Entrevista | Carlos Henrique Fernández Coto Presidente da Federación de Alfombristas de Galicia

“A expulsión da Asociación Alfombras de Bueu debe ser o principio da calma e a Xunta aprobou o relevo”

O responsable federativo asegura que o seu paso vai ser “efémero”, con vontade de “facer unha transición tranquila”

O presidente da Federación de Alfombristas de Galicia, Carlos Henrique Fernández Coto.

O presidente da Federación de Alfombristas de Galicia, Carlos Henrique Fernández Coto. / FdV

A Federación de Alfombristas de Galicia –antes Federación de Asociacións de Alfombristas Galegos de Arte Efémera– vive tempos convulsos desde hai máis de dous anos cun enfrontamento entre a Asociación Cultural Alfombras de Bueu e o resto de colectivos. En febreiro de 2023 o entonces presidente, Manuel Alonso (integrante da Asociación Alfombras de Bueu, que preside a súa dona, Carmen Santos) foi destituído e unha nova xunta directiva asumiu o control. O seu presidente é o arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, que amais é presidente da Asociación pola Defensa do Patrimonio de Galicia (Apatrigal). Esta semana comunicouse o acordo de expulsión da asociación bueuesa da federación, así como que este colectivo ten impugnado, entre outros procedementos, o cese de Manuel Alonso. Un asunto que chegará aos xulgados en xaneiro de 2025.

–O anuncio feito esta semana da expulsión da Asociación Cultural de Alfombras de Bueu significou abrir de novo a caixa dos tronos, se me permite a expresión. Como se chega a esta situación?

–A expulsión da asociación bueuesa pecha un ciclo. Todos agardamos sexa o principio da calma que precisa unha entidade altruísta cargada de valores humanos, traballo en equipo e libre de intereses particulares. Todas as asociacións da federación entenderon que a asociación expulsada incumpriu sempre os valores que defendemos, eles sempre miraron máis polos seus intereses que polos do colectivo. O propio anterior presidente da federación deixou de exercer as súas funcións por defender á súa asociación e isto foi encadeándose con feitos que consideramos ilícitos. Unha precisión: falamos da Asociación Cultural Alfombras de Bueu. Hai outra asociación da vila, Cunchas e Flores de Bueu, que forma parte da federación e que non ten que ver cos feitos denunciados.

–Vostede asumiu a presidencia da Federación en febreiro de 2023, despois de que se impulsara un proceso de destitución do anterior presidente, Manuel Alonso. Como foi ese procedemento, que agora está impugnado nos xulgados por supostas “irregularidades” e cuxa audiencia está prevista para xaneiro de 2025?

O proceso de relevo na directiva fíxose tal e como establecen os estatutos e foi aprobado pola Xunta de Galicia, polo que é totalmente legal. Ante a desidia do anterior presidente, todas as asociacións propuxeron a súa substitución –como está previsto nas normas– e aprobárono por unanimidade. O feito de denuncialo ante os xulgados por parte del non é mais que un xeito de facernos perder o tempo, porque o Rexistro Central certificou, en varias ocasións, a legalidade da nova xunta directiva.

"Retirar moitos cartos sen xustificar, entre o nomeamento da nova xunta directiva e o cambio de titulares da conta bancaria, é un feito moi grave"

–Cre que hai base ou fundamentos para que os tribunais anulen esas decisións adoptadas no seno da Federación?

Non hai base ningunha para anulala. Pero no hipotético caso de que o fixera, convocariamos novas eleccións ás que Bueu non se podería presentar por ter sido expulsada.

–No comunicado emitido o luns sobre a expulsión da Asociación Cultural Alfombras de Bueu fan referencia ata a 16 motivos para adoptar esa decisión, falando incluso de retiradas de cartos. Cales cren que son os feitos máis graves desa lista? Máis alá da denuncia pública realizada, sopesan acudir aos tribunais?

Retirar moitos cartos no último momento e sen xustificar, entre o nomeamento da nova xunta directiva e o cambio de titulares da conta bancaria, é un feito moi grave. As nosas avogadas exploran a denuncia nos xulgados do penal para dirimir responsabilidades. Non deixa de ser grave que o anterior presidente ignore ao resto das asociacións durante máis dun ano, facendo alfombras paralelas nas que utilizou a nosa imaxe corporativa, ocultándonos as actividades da Coordinadora Internacional de Entidades de Alfombristas de Arte Efímero (CIDAE), e á cal pertencemos; insultar á tesoureira en público ou a presidentes de outras asociacións. Boicotear varias asembleas para defender intereses persoais tamén o consideramos grave.

De esquerda a dereita: Carlos Henrique Fernández; a tesoreira da federación, Paula Juncal (Moaña Antiqua) e o director da Axencia Galega de Turismo, Xosé Merelles, na celebración da alfombra do Apóstolo en 2023 en San Martiño Pinario.

De esquerda a dereita: Carlos Henrique Fernández; a tesoreira da federación, Paula Juncal (Moaña Antiqua) e o director da Axencia Galega de Turismo, Xosé Merelles, na celebración da alfombra do Apóstolo en 2023 en San Martiño Pinario. / FdV

–Tamén parecen poñer en dúbida a veracidade do presunto roubo de material denunciado en Bueu antes do Corpus de 2022.

Ese episodio non ten nin pés nin cabeza. Acusan a membros da federación de ladróns, pero se analizamos vendo os vídeos e as declaracións da presidente de Bueu, darémonos conta de que as cousas non cadran.

–A Federación polo que vostede explica que está inscrita no rexistro da Xunta e creo que opta a axudas e subvencións públicas. Desde a Xunta puxéronse en contacto con vostedes nalgún momento para solicitar información ou explicacións acerca do que está acontecendo? Sería factible ou existe o risco de que a Administración interveña a Federación?

Non hai risco ningún. Dende que Manuel Alonso non é presidente as contas da federación son claras e transparentes e están a disposición de calquera administración que as queira consultar. Non pasaba coa anterior presidencia, na que tiñan as facturas metidas nun caixón de Bueu, sen ordenar e sen levar a contabilidade.

"Dende que Manuel Alonso non é presidente, as contas da federación son claras e transparentes"

–Que ten ou que é tan importante na Federación para que se formase semellante conflito? Desde fóra semella que debe haber algún tipo de interese económico e/ou personalistas.

Todas as asociacións federadas o teñen claro, e ese foi un dos motivos da expulsión de Bueu. Trala súa marcha, páganse os desprazamentos aos alfombristas, salvo ao presidente, que renunciei a cobralos. Páganse con transparencia os materiais e o avituallamento. Anteriormente, os alfombristas entregaban os recibos ao presidente e nunca chegaron a cobralos.

–Cales son as prioridades que marcou a actual xunta directiva que vostede preside desde que asumiron a dirección da Federación?

O meu paso pola presidencia da federación vai ser efémero. Unicamente a miña intención é facer unha transición tranquila e convocar eleccións. Neste momento temos moitos proxectos sobre a mesa, e temos a intención de integrar novas asociacións –xa hai tres novas– á federación. O que nos negaremos é a integrar a persoas sen personalidade xurídica, como se facía anteriormente, dando informacións falsas aos medios de comunicación. Nunca estivo Cangas, nin Marín, nin Miño nin As Pontes dentro da federación, como comunicaba o anterior presidente.

–Hai algún tipo marxe para o entendemento coa asociación expulsada ou iso parece descartado?

Neste momento conseguimos a paz na federación, grazas á expulsión dos únicos que causaban problemas internos. Ten que pasar moito tempo e curar moitas feridas para que as asociacións que sufriron o acoso constante e a burla por parte da Asociacion Cultural Alfombras de Bueu llo perdoen aos seus integrantes.

–O que parece evidente é que o principal prexudicado por esta polémica é o propio mundo do alfombrismo e as persoas que agachan o lombo para facer as alfombras de arte efémero.

–Ese é, precisamente, o principal motivo polo que nos pareceu desafortunado o episodio montado co roubo do local de Bueu. Non merecen os alfombristas de Galicia que haxa personaxes que manchen este mundo tan amigable, tan xeneroso e tan colaborativo. Agardo que as novas sobre alfombrismo, a partir de agora, sexan sobre a excelencia dos traballos e coñecemento dos nosos alfombristas.

Suscríbete para seguir leyendo