Española onde embarcou a moitisima tripulación de Moaña, Cangas e dos entornos en trasatlánticos como o Begoña, Montserrat, etc. O seu nomeamento non tivo moita trascendencia.

Durante este período noméase con frecuencia na prensa e en algúns documentos que tamén recibiron distincións José Soage Hermida, Enrique Rubido de la Gándara e outros pero so atopei constancia de que lle foi posto o seu nome a rúas importantes da vila.

*Membro da A.C. Nós

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents