Saltar al contenido principalSaltar al pie de página

Opinión

Prohibido envellecer no Morrazo

Euloxio López*

Ó longo da historia a vellez foi considerada desde distintas perspectivas e formas de pensamento. Nas culturas orientais e na grecolatina, os vellos estaban presentes en espacios sociais importantes e impartían xustiza.Mesmo deron nome a unha cámara lexislativa, Senado (senex-anciano ). Para Platón e Sócrates, ser vello representaba experiencia e sabiduría, mentras que para Aristóteles os vellos vivían máis do que debían, eran egoístas e a súa atención era un desperdicio. 2.000 anos despois estes conceptos seguen marcando a base de actuación das políticas sociais das Administracións tal como quedou demostrado nos diferentes protocolos de actuación ante a pandemia de COVID, onde se visibilizaron as diferentes preferencias políticas que os gobernantes dan ó trato dos maiores.

Os vellos son hoxe víctimas silenciosas dunha crise económica que carga sobre a Terceira Idade unha doble responsabilidade: custodiar os netos e coidar os pais, función social pouco valorada polo poder que racanea coa súa pensión e os abandona na súa dependencia.Para uns, vello é igual a solución, para outros, é igual a problema. Ser vello non significa o mesmo para todos nin é o mesmo ser vello en Galicia que en Navarra ou en Cangas que Allariz onde hai tres residencias.

Galicia é a terceira Comunidade Autónoma que conta coa poboación máis envellecida do Estado só detrás de Asturias e Castela León pero, á súa vez, ocupa un dos últimos lugares en número de prazas en residencias de maiores.

Dispón de 22.865 camas das que só o 25% son de carácter público ou concertado para unha poboación de 700.000 persoas maiores de 65 anos. A ratio de prazas en residencias galegas é de 3,3 % mentras que en Asturias é do 5,5% e en Castela León é o dobre , 7,7%. Esa é a gran diferencia. Dende o goberno bipartito só se construiron en Galicia 4.865 prazas das cales máis de 900 débense a Amancio Ortega.

Se a situación galega é do peor do Estado, a do Morrazo é do peor de Galicia. A Comarca con 229 prazas nas residencias de Cangas e Marín para unha poboación de 83.159 habitantes, cunha ratio de 0,27% é incalificable.

Isto obriga a que xente do Morrazo se vexa forzada a buscar praza fóra da comarca co conseguinte alonxamento dos usuarios tanto do seu medio como da familia grazas á irracional política de construccións de residencias. Danse circuntancias inexplicables como o feito de que en Monforte de Lemos para unha poboación de 18.600 habitantes haxa 4 residencias con 382 prazas e a 10 km estanse construindo outras dúas para un total de 3.900 habitantes. Decisións políticas aberrantes fóra de toda lóxica salvo que sexa esa a alternativa para acabar coa despoboacion do rural, encher as residencias do interior con xente da costa e das cidades.

Pero se a necesidade de camas en residencias é evidente non é menos grave a situación de persoas que necesitan Axúda a Domicilio pois os servizos municipais en Cangas están atendendo a 104 persoas e teñen unha lista de espera de 150 con moi malas perspectivas de mellorar a situación xa que a Administración Autonómica e Estado responsables dos servizos sociais, cada ano reducen as súas aportacións para dar cobertura a unha poboación con cada vez máis vellos.

Así, mentras en 2017 cubrían o 77,7% do seu coste e os concellos cubrían o 6,07%, na actualidade a Xunta cubre o 63,25% cargando ós concellos co 23,57%. Desta maneira despraza ós concellos a responsabilidade das prestacións sociais : Ata cando aguantarán? Por outra parte, en Cangas das case 200 persoas que asisten a un centro de día só un 40% conta con axuda deixando desamparados un 60%

Este diario, nunha información do 27 de xuño, alértanos da crise demográfica que se aveciña no Morrazo logo de 13 anos perdendo poboación e de que máis dun millar de veciños superan os 90 anos. Con estes datos non fai falla unha bola de vidro para adiviñar o futuro e como dicía Churchill: “Un bo político ten que saber o que vai pasar mañá e pasado mañá”.

É hora pois, de que alguén se poña as pilas e dote o Morrazo das infraestructuras necesarias para que os vellos da Comarca dispoñan, cando menos, das mesmas prestacións que o resto dos galegos. Mentras tanto Xunta e Deputación non se den por enteradas, queda prohibido envellecer no Morrazo.

*Exalcalde de Cangas

Tracking Pixel Contents