Crítica

A metamorfose do estrañamento

Debaixo da grosa capa da parodia cóase unha visión ampla da adolescencia

Representación de “A idade de Cacifo” no Auditorio.   | // LA MOSTRA

Representación de “A idade de Cacifo” no Auditorio. | // LA MOSTRA

Ana Abad de Larriva

Unha larva que está a medrar de xeito acelerado antes da eclosión que a converta en bolboreta. Con esa metáfora para referirse á adolescencia abriu a compañía portuguesa Peripécia Teatro a súa peza "A Idade do Cacifo", que se puido ver na 41ª MITCFC. No xogo retórico que empregan, o casulo é o “cacifo”, ese armario pequeno que hai nalgúns centros educativos para gardar a mochila, os libros, a roupa deportiva, a merenda... E o “cacifo” tamén como ese cuarto pequeno en que pecharse para abeirarse do mundo, da presión social doutras xeracións, pero tamén da propia. A vida toda metida nun cubículo (e non se abre aquí o melón das redes sociais).

Con esa imaxe da larva que vai medrando dentro do casulo ata a súa metamorfose tamén poderiamos resumir a evolución da propia obra. Esta arranca coa imaxe dos armarios e con varias cancións que, cunha forma paródica, presentan o tema e os conflitos de arranque. Na interpretación da actriz e dos dous actores hai unha teatralidade tan marcada nos xestos e na voz que, tal e como é desenvolvida, parece non ter modo de evolucionar. Isto, xunto co paso continuado dunha canción a outra, e un acompañamento musical que carga o ambiente, con algúns acoplamentos de son e distorsións na voz falada do músico/actor, que dificultan a recepción, xera un certo estrañamento. Estas primeiras escenas remiten a unha sorte de parodia musical psicodélica, e non hai nelas unha progresión clara.

Porén, co decorrer da peza, van permitindo que xurdan os silencios e que respiren e medren os gags físicos e obxectuais, mentres desenvolven un maior xogo cos armarios. A música vaise integrando dun xeito máis fluído coas accións físicas e co texto, e o músico/actor vai saíndo do seu armario propio, para interactuar directamente co que acontece no resto da escena. Pouco a pouco, o casulo vai rompendo: vaise definindo a progresión, o público vai conectando cos códigos, e, sen perdelos, o elenco vai permitindo que xurdan outros matices na súa interpretación, xerando unha complicidade co público que vai impulsando a emisión de risos e bos comentarios no patio de butacas.

Os cambios físicos e psicolóxicos que se producen nesa etapa da vida; o medo a non encaixar, ás expectativas, ao futuro pero tamén ao presente, ao acoso, á burla e aos alcumes, á violencia verbal e tamén á física, non só no instituto ou noutros espazos fóra da casa, senón tamén dentro dela; nun momento de gran vulnerabilidade, na busca e/ou reafirmación da propia identidade e o propio presentarse e estar no mundo... son algunhas das cuestións que se abordan, así como a visión que teñen as xeracións maiores da mocidade. Debaixo da grosa capa da parodia cóase, pois, unha visión ampla sobre os conflitos da adolescencia, que toca cuestións moi serias.

Suscríbete para seguir leyendo

TEMAS

  • Mostra Cangas
  • MITCF (Mostra de Teatro de Cangas)
  • Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
  • Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas
Tracking Pixel Contents