Aldán convértese en Belén

O colexio Sagrada Familia recrea e interpreta un nacemento como felicitación de Nadal

O colexio Sagrada Familia de Aldán conseguiu converter unha parte da parroquia nun lugar moi semellante a Belén. Unha Virxe María xunto a San Xosé buscando cobixo, unha pousadeira que nega o aloxamento, pastoras, lavandeiras e, por suposto, un anxo e os tres Reis Magos forman parte do reparto co se escenificou un nacemento dramatizado para felicitar o Nadal a toda a comunidade educativa.

A gravación forma parte dos proxectos da Área de Dramatización e Escenificación, que ao longo do curso inclúe a rodaxe de curtas vencelladas coa cultura e tradición. Nestas datas non hai nada máis tradicional que a recreación do Nacemento en Belén.

O colexio Sagrada Familia escenifica un belén vivente

Cedido

Máis dunha ducia de estudantes puxéronse diante da cámara para contar a chegada a Belén de San Xosé e a Virxen María e o nacemento do neno Xesús. O alumnado do Sagrada Familia non tivo que ir moi lonxe para esta rodaxe. As localizacións forman parte da contorna de Aldán e contaron coa colaboración desinteresada de veciños que tiñan animais e espazos axeitados para esta recreación.

Así, entre os protagonistas desta fermosa curta está a burra Salomé, que Agustín prestou gustosamente para que fose a montura da Virxe María. Ou as ovellas de Mari e Salvador, que tan ben foron atendidas polas pastoras. Tamén a Asociación de Veciños de Gandón cedeu o seu local para que este proxecto tan especial. Nesta posta en escena é fundamental a música, que a través da canción “Nadal de Luintra” do grupo Berrogüetto, sirve como fío conductor da historia.

“Esta experiencia foi unha oportunidade para o alumnado á hora de experimentar co mundo audiovisual e un detalle moi fermoso como invitación de Nadal para as familias”, destacan desde o departamento de Educación Artística do colexio Sagrada Familia.

Suscríbete para seguir leyendo