Na efeméride de San Urbano, o patrón da Policía Local | Precedentes históricos

A Policía Local de Cangas (e V)

148 anos da súa creación

Plantel da última Policía Municipal: J. M. Álvarez, Félix Juncal, Tievo, Edelmiro, M. Millán, J. L. Domínguez, J. L. Barreiro, F. Santos (Chuco), Víctor, Ángel, Rafa, Gago, Juan, Luciano Tenorio, Martín Piñeiro, Fernando Piñeiro, C. Córdoba, Pancho Piñeiro.

Plantel da última Policía Municipal: J. M. Álvarez, Félix Juncal, Tievo, Edelmiro, M. Millán, J. L. Domínguez, J. L. Barreiro, F. Santos (Chuco), Víctor, Ángel, Rafa, Gago, Juan, Luciano Tenorio, Martín Piñeiro, Fernando Piñeiro, C. Córdoba, Pancho Piñeiro. / Arquivo do autor

Xerardo Dasairas*

Coa aprobación da Constitución en 1978, as policías locais tamén teñen que adaptarse ao novo marco legal democrático. Desde 1986, despois da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, as policías municipais serían consideradas corpo de seguridade. Iníciase a súa reconversión en Policias Locais, cun cambio de imaxe e novas dotacións que serían comúns a todas as de Galicia, creándose ademais na Estrada un centro para a sua formación específica.

Nun plenario celebrado en 1978 e en aplicación da orde de febreiro de 1976 vaise acordar a suba de soldos aos funcionarios segundo o seu rango e función desenvolvida no Concello. Aínda que hai gratificacións maiores a outros funcionarios, as correspondentes aos Gardas Municipais van ser de 1.050 pts. mensuais para dez dos axentes, 350 pts.(?) para o xefe da policía e ningunha para os dous auxiliares pois non eran funcionarios ainda. Neste ano a plantilla dos Gardas Municipais estaba formada polos axentes: Amador Núñez Martínez, Luis Fernández Fernández, José A. Fernández Villar, Manuel Millán Malvido, Julio Juncal Sequeiros, José Piñeiro Cancelas, Agustín Camaño Gestido, José Montero Vizcaino, José Tievo Ruibal, Carlos Córdoba Solla, Luciano Tenorio González, Alfonso Fontán Soliño (auxiliar) e Jesús Rodal García (auxiliar).

En abril deste mesmo ano tamén se crearían dúas novas prazas de axentes motorizados que debían contar co preceptivo carné de moto. O 26 de outubro de 1978, por acordo plenario, crearíase a praza de cabo ou subxefe de Policía Municipal a cubrir por un dos gardas existentes e a de motorista e chófer do primeiro vehículo posto ao seu servizo que ocuparía Martín Piñeiro Chapela. Este vehículo, un Seat familiar, era coñecido entre os axentes como “a ambulancia”, pois fora adquerido para prestar este servizo en casos urxentes xa que en Cangas non existía ningunha. A finais de 1980 vai xubilarse o “xefe” Amador, abríndose unha velada loita pola súa sucesión...

Nace a Policía Local

Coa aprobación da Constitución en decembro deste ano 1978, a ata agora denominada Policía Municipal comezaría a adaptarse a un novo modelo de actuación que resaltaba o seu servizo á comunidade e o respecto á dignidade das persoas. Coa descentralización do Estado prevista na Constitución, Galicia aprobaría en abril de 1981 o seu Estatuto de Autonomía e o 13 de marzo de 1986 ratificaríase a Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade na que se recolle que lle corresponde ás comunidades autónomas, con arranxo á mesma lei e á de réxime local, coordinar as actuacións das policías locais dentro do seu ámbito territorial, considerándoas un Corpo de Seguridade máis, xunto coa Policía Autonómica e as de ámbito estatal, a Nacional e a Garda Civil.

Nesta data, coa creación da Policía Local, damos por finalizado este percorrido pola súa historia, moi antiga, e a súa evolución e avatares que trancorreron desde facer cumprir os bandos e normas municipais, cobrar fielatos, pequenos tributos, presenza en actos públicos, notificacións, dirixir o tráfico... ata as novas competencias asinadas pola Lei de 1986 que remataron cunha denominada Brigada Nocturna, creada en 1985 ao ser Cangas o concello de Galicia con maior número de delitos contra a seguridade cidadán.

Manuel Costas e Manuel Millán

Manuel Costas e Manuel Millán / Arquivo do autor

Desde aquel ano e ata hoxe, a súa tarefa cotiá contaría con máis funcións e responsabilidades, adaptadas aos nosos tempos, contando para a súa formación desde 1992 coa Academia Galega de Seguridade da Estrada de onde saen formados os axentes que conforman as Policías Locais de 127 concellos de Galicia. Contodo, e antes de que saisen as primeiras promocións, a Policía Local de Cangas asumiu entre o 1991 e 1993 un importante papel na persecución do tráfico de drogas, colaborando e realizando máis de 200 detencións.

Mais, isto xa é outro relato, e aínda que xa pasaron máis de trinta anos, aínda pode ser contado polos seus propios protagonistas. Atrás quedaron anos de servizos de todo tipo e na lembranza popular os alcumes individuais cando eran poucos, e no colectivo, a veces por simple sinécdoque e outras con afán denigratorio, recibiron ao longo da súa historia, alcumes como “guindillas, municipais, tablillas, pitufos...” Mais, por enriba do anécdotico, sobrancea un longo, entregado e innegable servizo cidadán que, coas suas luces e sombras, quizáis non saibamos valorar axeitadamente no seu contexto, e iso pretendimos con esta cativa aportación histórica.

Diferentes distintivos da Policía Local de Cangas.

Diferentes distintivos da Policía Local de Cangas. / Arquivo do autor

Dúas frases populares emanadas dos corpos de vixilancia

* “A boas horas, mangas verdes” .

As referencias documentais constatan a existencia de dous “alcaldes de la Hermandad” no daquela aínda denominado Porto de Cangas no ano 1493 con motivo da construción da nova igrexa, o que acarrexaba certos problemas con algúns veciños. A presenza destes “alcaldes” (xuíces) tiña as súas razóns, non tanto polo problema en si, senón pola asistencia a esta reunión de Álvaro de Soutomaior, conde de Camiña, que viña reclamando Cangas como propio e estaba considerado como nobre indisciplinado. Esta especie de “policía nacional”, fundada polos Reis Católicos dezasete anos antes, tiña como misión nestas datas en Galicia, someter aos nobres galegos, evitar as suas tropelías e dar certa seguranza nos camiños, aínda que nisto, ao dicir da xente, non eran moi dilixentes e da sua lentitude en acudir e pola cor verde do xubón que vestían, xurdiu o dito. Porén, hai quen opina que este dito xurdiu máis tarde cando se constitúen no XIX os gardas municipais e que algúns como os de Madrid ou de Pontevedra vestían casacas verdes.

Mangas verdes no século XV.

Mangas verdes no século XV. / Arquivo do autor

Aínda que semelle paradoxal, a disolución oficial das Hermandades medievais aínda se produciría oficialmente 400 anos máis tarde por un decreto do 7 de maio de 1835, fundándose logo en 1844 a Garda Civil cun papel máis concreto en canto á seguranza nos camiños e a persecución dos delitos nos ámbitos rurais. En Cangas, a Benemérita vaise establecer no ano 1886 e do cabo e catro axentes do posto pódese constatar documentalmente a gran actividade despregada, a pesar da ampla área a cubrir pois tamén incluía os concellos de Bueu e Moaña.

Pitos dos serenos.

Pitos dos serenos. / Arquivo do autor

* “Tomar a un polo pito do sereno”.

Estes gardas nocturnos acabaron recibindo o nome de serenos polo uso desta palabra, a preferida da cidadanía, nos seus anuncios meteorolóxicos. Contodo, o “instrumento” máis utilizado era o subiote co que daban as alarmas, chegando a ser odioso para os durmintes e incluso para a Garda Municipal que debía concorrer puntualmente no lugar a esta chamada de urxencia. Como na maioría dos casos o aviso era innecesario ou unha falsa alarma, isto deu pé a este vello dito, logo empregado no sentido de intento de abuso, desprezo ou tentar rirse de alguén.

O garda municipal Evangelio en 1971, nunha caricatura de Daniel Eiroa

O garda municipal Evangelio en 1971, nunha caricatura de Daniel Eiroa / Daniel Eiroa

"EI tráfico, lo primero"

En agosto do 1971 cando se produce este episodio, xa se percibe a mudanza nas sensibilidades sociais pero os agora denominados policias municipais, neste caso Evangelio, aínda aplicaban, sen concesións a un caso de emerxencia, as estritas consignas establecidas que, loxicamente obviaban “a man esquerda” pertinente neste caso.

"Sucedió el domingo pasado en Cangas. Resulta que un bañista se produjo un corte profundo en Ia planta de un pie al pisar posiblemente el casco roto de una botella abandonada sobre Ia arena. Unas personas que estaban próximas al lugar donde se produjo el accidente –Rodeira, para ser más exactos– se aprestaron a conducir al herido hasta donde pudiera hacérsele una cura de urgencia. Con las prisas consiguientes que requería el caso, el vehículo particular donde era conducido tomó por una calle con el disco rojo y la franja blanca que era de dirección prohibida. Pero, hete aquí, que la maniobra fue vista por un guardia municipal cuyo nombre es muy similar al de un texto bíblico, que tras Ia consiguiente y celtibérica amonestación, con argumentos que ya se pueden figurar, procedió a multar al desinteresado automovilista. Por lo que se ve las cruces negras o del color que pinte el bolígrafo, tienen preferencia sobre Ia roja de las asistencias sanitarias."

María Ledo na súa xubilación en 2017 tras 36 anos de servizo.

Marina Ledo na súa xubilación en 2017 tras 36 anos de servizo. / Arquivo do autor

A muller na Policía Local

O acceso da muller á Policía Municipal, ainda baixo o Franquismo, vai iniciase en Córdoba en 1970 coa adscrición de dez axentes femininas ao corpo local e dous anos despois a de Madrid integraria tamén a unha muller no seu plantel. En Galicia, o Concello da Coruña sería o primeiro en incorporar en 1978 a tres mulleres axentes e no ano 1981 ingresaría na Policía Local de Vigo a primeira axente feminina, Marina Ledo, que nesta data residía en Darbo.

En 1984 a Policía Local de Santiago integraría á primeira muller e no ano seguinte a de Pontevedra incorporaría sete da mesma promoción. A primeira muller que accedeu a unha xefatura da Policia Local foi Mª Carme Roca, exercendo en Vilagarcía desde 1987. En Cangas foron varias as mulleres que actuaron como auxiliares mais, actualmente, o plantel só conta cunha axente feminina.

Funcións da Policía Local (Ley 20/4/2007)

a) Protección das autoridades locais e custodia dos edificios e instalacións.

b) Ordenar, regular, sinalizar, denunciar infraccións e dirixir o tráfico no ámbito do concello de acordo co establecido nas normas de tránsito e seguridade viaria.

c) Instruir atestados por accidentes de circulación no ámbito da súa competencia dentro do chan urbano legalmente delimitado con comunicación á Garda Civil ou á Policía Autonómica.

d) Policía administrativa no relativo ás ordenanzas, bandos e demais disposicións municipais dentro do ámbito da súa competencia. e) Participar nas funcións da Policía xudicial na forma establecida na normativa vixente.

f) Prestar auxilio nos casos de accidentes, catástrofes ou calamidades públicas, seguindo os protocolos dos plans de protección civil.

g) Efectuar dilixencias de prevención e cantas actuacións tendan a evitar a comisión de actos delituosos no marco de colaboración establecido nas xuntas de seguridade e con comunicación ás forzas do estado (Garda Civil no caso de Cangas).

h) Vixiar os espazos públicos e colaborar coas forzas e corpos de seguridade do Estado e coa Policia de Galicia na protección das manifestacións e o mantemento da orde en grandes concentracións humanas, cando sexan requiridos para iso.

i) Cooperar na resolución dos conflitos privados cando sexan requiridos para iso.

j) Calquera outras funcións en materia de seguridade pública que, de acordo coa lexislación vixente, lles sexan encomendadas.

En virtude de convenio entre a Xunta e os concellos, no marco das competencias da Policía de Galicia, a Policía Local tamén pode exercer, dentro do seu ámbito municipal, as seguintes funcións:

a) Velar polo cumprimento das disposicións ditadas pola Xunta, con especial atención á protección do menor, o medio ambiente e a muller, sobre todo no ámbito da violencia de xénero.

b) A vixilancia e protección de persoas, órganos, edificios, establecementos e dependencias da comunidade autónoma e dos seus entes, garantindo o normal funcionamento das instalacións e a seguridade dos usuarios dos servizos.

e)A inspección das actividades sometidas á ordenación e disciplina da comunidade autónoma, denunciando toda actividade ilícita.

d) O uso da coacción para a execución forzosa dos actos ou disposicións da propia comunidade autónoma.

*Mestre e investigador

Suscríbete para seguir leyendo