Entrevista | Daniel Chapela Poeta
“A poesía é unha das mellores ferramentas políticas”
O autor presenta mañá no Centro Social do Mar o seu poemario “Biscoito de laranxa”

Daniel Chapela, nunha imaxe promocional. / Irene Curra
Gañou en 2002 o segundo premo de Xuventude Crea na modalidade de poesía e hoxe Daniel Chapela converte ese “Biscoito de laranxa” na súa primeira publicación. Mañá será presentada no Centro Social do Mar ás 12 horas nun acto no que tamén participarán Marcos Calveiro e Anna R. Figueiredo.
– Como senta presentar o seu primeiro poemario e facelo na “casa”, en Bueu?
– É un momento moi especial, pois implica compartir un anaco de min co meu concello natal e coa terra na que teño mortos soterrados.
– Amais o libro ven de ser editado por Galaxia, a editorial galega máis antiga e fundada polos grandes pais do galeguismo. Supón unha honra ou responsabilidade adicional?
– Eu creo que supón ambas as dúas cousas, ademais dunha oportunidade para a obra.
"A vida é aquilo que transita entre biscoitos de aniversario e cemiterios"
– O certo é que o título de “Biscoito de laranxa” fai pensar en algo doce, mais a realidade é ben distinta. A perda dun ser querido, o peso da familia e os recordos son o fío do poemario que parece ter unha fonda carga autobiográfica.
– A vida é aquilo que transita entre biscoitos de aniversario e cemiterios, entre a celebración da vida e a asunción da perda daquelas persoas que nos ensinaron a amar. Ademais, ninguén morre se o amamos, porque queda inmortalizado na nosa memoria.
– Dixen antes o peso da familia, máis creo que o correcto neste caso sería dicir a carga abafante. É certo que as amizades as escollemos e a familia vén imposta. Os poemas parecen oscilar entre o cariño e a lembranza a esa perda e o rancor e un poético axuste de contas familiar.
– Biscoito de laranxa non pretende ser un axuste de contas con ninguén, porque está escrito desde o amor e desde a dor, pero nunca desde o odio. O libro evidencia o que acontece en milleiros de infancias, nas que hai figuras masculinas opresoras e familias que semellan non comprender o que acontece ou, peor, non lle dan importancia. Os poemas falan, pois, da necesidade de buscar aire.

Daniel Chapela, xunto a un lavadoiro. / Irene Curra
– Os galegos temos moi enraizado o autoodio e a autoxenreira. Pero vostede nalgún momento parece levalo máis alá: “Puxéchesme nome de profeta,/ como se puidese anunciar a devastación que viría/ tras de min”. Non sei se esa devastación é metafórica ou ten algo de real…
– Coido que, a devastación da que se fala nese poema, expresa a sensación que sinte calquera neno que medra cunha figura maltratadora e que cre que é culpa súa. Detrás desas tensións, por exemplo, pode haber divorcios. Iso é devastación, as ruínas do día despois.
"Míriam Ferradáns foi a que fixo que comezase a escribir poesía"
– No poemario cita a dúas poetas galegas: a bueuense e multipremiada Míriam Ferradáns e a Xela Arias, homenaxeada nas Letras Galegas. Son dúas influencias para vostede?
– Creo que, para min, a influencia neste caso é a poesía de Ferradáns, pois foi a que fixo que comezase a escribir poesía e a que me abriu unha poética da familia e da perda. Outra podería ser Ismael Ramos.
– Se me permite un pouco de humor para rematar, con Ferradáns ten en común que amais da poesía pasou pola política local, aínda que sexa con siglas e momentos ben diferentes. Riman ben a poesía e a política? Faríalle ben á política un chisco máis de poesía?
– Coido que non temos en común o feito de pasar pola política local, senón que a política pasou por nós. Claro que riman ben! A poesía é unha das mellores ferramentas políticas, e escribir en galego é tamén unha mostra de compromiso político. O que precisa a política é sensibilidade e, sobre todo, reflexión. Precisa máis poesía e, se se me permite, máis poetas.
Suscríbete para seguir leyendo
- «Quedarán prohibidas las comunicaciones por WhatsApp entre familias y profesores. Se harán a través de un canal oficial y dentro de un horario»
- El antiguo concesionario Opel de la Avenida de Madrid será un hotel de 3 estrellas y 132 habitaciones
- Cazan al arrastrero portugués «Coimbra» por presunta pesca ilegal en uno de los caladeros estratégicos de la flota gallega
- La afición del Friburgo se rinde al «aura» de Balaídos y Vigo: «Estuve en muchos estadios y esto es una experiencia 10/10 »
- Un ourensano intenta pasar la ITV con un coche y una caravana vinculados a una estafa sufrida por un riojano
- Bertín Osborne actuará en la Festa do Galo, con María Mera de pregonera
- El Concello de Moaña contrata, por primera vez, un técnico para acelerar las tramitaciones en todos los departamentos
- Un desahucio sin inquilinos en Vigo que se prolongó año y medio: «Se fueron, dejaron de pagar el alquiler pero no pudimos entrar hasta ahora»