Entrevista |

Unha espera compartida

A peza baséase na relación directa que establece a actriz co público

Gaby Muñoz, Chula The Clown, durante a súa representación na Mostra de Cangas.

Gaby Muñoz, Chula The Clown, durante a súa representación na Mostra de Cangas. / Diego Seixo

Ana Abad de Larriva

A maxia do encontro vertebra “Perhaps, Perhaps... Quizás”, de Chula The Clown, a peza que clausurou a 41ª MITCFC e que conseguiu alzarse co premio do público desta edición. Trátase dun traballo de teatro xestual creado hai 14 anos por Gaby Muñoz, e interpretado por ela, que tivo e segue a ter un grande éxito internacional.

Nun espazo que evoca tempos pasados, Greta agarda escribindo cartas e ensaiando unha e outra vez o día da súa voda. Teno todo (ou case todo) preparado, agás o noivo; por iso imaxina e agarda un pretendente que nunca chega. O público é testemuña, mentres se vai volvendo pouco a pouco parte implicada no xogo escénico. Greta comeza a interactuar coas persoas espectadoras, pedíndolles axuda coa execución da marcha nupcial, e, finalmente, coa procura dese noivo perfecto co que poder culminar os seus desexos de pasar polo altar.

A peza baséase, pois, na relación directa da clown co público, a través do contacto visual que establece e das súas reaccións xestuais ou de proposta de accións ao que acontece no patio de butacas, outorgándolle un carácter moi performativo. Vólvese así un xogo continuo co momento presente que a actriz incorpora con pericia dentro da dramaturxia. A implicación do público é fundamental para o desenvolvemento da peza e para que nesa espera compartida se produza un cambio. En Cangas, veciñanza, visitantes e a propia alcaldesa deixáronse implicar na proposta. As gargalladas foron continuas, nese riso que xorde da vulnerabilidade propia ou allea, amosada como espello, ante a exposición, o medo ao ridículo ou ao inesperado, a que alguén nos saque da zona de confort e xogue connosco, e tamén os fortes aplausos cómplices para quen se deixa envolver dentro do xogo, nutrindo a obra e amosando a súa humanidade.

A poética visual do espazo escénico e do vestiario ten a capacidade de introducirnos máis no universo propio de Greta, e, por debaixo dos volantes e tules e do merengue e as fresas da tarta, fíltrase a idealización romántica do amor e do matrimonio e de todos os detalles que se asocian coa súa celebración. Na obra está tamén presente a presión social que reciben as mulleres para encaixar dentro duns moldes estéticos, se queren gustar ou mesmo gustarse, así como a tiranía vinculada á idade, que incrementa o medo ao paso do tempo e á soidade. Esa capa de tristura situada por debaixo do humor reforza a empatía e a conexión.

Conseguirá Greta atopar o amor e casar? Será quen de desfacerse do peso do pasado, das cartas que non foron a máis, das promesas non cumpridas? Terá a súa historia un final feliz ou será o acontecido no encontro co público unha nova (des)ilusión? Son respostas que se renovan en cada función, no que achega cada encontro, que fai que a peza sempre sexa diferente. O que non cambia é a boa acollida que recibe, grazas á habelencia da súa actriz e creadora.

Suscríbete para seguir leyendo