“A luz do vento” na Capela do Hospital

Esculturas e fotografías de Agustín Bastón, ata o 4 de agosto en Cangas

Agustín Bastón, revisando a súa obra na Capela do Hospital.

Agustín Bastón, revisando a súa obra na Capela do Hospital. / G. Núñez

G.M.P.

Cangas

É un tópico dicir que Agustín Bastón ten madeira de artista, pero tamén é certo que non se concibe a súa obra sen este material no que combina con devoción actividade laboral e devoción artística. “A luz do vento” é o título que abarca a vintena de pezas de pequeno e mediano formato que expón na Capela do Hospital desde hoxe e ata o vindeiro 4 de agosto, na que descubre esculturas modeladas con axuda da natureza, coas formas que extrae das árbores ou que van labrando as ondas do mar ata que derivan nalgún recuncho como náufragos que chegan ás costas.

Di Bastón que recurre á “luz do vento” como metáfora deste momento e para centrar a mirada, artística e social, nas cousas boas e malas que acontecen e nos rodean e que moitas veces pasan desapercibidas entre o ruído mediático. Exemplos desa mirada son “Faro de luz”, unha peza de madeira con resina e pigmentos de cor; “Presenza e ausencia da auga”, unha composición de pezas de madeira a modo de cadro que foi traballando coa axuda dos fungos entre a humidade e que semella unha paisaxe desértica; “Guerra ou coñecemento?”, que reflexiona sobre a guerra como fracaso da sabedoría acumulada; “Acubillo da memoria”, “Horizontes rotos” ou “O home da floresta”, que fai referencia á vida e os bosques que se queiman, e outros motivos de reflexión desde a arte.

As pezas expostas están á venda con prezos que van desde 90 a 340 euros. Onte foi a inauguración oficial, e estará aberta ao público ata o vindeiro 4 de agosto na céntrica Capela do Hospital, en Cangas.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents