Mary Poppins deixa Londres e múdase a Cela

O colexio de A Torre presenta ante as familias unha adaptación do popular musical

Mary Poppins disponse a medir aos nenos da familia Freire.

FDV

Bueu
O colexio de Cela escolleu este ano como proxecto temático a música, unha actividade que incluíu unha adaptación do popular musical de Mary Poppins. O traballo de todos estes meses foi presentado onte no auditorio do Centro Social do Mar cunha representación que foi un sonado éxito.

A popular Mary Poppins decidiu deixar atrás Londres. A institutriz abriu o seu coñecido paraugas e deixou que o vento do norte a trouxera voando desde a capital inglesa ata a fermosa parroquia de Cela. Atrás deixou o mesto neboeiro londinense e o Tamésis para virse ao lado do mar de Bueu, que sen dúbida é moito máis fermoso.

Detrás desta mudanza está o colexio de A Torre-Cela, que onte presentou nun Centro Social do Mar ateigado de público a súa adaptación do popular musical de Disney. Unha montaxe na que participaron os máis de 120 nenas e nenos do centro, desde os de 3 anos ata 6º de Primaria, e que contou coa colaboración de toda a comunidade educativa. “Cada ano traballamos sobre un proxecto temático e este ano escollemos á música cun programa que decidimos chamar ‘Son de Cela’, facendo unha especie de xogo de palabras”, explican desde a dirección.

O público que ateigaba o Centro Social do Mar para asistir ao musical de Mary Poppins do colexio A Torre de Cela.

O público que ateigaba o Centro Social do Mar para asistir ao musical de Mary Poppins do colexio A Torre de Cela. / Fdv

Así, Mary Poppins cambia a familia Banks polos Freire, que para iso se viu a Bueu, e adéntrase na parroquia de Cela, percorrendo algúns dos seus lugares máis recoñecidos, como a área recreativa de Chans ou o Eirado. E tamén deixou mostras de adaptarse moi rápido ao humor e as expresións da zona. “Hai que ver como se poñen estes cando se enfadan, nin que foran de Cangas”, soltou nalgún momento.

Esta representación estaba vencellada á programación das Letras Galegas e durante a representación apareceu incluso a escritora e violinista Luísa Villalta, a autora á que está adicada a data do 17 de maio. O espectáculo, cunha duración de case hora e media, foi todo un éxito e o público rendeuse ante o despregue musical e imaxinativo dos rapaces.

Suscríbete para seguir leyendo

Tracking Pixel Contents