Volven as mulleres da conserva de Cangas
A Asociación Cultural A Cepa publica a oitava edición do libro monográfico adicado ás traballadoras de ribeira

Unha imaxe antiga na baleeira de Massó. / A Cepa
Fernando Cuñarro*
As Mulleres da Conserva está sendo o de maior éxito editorial da asociación A Cepa. Publicado por primeira vez no ano 2009 aparece nesta oitava edición coa portada a cor e pinturas da artista Nuria Guardiola. Con este libro A Cepa inaugurou a colección de monografías que divulgaron o noso pasado: urbanismo, música, escolas, mariñeiros, etc poñendo en valor todos os esforzos e traballos da xente da nosa vila.
Nunha vila mariñeira como Cangas podemos rastrexar unha morea de construcións relacionadas co traballo do mar. Así dende a Pedra Alta até a Congorza, en algo máis cincocentos metros de costa, atopamos unha depuradora de mariscos en funcionamento a carón da vella fábrica de conservas de Cervera, os restos da vella fábrica de Chamadoira na Pedra Alta, a impresionante fábrica de Massó no Salgueirón onde traballaron centos de mulleres de Cangas. Na Congorza, a vella fábrica da anchoa e, en punta Balea, a vella factoría baleeira.
Foron as mulleres da beiramar as que cargaron co transporte do peixe nos portos de Galiza, as mesmas que o facían chegar aos mercados das rías e ao interior das nosas aldeas.

Na entrada da xornada de traballo. / A Cepa
Foron elas quen tiveron que descargar a man os balandros de Antolín na praia de Rodeira, cangando con grandes caixas na cabeza coas pernas metidas na auga até os xeonllos. As que armaron e repararon as redes imprescindibles para pescar, fiándoas e remendándoas para seren usadas na pesca do cerco, coidando os aparellos e asoallándoos para ventilalos.
Foron as mulleres as que prepararon as cascas das árbores coas que encascar os aparellos, as que levaron a auga ás caldeiras, transportaban a leña, coidaaban do lume e tinxían as redes.
As conserveiras de Cangas, mulleres da mar tendida. A todas elas, ás mulleres da ribeira, ás traballadoras da conserva, vai dedicado este libro.

Foto da portada da reedición do libro con mulleres en Massó en 1965. / A Cepa
A conservación de alimentos foi unha constante dende tempos remotos. Podemos considerala unha arte herdada da prehistoria. Na parroquia de Nerga téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nunha salgadoira e no veciño concello de Bueu apareceron restos de salgadoiras e ánforas de barro da época romana, para o transporte de produtos conservados.
Sabemos, polos historiadores Murguía e López Ferrero, que na Idade Media saíron, do porto de Cangas, grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire, en máis de oitenta pataches, que se exportaban para portos andaluces, do Cantábrico e de Portugal. E que xa no século XVI exportábase ostra escabechada á veciña Castela,
Un dos ilustrados de máis sona, Cornide Saavedra, escrebe un libro sobre a pesca da sardiña nas costas de Galicia. Cangas era a vila de maior volume de capturas de sardiña e de maior número de embarcacións dos portos da ría.

Mulleres da conserva coas latas na man. / A Cepa/ Nuria Guardiola
Os cataláns introduciron novas artes de pesca en troques do cerco e prensaron a sardiña no canto de tratala co procedemento tradicional do escunchado. Desprazaron do negocio ás pequenas familias galegas e os descendentes destes forasteiros deron paso á nova industria da conserva. A conserva converteuse no gran motor que transformou a pesca.
A profesora da USC Luisa Muñoz Abeledo ten publicado na súa tese de doutoramento que “a industria conserveira tendeu a localizarse de forma universal alí onde a pesca era abundante e onde a man de obra era barata. Os empresarios optaron por un uso intensivo de man de obra feminina pouco conflitiva e con salarios baixos. O home colocábase con traballo estable mentres que a muller quedaba relegada a un segundo plano, desempeñando unha grande variedade de tarefas na planta de fabricación con contratos extremadamente flexibles en función das necesidades da actividade industrial. A promoción interna non funcionaba para as mulleres que seguiron relegadas aos primeiros peldaños ocupacionais e salariais. Durante o primeiro tercio do século XX as mulleres xogaron un papel clave na mellora dos niveis de vida das familias da costa galega”.
*Asociación Cultural A Cepa
Suscríbete para seguir leyendo
- Cangas multará de forma directa y sin actuar subsidiariamente a los propietarios de fincas sin limpiar que sean reincidentes
- El Concello de Cangas achaca la contaminación en la playa de Menduíña a la acumulación de grasa en el bombeo y revisa las arquetas en busca de algún vertido ilegal
- El PP pide responsabilidades al gobierno local por los vertidos en las playas y el «caos en el balizamiento»
- Dispositivo de la Guardia Civil para intentar localizar a Jaime, un vecino de O Hío desaparecido
- El olímpico Carlos Pérez y un compañero del Club de Mar Ría de Aldán socorren a dos accidentados cuando iban a competir en Asturias
- Mas de 50 personas en la primera visita guiada al Pazo de Santa Cruz
- Un camión de 30.000 kilos destroza la acera de la calle Pérez Prado de Moaña
- Ney lleva seis años esperando una familia en la Protectora do Morrazo